Creada na Fonsagrada a quinta sociedade de fomento forestal de Galicia

A Sofor de Santa Juliana aglutina 189 hectáreas de 33 propietarios da parroquia de Cereixedo

Creada na Fonsagrada a quinta sociedade de fomento forestal de Galicia

Visita de Ángeles Vázquez á Sofor Santa Juliana.

Unha trintena de propietarios da parroquia fonsagradina de Cereixedo agrupáronse para facer unha xestión forestal conxunta das súas terras, un total de 189 hectáreas. Forman a que é a quinta sociedade de fomento forestal (Sofor) de Galicia, un instrumento que busca combatir o minifundio a través dunha agrupación que acometa un aproveitamento conxunto das terras.

As primeiras Sofor de Galicia naceron no 2014 e no 2015 en Silleda (2), A Estrada (Pontevedra) e Serra de Outes (A Coruña). Desde aquela ata agora, foron dous anos de parón, sen ningunha nova sociedade creada, o que levou á oposición e ó sector forestal a cuestionar a validez das Sofor como ferramenta para reducir o minifundio.

A Consellería, pola súa banda, salienta que a parte das cinco Sofor xa rexistradas de xeito definitivo, hai outras dúas inscritas con carácter provisional, unha en Lalín (Pontevedra) e outra no Irixo (Ourense), que suman 300 hectáreas e 17 propietarios.

Noutras áreas como a Costa da Morte ou o interior de Lugo, a Xunta constatou o interese pola formación de novas sociedades, polo que Medio Rural pronostica que no futuro poderían crearse outras seis Sofor máis.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou onte a Sofor de Santa Juliana, na Fonsagrada, a última en constituírse e que se formalizou o pasado día 25 de agosto. Vázquez destacou que a excesiva fragmentación do monte galego dificulta a obtención de rendibilidade, polo que considerou imprescindible o impulso das Sofor. Medio Rural lembra tamén que as Sofor poden solicitar a concentración privada dos seus terreos, que é financiada pola Administración.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información