A cortiza das sobreiras, un recurso descoñecido do monte galego

A sobreira é unha árbore que mantén certa presenza no Baixo Miño, no Ribeiro e no Deza. Falamos coa única industria galega que procesa a cortiza autóctona e con propietarios e descortizadores

A cortiza das sobreiras, un recurso descoñecido do monte galego

Planchas de cortiza preparadas para o seu transporte este verán na zona de Pontevedra.

“Moitos sorpréndense cando descobren que en Galicia tamén hai sobreiras e que producimos cortiza”, recoñece Francisco Ribeiro de Almeida, propietario da fábrica Corchos Almeida, en Ribadavia (Ourense), a única industria que procesa cortiza en Galicia. Tanto as sobreiras como o aproveitamento da súa cortiza, principalmente para a elaboración de tapóns e con fins industriais, é un recurso infravalorado e pouco aproveitado, como coinciden en sinalar dende o sector.

As concas do río Miño, Alvia ou Arnego son algunhas das zonas onde se localizan sobreiras

Aínda que é escasa a documentación que dá conta dos sobreirais que se contabilizan nos montes galegos, hai zonas onde as sobreiras levan tempo asentadas e o aproveitamento da cortiza ten unha longa tradición. A conca do río Miño, en zonas como Arbo, Os Peares ou Salvaterra ten montes onde a sobreira é unha máis das árbores do bosque tradicional. As ribeiras do río Alvia, é outro dos enclaves onde se localizan sobreiras, nas terras de Boborás.

Na zona centro da provincia de Pontevedra, de novo na conca dun río, neste caso no Arnego, que percorre concellos como Vila de Cruces e Agolada, é terra de sobreiras. De feito, o coñecido como Sobreiral do Arnego, que se estende polas marxes deste río é unha das zonas que acumulan unha maior densidade de sobreiras. Tamén nos montes do Courel, aínda que dun xeito máis puntual e mesturado entre o bosque autóctono, contabilízanse un importante número de exemplares.

Valorar a sobreira

Cortiza-

Detalle da cortiza nunha sobreira.

Ó contrario do que acontece noutras zonas da Península Ibérica, como Extremadura, Andalucía ou Portugal, onde teñen gran presenza da sobreira na súa paisaxe, en Galicia esta árbore non é tan apreciada nin valorada. “A xente non acostuma a darlle valor á sobreira, o que propicia que eses montes vaian quedando  abandonados e sexa máis difícil que o seu aproveitamento sexa rendible, polo esforzo que supón acceder a eles”, apunta Ribeiro de Almeida.

O aproveitamento da cortiza das sobreiras contempla uns prazos longos de produción, posto que debe agardarse a que a árbore acade un perímetro mínimo de 60 centímetros a unha altura de 1,30 metros para realizar a primeira saca, para o que poden facer falta 25 ou 30 anos. Ademais, entre cada extracción deben pasar alomenos 10 anos.

“A cortiza pode supor un aproveitamento, igual que se está facendo co resinado dos piñeiros” (Alberto González)

“Aínda que son prazos longos, a cortiza pode supor un aproveitamento destas árbores, igual que se está facendo co resinado dos piñeiros”, comenta Alberto González, profesor no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán e que está a traballar sobre as sobreiras.

Hai quen aposta pola conservación das sobreiras como parte dun monte diverso e pola súa capacidade, ó igual que outras frondosas, para mitigar e frear o avance dos lumes forestais. Estes son precisamente dous dos argumentos que levan á Comunidade de Montes de Meis (Pontevedra), a querer conservar un sobreiral de preto de 3 hectáreas.

Agora están inmersos na tramitación dunha área de 4,5 hectáreas, na que se inclúe o sobreiral, como Espazo Privado de Interese Natural (Epin). Agardan que esta tramitación lles permita preservar ese espazo e tamén valoran un aproveitamento da cortiza nos próximos anos, aínda que, polo momento, non descortizaron case ningún destes exemplares.

Na Comunidade de Montes de Meis contan cun sobreiral de preto de 3 hectáreas que queren preservar e aproveitar

“É moi importante conservar as sobreiras para ter un monte variado e poder amosarlle ós máis novos o potencial que poden ter as frondosas e a protección que ofrecen fronte ó lume”, explica Francisco Casás Graña, presidente da Comunidade de Montes de Meis. Ademais de preservar o sobreiral, dende a Comunidade de Montes están a levar a cabo repoboacións con sobreiras noutras partes do monte onde xa hai algún exemplar co gaio de aumentar a presenza destas árbores.

Con este mesmo afán de conservación e fomento da diversidade pervive a Zarra da Pena, no corazón do Sobreiral do Arnego, en Carmoega (Agolada, Pontevedra). Trátase dunha finca que pertence a varios propietarios e abrangue unhas 24 hectáreas de monte, onde predominan as sobreiras mesturadas con outras especies, na súa maioría árbores autóctonas e caducifolias.

Portada-Interior-Sobreira-Arnego

Sobreiras na Zarra da Pena, no Sobreiral do Arnego, en Agolada (Pontevedra).

Marcial Barral, un dos propietarios e xestor da finca recoñece que foron moitos os que, hai anos, tentaron convencelo dun aproveitamento da zona con especies como o piñeiro e o eucalipto. Porén, el rexeitou esa opción e apostou pola conservación do espazo. A saca da cortiza e outros proxectos de aproveitamento do monte como a introdución de cabalos foron algunhas das opcións que levou a cabo nos últimos anos.

A saca da cortiza e a escaseza de profesionais en Galicia

A extracción da cortiza é un proceso tradicional do que apenas se contabilizan especialistas en Galicia polo que adoitan encargarse cuadrillas chegadas dende Portugal ou Extremadura que logo, a maior parte das veces, tamén levan para estas zonas a cortiza. “É difícil saber canta cortiza se está a producir en Galicia porque moitas destas cuadrillas lévana directamente para outras zonas”, coinciden dende o sector.

Planchas de cortiza na zona de Agolada apiladas para ser transportadas.

Planchas de cortiza na zona de Agolada apiladas para ser transportadas.

A saca da cortiza debe facerse nos meses centrais do verán e sempre con calor e sen choivas para evitar que a árbore se vexa logo afectada polos fungos. “Se non se fai con esas condicións o risco de que a árbore termine danada é moi alto, posto que sacarlle a cortiza é como espir a sobreira”, comenta Yago Tato, quen aprendeu de seu avó o oficio e extraeu durante varias tempadas a cortiza no Deza, aínda que agora xa só realiza sacas en iniciativas formativas e divulgativas.

Unha macheta, unha panca de madeira resistente, unha navalla, unha regra e unha escada abondan para realizar este labor, que debe ser delicado. “É preciso ter coidado á hora de sacarlle a cortiza porque pode chegar a danarse a árbore. Ás veces, é preferible deixarllo sen quitar e non marcar o tronco”, explica outro descortizador da comarca do Deza, xa xubilado, que puntualmente se ten adicado a esta tarefa na zona.

Da saca da cortiza adoitan encargarse cuadrillas especializadas chegadas de Extremadura ou Portugal

“É un traballo duro e cada vez vai quedando menos xente que o faga”, coinciden en sinalar tanto antigos descortizadores como dende o sector. “Nós miramos de traer unha cuadrilla de Portugal para extraer porque é difícil atopar quen o faga aquí”, indican dende Corchos Almeida. Arredor dunhas 120 toneladas, das 400 que procesan nesta fábrica de Ribadavia, proceden de montes de Galicia. Teñen tamén pequenos provedores que se encargan de proporcionarlles cortiza de distintas zonas. “Son descortizadores que che poden traer 100 ou 500 quilos de cortiza, sempre pequenas cantidades”, indica.

A cortiza das sobreiras galegas, a diferenza das que se producen en zonas como Extremadura ou en Portugal, ten un menor rendemento. “Aprovéitase menos porcentaxe de cortiza de calidade. Mentres que noutras zonas teñen un 80% de cortiza de gran calidade, aquí pode situarse nun 30%, pero esa porcentaxe é moi boa”, concreta Francisco Ribeiro de Almeida.

Arredor dun 30% da cortiza galega é de gran calidade e precisa un período de secado antes de poder empregarse

Ademais, debido ó clima máis húmido de Galicia, a cortiza chega máis verde e é preciso deixala secar para poder aproveitala. A diferenza do que acontece coa cortiza de zonas como Extremadura, que se pode empregar ó ano da súa extracción, no caso da cortiza galega cómpre que seque.

Comercialización

Tal e como explican dende Corchos Almeida, arredor do 30% da cortiza que chega á fábrica destínase para a elaboración de tapóns de calidade para o viño. O resto, de menor calidade, termina triturándose e aprovéitase, sobre todo, para usos industriais, dende a elaboración de solos ata revestimentos illantes. “A maior parte destínase para facer aglomerado de cortiza ou como illante”, explican dende a firma. Na actualidade, boa parte da actividade desta fábrica derívase a Portugal, aínda que hai anos realizaban en Galicia tanto a elaboración dos tapóns como o triturado da cortiza para outros fins.

En función da calidade e do aproveitamento que se faga despois da cortiza fíxase un valor. Así, o prezo pode determinarse xa por exemplar, variando en función da cantidade que se extraia e da calidade que teña. Esta é unha práctica moi habitual dos descortizadores chegados doutras zonas, que negocian o prezo directamente cos propietarios.

O principal destino da cortiza galega é Portugal, aínda que unha parte procésase en Ribadavia

Noutros casos, trátase un prezo medio no que se inclúe diferentes categorías, como adoita facer a industria de Ribadavia, que compra a cortiza a un prezo medio de entre 70 e 80 céntimos o quilo e logo encárganse de facer a selección da cortiza.

Así, o destino da cortiza galega, á marxe da que se procesa na fábrica de Ribadavia, adoita ser Portugal onde remata en diferentes usos en función da súa calidade, posto que son expertos no aproveitamento deste material. En Galicia tamén queda, aínda que de xeito moi puntual, un aproveitamento da cortiza para a elaboración de colmeas para as abellas, un dos usos máis tradicionais e estendidos durante moito tempo para a cortiza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información