Créase en Galicia unha plataforma pola sostibilidade do rural

Colectivos do sector agrario, forestal e mineiro advirten de que as políticas medioambientais están a dificultar as actividades produtivas sobre o territorio

Créase en Galicia unha plataforma pola sostibilidade do rural

Reunión dos colectivos integrantes da plataforma pola sostibilidade do rural.

A lexislación medioambiental que se está impulsando en Galicia xera unha preocupación común entre colectivos agrarios, forestais e mineiros, pois perciben que a Administración obstaculiza as actividades produtivas no rural. Catorce entidades do ámbito gandeiro, forestal e das canteiras anuncian a constitución dunha fronte común en demanda de políticas ambientais que sexan compatibles co manexo do territorio.

A iniciativa, que se pon en marcha a modo de plataforma, conta coa participación de colectivos como Unións Agrarias, a Asociación Forestal de Galicia, o Clúster da Madeira, a Federación de Aserraderos y Rematantes de Galicia (Fearmaga) ou a Cámara Mineira de Galicia. Son todas elas entidades que en ocasións chocan sobre o territorio, por intereses enfrontados, pero que comparten unha inquietude común en torno á “proliferación de novas normas ambientais en Galicia”, que perciben como unha ameaza.

“A menos actividade, menos poboación no rural, menos xestión do territorio e máis incendios catastróficos”, pronostican

A plataforma entende que a actividade produtiva é compatible coa protección ambiental, polo que demanda políticas ambientais que teñan en conta ós veciños, ós propietarios forestais e ás actividades económicas que se desenvolven no rural. “Traballamos en sectores que xeran emprego, riqueza e que son indispensables para combatir o abandono do rural. Representamos o 7,1 % do Produto Interior Bruto galego e proporcionamos alimentación e materiais para a industria e a construción”, declara a plataforma nunha nota de prensa.

Os colectivos que constitúen a plataforma advirten de que se está creando unha “tea de araña de lexislación ambiental que limita innecesariamente todo tipo de actividades”. Consideran ademais que as limitacións orixinan un risco en cadea contraproducente para a propia protección do medio: “A menos actividade no territorio, menos poboación rural, menor xestión humana e máis risco de incendios catastróficos que destrúen o que se pretende protexer, como se vén de comprobar recentemente tanto en Portugal como en Galicia”.

A plataforma pronúnciase en defensa dun desenvolvemento sostible do rural, con políticas ambientais que permitan o mantemento de actividades produtivas. O conxunto dos sectores representados na iniciativa manifestan a súa preocupación por novas lexislacións en desenvolvemento en Galicia, como as directrices da paisaxe, o plan director da Rede Natura ou a Lei de Patrimonio Natural. Demandan que se teñan en conta as necesidades dos diversos sectores produtivos, que fagan do rural un sitio para “vivir e traballar, non só para ir de paseo”.

Integrantes
Na iniciativa figuran Unións Agrarias, por parte do sector agrogandeiro; en tanto o sector forestal está representado pola Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo; a Asociación Forestal de Galicia (AFG), a Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA), a Asociación de Viveiros Forestais de Galicia (VIFOGA), o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD), a Federación Empresarial de Aserradores y Rematantes de Madera de Galicia e a Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (COSE).

Por parte do sector mineiro, forman parte do grupo a Cámara Oficial Mineira de Galicia, o Clúster da Pizarra de Galicia, o Clúster do Granito, a Asociación Galega de Áridos (ARIGAL) e a Confederación Española de Industrias Extractivas de Rocas y Minerales Industriales (COMINROC).

O caso dos queirogais atlánticos, cando a mellor protección é a actividade humana

Piñeiral con queirugas. / Arquivo.

Piñeiral con queirugas. / Arquivo.

En espazos protexidos de Rede Natura do interior galego, como a Serra do Xistral (Lugo), Medio Ambiente marcou como prioritaria a conservación dos queirogais húmidos, ós que considera un hábitat natural prioritario. Esa preocupación por preservar os queirogais levou a vetar sobre eles a actividade forestal, unha decisión que desde a Asociación Forestal de Galicia cren que contribuirá á desaparición da maioría dos queirogais no medio prazo.

A Asociación Forestal de Galicia argumenta, nun informe elaborado por Fernando Molina, que as actuais formacións de queiroga e toxo están vinculadas directamente á actividade agraria, gandeira e forestal. “Non son unha evolución natural de series de vexetación, como se di nalgúns estudos, senón o resultado da actividade gandeira e humana, consecuencia de séculos de manexo do monte con estivadas de cereal e gandería extensiva cabalar, de ovino, caprino e de vacún”.

“O importante é favorecer a actividade agroforestal tradicional, que é o que causou a presenza do queirogal”

Se desaparecese toda a actividade sobre o monte, a consecuencia sería a expansión dos biduerais, que levarían á desaparición da maioría dos queirogais, valora a AFG: “Debe destacarse que os queirogais conviven mellor cun sotobosque de piñeiro, especie habitual nas repoboacións forestais, que coas frondosas caducifolias alí presentes, bidueiro e carballo. A razón é que co piñeiro dispoñen de máis luz e soportan mellor a competencia do arborado”.

O informe recoñece que se se repoboasen as ladeiras con piñeirais, tamén se alteraría a presenza de queirogas, “pero se deixamos a natureza por si soa, eses queirogais tamén desaparecerán, transformándose en bidueirais”, remata.

“Creemos que o importante sería protexer a actividade agroforestal tradicional das zonas de montaña, que é o que favorece a presenza do queirogal, e non poñer limitacións ó seu desenvolvemento”, concluía o informe, emitido no 2012.

Estes días trascendeu na prensa outro caso que desde a plataforma citan como exemplo do que sucede cando se veta a actividade humana para protexer un enclave. A prohibición de andar sobre a duna de Corrubedo provocou que se desenvolvese sobre ela a vexetación, o que, de continuar así, levará nun curto prazo á creación no lugar dun pequeno outeiro e á desaparición da duna móbil como tal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información