Créase un foro alternativo para traballar sobre os lumes forestais

As cinco organizacións que abandonaron o Consello Forestal inician o proceso de posta en marcha dunha mesa de traballo sobre os incendios, á que convidan ó resto de organizacións ligadas ó monte, así como á Consellería

Créase un foro alternativo para traballar sobre os lumes forestais

Xosé Santos, de Amigos da Terra; Diego Sánchez, do Sindicato Labrego, e Xabier Gómez, de Frouma, na presentación da iniciativa.

O descontento de parte do sector forestal co funcionamento da prevención e da extinción de lumes en Galicia desencadeou a creación dun foro alternativo para traballar sobre os incendios forestais. Presentaron a iniciativa en Santiago a organización ambientalista Amigos da Terra, o Sindicato Labrego Galego (SLG) e a asociación forestal Frouma, ligada ó SLG. Tamén apoian o proceso desde o inicio a Organización Galega de Comunidades de Montes e a Federación Ecoloxista Galega.

Son os cinco colectivos que abandonaron a reunión do Consello Forestal a pasada semana en protesta pola falta de participación social no Plan de Defensa contra Incendios de Galicia (Pladiga), que lles foi entregado a poucos días do inicio da época de alto risco de lumes.

Na presentación do foro alternativo, que levará por nome Mesa de Traballo dos Lumes Forestais, os colectivos promotores lembraron que, desde hai máis dunha década, víñanlle reclamando á Xunta a creación dun grupo de traballo similar ó que agora encetan.

Eivas do Pladiga
“O Plan de Defensa contra Incendios Forestais (Pladiga) convertiuse nun copia e pega, case sen cambios, ano tras ano, e presenta multitude de problemas que nin se solucionan nin se poden abordar nunha mesa de traballo coa Consellería” -cuestionan-. “Este ano hai presupostado no Pladiga un gasto de 174 millóns de euros, a maioría enfocados cara a extinción, en tanto atopamos graves eivas na prevención, pois a día de hoxe, xa en época de máximo risco de incendios, están sen facer a meirande parte dos labores de prevención previstos nos distritos forestais galegos”, advirten.

As asociacións que promoven a Mesa de Traballo dos Lumes Forestais cuestionan tamén o papel que teñen os militares na extinción de incendios, para os que hai unha partida de 600.000 euros, e avogan por unha maior dotación de persoal para as brigadas contraincendios e para o corpo de axentes forestais, con vacantes sen cubrir. Demándase tamén unha maior formación sobre riscos laborais para o persoal de extinción.

Proceso aberto
Como primeiro paso da nova Mesa de Traballo, os colectivos promotores da mesma convidan ó resto de organizacións ligadas ó monte a sumarse á iniciativa. Están abertos tanto á participación das asociacións xa presentes no Consello Forestal como á entrada doutros colectivos, caso por exemplo dos que representan a axentes forestais e brigadas de extinción. Piden tamén a participación da Consellería do Medio Rural, “pois ao final sería a institución que tería que executar as medidas propostas na Mesa de Traballo”, sinala Diego Sánchez, do Sindicato Labrego.

O obxectivo da Mesa de Traballo sitúase en establecer unha postura común sobre os incendios forestais para, sobre esa base, definir propostas concretas de actuación nos ámbitos da política forestal, plans de defensa contra o lume, prevención, extinción e investigación das causas dos incendios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información