Conflicto en Vilariño de Conso por unha ruta de motos polo monte

A Asociación de Cazadores de Cerveira advirte do acondicionamento de camiños para o evento sen autorización dos propietarios dos terreos. Incide ademais en que esas pistas están en zona de Rede Natura

Conflicto en Vilariño de Conso por unha ruta de motos polo monte

Montes de Vilariño de Conso. / Imaxe: Unitega.

O paso dunha ruta de quads e motos polos montes de Pradoalbar (Vilariño de Conso, Ourense) está a xerar malestar na zona. A Comunidade de Montes Veciñais de Pradoalbar advertiulle á Consellería de Medio Ambiente de que o evento non conta coa autorización dos propietarios dos montes, un descontento do que tamén se fai eco a Asociación de Cazadores de Cerveira.

O problema vai máis alá do paso da marcha, que se celebrará este sábado, pois ante a sorpresa dos veciños, uns operarios iniciaron traballos de desbroce en varios camiños que atravesan o monte veciñal, sen que ninguén lle pedise permiso ós veciños, “lexitimamente propietarios dos terreos e dos camiños agrícolas e forestais que os atravesan, segundo consta no expediente de clasificación de dito monte”, precisa a asociación local de cazadores en nota de prensa.

O Tecor incide en que os terreos do pobo de Pradoalbar atópanse dentro da Rede Natura 2000, polo que os veciños normalmente teñen que pedir autorización previa para calquera actividade que fagan no monte.

Por tanto, os veciños entenden que a organización da marcha, a cargo do Concello de Vilariño de Conso, debería ter obtido permiso da Consellería de Medio Ambiente, “o que sería paradóxico, pois os lexítimos propietarios dos montes non deron o seu consentemento e enteráronse a posteriori”, sinala a sociedade de cazadores. Dáse ademais a circunstancia de de que a organización da marcha ten previsto o almorzo dos participantes en Pradoalbar, segundo anuncian os carteis da Ruta, que percorrerá un total de 70 quilómetros.

Necesidade de autorizacións
Ante esta situación, a asociación local de cazadores, integrada por veciños de Pradoalbar, iniciará solicitudes de información ás Administracións e non descarta acudir á Fiscalía de Medio Ambiente polo que consideran un “perfecto exemplo de como se trata de impoñer ós habitantes do rural actividades destinadas a colectivos urbanitas”.

O colectivo de cazadores, asociado na Unión de Tecores de Galicia (Unitega), matiza por último que non se opón a que se realicen actividades turísticas, pero ten claro que as mesmas deben contar coas autorizacións administrativas pertinentes, así como coas dos propietarios dos terreos. “Porque, de non ser así, o único que se xeneran son conflictos onde non os había”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información