Creado o rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas

Poderán inscribirse superficies en couto redondo de polo menos 15 hectáreas, que como máximo estarán divididas en tres unidades. Os propietarios terán acceso prioritario a axudas pero tamén asumen a obriga dunha xestión forestal activa

Creado o rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas

Carballeira.

A anunciada posta en marcha dun rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas vén de oficializarse no Diario Oficial de Galicia (DOG). O decreto que regula a súa posta en marcha, publicado hoxe no DOG, establece que o rexistro entrará en vigor a partir do 27 de xaneiro. Poderán inscribirse superficies que acaden 15 hectáreas en couto redondo, con pés que teñan unha idade media de polo menos 20 anos. Tamén se admite a inscripción de masas da mesma parroquia ou parroquias estremeiras que estean dividas en tres unidades en couto redondo, sempre que sumen máis de 15 hectáreas de superficie.

A motivación que expón a Administración para crear o rexistro de masas consolidadas de frondosas é a escasa xestión forestal que percibe neste tipo de bosques, pois aínda que representan máis do 25% da superficie arborada galega -415.000 hectáreas de 1,4 millóns-, o seu grao de manexo é baixo.

Beneficios e obrigas
Os propietarios que inscriban as súas masas no rexistro poderán beneficiarse de acceso prioritario a axudas públicas, especialmente para a creación de plans de ordenación. A Xunta anuncia tamén que traballará en incentivos fiscais e favorecerase a xestión forestal activa das masas “por entender que é o piar principal para a súa conservación”, segundo se destaca no decreto. A Administración sinala ademais que apoiará nas masas inscritas a creación de Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) ou doutro modelo de agrupación de propietarios.

En canto ás obrigas que asumen os propietarios, estas masas deberán ser obxecto dunha xestión forestal sostible, buscando un manexo que permita a rendibilidade económica e á vez un beneficio social.

Proceso de inscripción
O proceso de inscripción das masas de frondosas pode facerse ben por solicitude de parte, ben de oficio pola Administración. Se se trata dunha solicitude dos propietarios, tanto particulares como comunidades de montes, deberán aglutinar máis do 50% da superficie do bosque que se vaia inscribir.

A Consellería do Medio Rural, pola súa banda, poderá iniciar a inscripción de oficio cando a masa forme parte dun bosque de ribeira, estea nunha área de protección ou teña un especial interese xenético, de biodiversidade ou para a prevención de lumes forestais. Tamén poderá inscribir aquelas masas periurbáns que contribúan ó lecer e esparexemento dos cidadáns.

O prazo máximo no que se ditará unha resolución ás solicitudes é de 6 meses desde o inicio da inscripción. No caso de que a solicitude non sexa contestada nese prazo, entenderase como aprobada no caso das peticións de parte dos propietarios. No caso das inscripcións de oficio tramitadas por un servizo territorial da Administración, en cambio, entenderase como rexeitada se non é contestada en seis meses.

Lista de especies

A lista de especies que poden formar parte das masas de frondosas consolidades é a seguinte, coa salvedade de que pode haber ata un 25% de pés maiores, con diámetro superior a 7,5 centímetros, doutras especies:

• Ameneiro
• Pradairo
• Bidueiro
• Freixo
• Freixa
• Castiñeiro
• Castiñeiro híbrido
• Cerdeira
• Carballo
• Cerquiño (Tamén coñecido como rebolo ou carballizo).
• Sobreira.
• Carballo albar.
• Aciñeira.
• ‘Quercus rotundifolia Lam’.
• Abeleira.
• Faia.
• Umeiro.
• ‘Ulmus minor Miller.’
• Loureiro
• Sorbeira do monte
• Capudre
• Nogueira
• Érbedo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información