A correcta xestión silvícola duplica a produtividade das plantacións de eucalipto

Estudos realizados en Portugal polo centro de investigación Raiz, dependente da Navigator, demostran os efectos dun bo manexo forestal combinado coa elección de plantas con mellora xenética

A correcta xestión silvícola duplica a produtividade das plantacións de eucalipto

Plantación de Navigator en Portugal.

A xestión forestal demóstrase un factor clave no éxito das plantacións de eucalipto, tal e como comprobou unha investigación en Portugal realizada polo Instituto de Investigación da Foresta e do Papel Raiz. En condicións similares de solo e clima, a produtividade dos montes con xestión duplica á dos montes sen xestión, nos que non se fai unha axeitada silvicultura (abonados, rozas, control de pragas, etc.) nin se elixiu planta con mellora xenética.

Os estudos do Raiz, un centro impulsado pola Navigator, a principal industria do papel portuguesa, conclúen que os montes sen xestión carecen ó 100% de plantas con mellora xenética e que nun 50% dos casos non se fai control de vexetación competidora. Outro dato que destaca nas parcelas con escaso manexo é que máis de dous terzos das plantacións están na segunda ou terceira rotación, a partir de rebrotes, e que na maioría dos casos non se fixo unha selección de guías neses rebrotes.

A produtividade media dos montes sen xestión achegábase ós 7 metros cúbicos por hectárea e ano, en tanto os montes con xestión rondaban os 16

Os propietarios dos montes sen xestión comparten unha certa cultura de recolección que se traduce nun empeoramento da produtividade das plantacións e en maiores riscos de lumes, ó existir máis mato no sotobosque. Nunha das zonas estudadas, a produtividade media dos montes sen xestión era de preto de 7 metros cúbicos por hectárea e ano, fronte a unha produtividade media dos montes con xestión de arredor de 16 metros cúbicos por hectárea e ano, sempre falando de parcelas de ‘eucaliptus globulus’, o chamado en Galicia ‘eucalipto do país’.

Aumentar produción sen expandir superficie
Os datos demostran que é posible, como mantén a Navigator, aumentar a produción de eucalipto sen expandir a súa superficie. A compañía lusa, que xestiona arredor de 110.000 hectáreas de patrimonio forestal en Portugal e que está iniciando plantacións en Galicia, enfoca o seu traballo forestal en mellorar a produtividade das plantacións.

Navigator proxecta plantar en Galicia só en parcelas da Coruña e Lugo que produzan un mínimo de 15 metros cúbicos por hectárea e ano

En Galicia, a Navigator está concentrando os seus esforzos de plantación en concellos das provincias da Coruña e Lugo aptos para o eucalipto globulus. Antes de chegar a acordos de arrendamento cos propietarios, o Raiz valora as características de solo e clima de cada monte, a fin de determinar o seu potencial produtivo. Navigator proxecta plantar en Galicia ‘eucalipto globulus’ só en parcelas que produzan mais de 15 metros cúbicos por hectárea e ano.

Nas zonas da súa actuación, nas provincias de Lugo e Coruña, a compañía portuguesa tamén proxecta empregar o eucalipto nitens naquelas parcelas non aptas para globulus por cuestións de altitude, pois o globulus empeora rendementos a partir dos 400 metros. O eucalipto nitens ten menor interese para a industria do papel pola menor calidade da súa madeira, pero é unha especie que presenta a vantaxe dunha maior resistencia ó frío e ós problemas de sanidade vexetal que máis preocupan nos últimos anos, a ‘Mycosphaerella’ e o gorgullo (‘Gonipterus platensis’).

Claves para o manexo das plantacións de eucalipto

Plantación clonal de Navigator en Portugal, con control do mato e loita biolóxica contra a praga do gorgullo.

Plantación clonal de Navigator en Portugal, con control do mato e loita biolóxica contra a praga do gorgullo.

A xestión silvícola que practica a Navigator no seu patrimonio forestal conta coa asesoría técnica do Raíz, un instituto de investigación participado polas universidades de Aveiro, Lisboa e Coimbra. O Raíz, ubicado nas proximidades de Aveiro (Portugal) e con 50 investigadores e 30 bolseiros en nómina, ocúpase do I+D (Investigación + Desenvolvemento) da Navigator tanto en materia forestal coma na parte industrial. Falamos co director de Investigación e Consultoría Forestal do Raiz, Nuno Borralho, para que nos detalle as claves do manexo silvícola que fai a Navigator, que se resumen nas seguintes cuestións:

Elección de planta de calidade

A Navigator desenvolve un traballo continuo de mellora xenética por medio da obtención de sementes melloradas e do desenvolvemento de clons. Para as súas plantacións propias, a Navigator utiliza principalmente clons contrastados. Entre os clons proxectados para Galicia, destacan os seguintes, que ofrecen unha mellora de produtividade de entre un 30 e un 45%, se ben hai que ter en conta que esa mellora depende tamén de factores como o lugar de plantación ou o impacto de pragas e enfermidades:

G74 (Eucaliptus globulus): Aumenta o volume de madeira producido por hectárea en comparación cunha planta de globulus non mellorada. Tamén proporciona melloras en densidade da madeira e no seu rendemento en pasta de papel. Destaca polo seu bo sistema radicular.

G1202 (Eucaliptus globulus). Aumenta o volume por hectárea, ten tamén maior rendemento en pasta que unha planta convencional, pero empeora lixeiramente en densidade da madeira. Un dos aspectos positivos a ter en conta deste clon é que muda a folla adulta moi cedo, o que reduce impactos do fungo ‘Mycosphaerella’.

G1204 (Eucaliptus globulus). Destaca por producir máis por hectárea que unha planta non mellorada. Gaña tamén en densidade da madeira, aínda que empeora lixeiramente en rendemento en pasta de papel.

H1205 (Clon híbrido procedente dun cruce de ‘Eucaliptus saligna’ + ‘Eucaliptus rudis’). Aumenta o volume de madeira por hectárea en comparación cunha planta de eucalipto globulus sen mellora xenética e ten tamén unha maior densidade de madeira. Outro punto no que destaca é por ser resistente á praga do gorgullo (‘Gonipterus platensis’) e por tolerar mellor a ‘Mycosphaerella’.

O seu punto fraco é o rendemento en pasta de papel, atopándose nunha posición intermedia entre o eucalipto nitens e o globulus. “En comparación co eucalipto nitens, ten a vantaxe de que rebrota, sendo tamén axeitado para áreas de maior altitude que as que admite o globulus”, sinala Nuno Borralho.

Ensaios en Galicia
Todos estes clons, xa testados en ensaios en Portugal, están empregándose no país veciño tanto nas forestacións da Navigator como en plantacións privadas que adquiren a planta. Na actualidade, estanse realizando ensaios en Galicia, que estarán rematados no prazo duns 3 anos.

Para os terreos nos que se opte pola plantación de eucalipto nitens, a Navigator empregará planta mellorada, que poderá ser procedente de sementes importadas ou de viveiros comerciais, pois a empresa non realiza un desenvolvemento propio con esta especie.

Valoración da aptitude forestal dos solos

Tanto en Portugal como nas parcelas que a Navigator vai arrendar en Galicia, o Raiz desenvolve unha valoración da aptitude forestal dos solos, a fin de determinar a súa produtividade e as recomendacións de fertilización. “Moitos dos solos de Portugal son pobres e experimentan deficiencias que impiden maximizar a produtividade se non aportamos nutrintes”, explica Nuno Borralho.

Prácticas silvícolas

En función das características do terreo, o Raíz determina o marco de plantación axeitado, así coma o laboreo preciso para descompactar a terra e reducir a erosión. En Portugal, a compañía está acometendo plantacións en terrazas cando a pendente é superior ó 25%, unha posibilidade aínda sen concretar en Galicia.

Estase investigando nun insecto que diminúe a capacidade de produción de sementes da acacia, unha invasora que preocupa nas plantacións de eucalipto

Outra preocupación importante da compañía sitúase no control da vexetación espontánea, sobre todo daquela que presenta carácter invasor, como as acacias. O Raíz probou distintos sistemas innovadores. Un dos sistemas investigados consiste na loita biolóxica por medio dun insecto que diminúe a capacidade de produción de sementes da acacia, unha cuestión importante, dado que as sementes desta especie teñen capacidade para resistir ata 10-15 anos no solo.

Control de pragas e enfermidades

O Instituto de Investigación da Foresta e do Papel Raíz está a traballar desde o 2008 na identificación de novos parasitoides do gorgullo (‘Gonipterus platensis’), o insecto defoliador dos eucaliptos, que trae de cabeza ó sector forestal. O traballo do Raiz enfocouse a valorar parasitoides de Tasmania, país de Oceanía do que é natural o gorgullo. Na actualidade, tanto en Galicia como en Portugal empregáse para o combate do gorgullo un insecto parasitoide procedente de Australia, o ‘Anaphes nitens’, pero os investigadores cren que poderían ser máis eficaces os parasitoides nativos de Tasmania.

O Instituto Raiz ten depositadas grandes esperanzas nun novo parásito do gorgullo, o ‘Anaphes inexpectatus’

En concreto, o Raiz ten depositadas grandes esperanzas no ‘Anaphes inexpectatus’, un parasitoide dos ovos do gorgullo que presenta a vantaxe de ser máis resistente ó frío, co cal a súa supervivencia invernal podería ser superior á do ‘Anaphes nitens’. Tamén se caracteriza por unha alta capacidade de reprodución, pois de cada ovo saen moitos parásitos, pero no lado negativo, ten o problema de que presenta certa dificultade de establecemento en monte. Outra liña de investigación contra o gorgullo céntrase nunha mosca parasitoide das larvas, o que permitiría ampliar a presión sobre a praga.

Como última alternativa, a loita biolóxica contra o gorgullo estase complementando nas plantacións da Navigator co uso dun insecticida autorizado, o Epik, que se demostrou eficaz contra a praga e que, a maiores, presenta a vantaxe de non ter efectos letais nas abellas. A compañía decide caso a caso as áreas a tratar con insecticida en función do impacto do Gonipterus o ano anterior e do grao de presenza de parasitoides da mesma . Nas zonas seleccionadas, a aplicación é de baixos volumes, a fin de reducir impactos ambientais colaterais.

En materia de sanidade vexetal, o segundo gran foco de preocupación é a ‘Mycosphaerella’, que nalgunhas zonas está afectando de xeito agresivo ás plantacións de globulus e tamén ás de nitens. O sector ten a sospeita de que en Galicia se está desenvolvendo unha nova cepa máis agresiva das coñecidas ata o de agora. É unha cuestión que aínda está en análise, pendente da clasificación taxonómica das cepas do fungo recollidas en Galicia.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información