Créase un grupo para mellorar a contratación de seguros no sector da castaña

Créase un grupo para mellorar a contratación de seguros no sector da castaña

Reunión da comisión

A comisión territorial de seguros agrarios acordou onte crear un grupo de traballo para fomentar a contratación de seguros dentro do sector da castaña, adecuándoos á realidade de Galicia, a principal produtora deste froito en España. A contratación de pólizas entre os produtores de castaña é moi baixa, malia que a produción pode sufrir importantes oscilacións dun ano para outro debido á seca, xeadas ou a pragas como a avespiña do castiñeiro.

Na reunión celebrada na Consellería de Medio Rural participaron participaron responsables da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa), de Agroseguro, da Delegación do Goberno en Galicia, Organizacións Agrarias e cooperativas.

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, destacou que a Xunta incrementou este ano un 8% a partida de axudas para a contratación de seguros agrarios, ata os cinco millóns, a cantidade máis alta dos últimos seis anos. Desta forma compénsase en parte a baixada de 10 puntos porcentuais que aplicou o Ministerio de Agricultura nas súas axudas en todas as liñas de seguro, agás a retirada de cadáveres. Desta forma, dende Medio Rural destacan que en Galicia todos os gandeiros e agricultores manteñen a porcentaxe da subvención recibida en torno ao 40% en todas as liñas. O ano pasado en Galicia, a través destes seguros o sector recibiu en compensacións máis de 23 millóns de euros.

Por parte das organizacións agrarias, Javier Iglesias, responsable de Gandería de Unións Agrarias recoñece que “a partida de axudas da Xunta para contratar seguros agrarios incrementouse nuns 400.000 euros respecto ao pasado ano, pero hai que ter en conta que viñamos duns anos nos que o goberno da Xunta aplicou importantes recortes, polo que tampouco a partida deste ano é a máis elevada da historia”.

Aumenta un 43% a contratación de pólizas no sector do viño

Durante a reunión, analizáronse tamén os resultados do programa iniciado por Medio Rural co obxectivo de fomentar a contratación de seguros no ámbito vitivinícola, adaptando as pólizas á realidade de Galicia, caracterizada polo minifundio, a existencia de castes autóctonas e moita viticultura a tempo parcial. O plan consistiu na creación dun grupo de traballo onde estiveron presentes todas as denominacións de orixe e a Evega, como centro especializado, e desta mesa saíu unha proposta de revisión dos prezos das indemnizacións que finalmente foi incorporada por Enesa.

Así, dende Medio Rural destacan que “grazas a este cambio incorporado o 1 de outubro, a día de hoxe xa se rexistra un importante aumento no número de pólizas no sector, ao pasar de 518 en 2016 a 743 no 2017 (un 43% máis) e que darán cobertura para o presente exercicio”. As hectáreas de uva para vinificación tamén creceron de 1.906 a 2.442. Respecto á quilos de uva asegurado chégase a 15,7 millóns, fronte aos 13 millóns de 2016.

Javier Iglesias recoñece que “hai un incremento, sobre todo en explotacións grandes, pero se miramos o número de pólizas, e especialmente entre pequenos viticultores, o incremento foi menor, e iso partindo dun nivel de aseguramento no viñedo en Galicia que é moi baixo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información