Como se vai planificar o monte en Galicia?

A Xunta prevé impulsar no 2019 un plan piloto de ordenación de recursos forestais (PORF) nun dos 19 distritos de Galicia. O sector avoga por potenciar medidas alternativas de ordenación e certificación forestal, restándolle contido ós PORF

Como se vai planificar o monte en Galicia?

O Plan Forestal de Galicia, que se aprobará previsiblemente a comezos do 2019, márcase obxectivos claros na planificación e ordenación do territorio forestal. A Xunta prevé impulsar no 2019 un plan piloto de ordenación de recursos forestais (PORF) nun dos 19 distritos forestais de Galicia, coa perspectiva de elaborar dous por ano, de xeito que os 19 estean rematados nunha década. A cuestión é ata que punto van intervir os PORF sobre a propiedade forestal.

O borrador do Plan Forestal prevé que os PORF poidan indicar as “especies forestais indicadas e alternativas ou restrinxidas para a súa plantación segundo zonas”, unha cuestión que suscita dores de cabeza entre boa parte da cadea da madeira.

Un 15% da superficie forestal de Galicia está ordenada, moi lonxe dos estándares europeos, que rondan o 60%

O sector é partidario de Plans de Ordenación de Recursos Forestais que deixen libertade ós propietarios para elixir as especies a empregar, sempre cumprindo coa lexislación vixente, que por exemplo impide que as masas de frondosas caducifolias se sustitúan por outras especies coma piñeiros ou eucaliptos.

Ordenación e certificación ‘versus’ planificación
A cadea da madeira é partidaria dunha autorregulación do sector por medio dos plans de ordenación de montes e dos sistemas de certificación forestal. En Galicia, hai na actualidade arredor de 210.000 hectáreas de montes ordenados, segundo os datos do propio Plan Forestal de Galicia. Esa cifra representa arredor dun 15% da superficie arborada, moi lonxe dos estándares europeos, que rondan o 60% de superficie forestal ordenada.

O obxectivo da Administración é chegar a esas porcentaxes nun prazo de 20 anos. Este mesmo ano, a Xunta convocou axudas para proxectos de ordenación de montes que permitirán ordear arredor de 130.000 novas hectáreas, segundo as estimacións de Medio Rural.

A Xunta quere duplicar a superficie con sistemas de certificación nun prazo de 5 anos

O outro instrumento co que o sector quere avalar unha xestión sustentable son os sistemas de certificación forestal. En Galicia, arredor dun 11% do monte está certificado baixo os selos PEFC ou FSC. Galicia conta con 156.000 hectáreas certificadas co sistema PEFC, sendo a quinta autonomía en superficie, e con 45.000 no sistema FSC, no que ocupa a primeira posición no ranking estatal.

A certificación forestal, que en teoría garante unha axeitada xestión ambiental e social dos montes, con respeto á legalidade, é un sistema voluntario, pero que a Administración quere impulsar con medidas incentivadoras. O obxectivo da Xunta é que nos próximos 5 anos se duplique a superficie certificada en Galicia.

Para iso, será preciso tamén aumentar de xeito paralelo a superficie de montes veciñais ordenada, pois aquela sen plans de ordenación non pode acceder á certificación forestal. No caso das propiedades particulares, normalmente pequenas superficies, para acceder á certificación forestal será suficiente con que elaboren un documento simple de xestión ou con que se adhiran a un dos modelos silvícolas xa promovidos pola Xunta.

A gran cuestión pendente de debate e de concreción é ata que punto intervirá a Administración na planificación do monte mediante os PORF e ata que punto trasladará ese asunto ós proxectos de ordenación de montes veciñais, que deben ser aprobados pola propia Administración, e a sistemas de autorregulación como a certificación forestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información