Como lle afectará o cambio climático aos carballos e rebolos en Galicia?

Unha investigación estuda a resposta dos carballos fronte ás variacións climáticas. A formación da madeira e as follas achegan valiosa información sobre a adaptación de diferentes variedades na comunidade

Como lle afectará o cambio climático aos carballos e rebolos en Galicia?

Bosque do Parque Natural das Fragas do Eume ó lado do Mosterio de Caaveiro.

Coñecer como se adaptarán as especies ás variacións climáticas, cada vez máis extremas, é un dos retos do momento no sector primario. Non só os cultivos agrícolas miran con receo ao cambio climático senón que noutras especies como os carballos, tamén se está avaliando a súa influencia para coñecer as perspectivas de adaptación e as estratexias desenvolvidas por estas árbores.

Esta é unha liña de investigación na que levan traballando desde hai tempo no grupo de investigación Biodiversidade e Botánica Aplicada (Bioaplic) do Departamento de Botánica da Universidade de Santiago (USC), e que agora completa unha nova investigación que se centrou en comprobar os efectos na formación da madeira.

Prevese que o rebolo se poida expandir máis no interior de Galicia, en tanto o carballo pode gañar espazos en zonas próximas á costa

O enxeñeiro de montes Guillermo Guada Prada, responsable do estudo, observou durante 2 anos a evolución do proceso de formación de madeira dos carballos en 3 zonas diferentes de Galicia. O seu traballo permitiulle coñecer como se adaptan dúas especies diferentes de carballos presentes nos montes galegos ás variacións climática.

Como se adaptan os carballos?

A investigación centrouse en dúas variedades de carballo con gran presenza en Galicia, o Quercus pyrenaica (rebolo) e o Quercus robur, o carballo común, que teñen distintas estratexias de crecemento. O traballo, que incluíu a mostraxe de exemplares de 14 localidades diferentes, levouse a cabo nas concas dos ríos Eume, Sor e Lor, xa que permitían contar con climas contrastados.

Guillermo-Guada-Prada-ingeniero-de-montes-Roble-Cambio-Climatico-

O enxeñeiro de montes Guillermo Guada durante a exposición da súa tese.

Así, mentres a conca do Eume ten un clima máis Atlántico, a do Sor é un exemplo das condicións do Cantábrico. En ámbalas  dúas marxes fluviais predominan os bosques de Q. Robur. Mentres, no sureste de Lugo, o Lor aproxímase máis ao clima Mediterráneo, con veráns secos e invernos fríos e ten predominancia do Q. pyrenaica. “O traballo permitiunos coñecer como se foron adaptando as dúas especies ás diferentes condicións climáticas e saber cal é a súa estratexia de crecemento”, concreta o investigador.

O estudo realizouse con carballos e rebolos nas concas dos ríos Eume, Sor e Lor

Deste xeito, as observacións directas e medicións permitíronlle concretar como se comportan estas dúas variedades tras unha mostraxe aleatoria de máis de 3.100 árbores durante 2 anos en 14 localidades nunha área de aproximadamente 2 hectáreas de bosque por localidade. O crecemento da árbore (o desenvolvemento da madeira), efectúase en dúas fases, unha inicial na primavera e outra de consolidación no verán, pero é fundamental para a árbore avaliar cando iniciar e finalizar este proceso, xa que será determinante para o seu desenvolvemento e está moi suxeito ás condicións climáticas que se desenvolvan.

Así é que estas dúas especies desenvolven estratexias diferentes de crecemento. Comprender estas pautas de crecemento permitirá coñecer cara a que zonas se expandirán con maior facilidade, ou a que condicións climáticas se adaptarán con maior facilidade.

Estratexias do rebolo e o carballo común

No caso do rebolo, a súa estratexia céntrase en axustar o seu crecemento a un criterio de fotoperiodo, é dicir, agarda a que haxa maiores períodos de luz e días máis longos, o que provoca que a árbore comece este desenvolvemento sen fiarse da temperatura. “Esta estratexia permítelle adaptarse a climas máis continentais con xeadas tardías, que non adoitan afectarlle, xa que evita estas variacións de temperatura atrasando o seu crecemento”, explica o investigador.

Tampouco se verá en especial afectado polos períodos de seca de verán, pois o seu crecemento lévase a cabo en pouco tempo e dunha forma intensa. Ademais, a gran capacidade de rebrote do rebolo, sobre todo despois de incidencias como os incendios, confírelle fortaleza a esta especie. É unha variedade que se prevé avance e se asente máis en zonas do interior de Galicia.

O rebolo inicia o seu crecemento en base ás horas de luz, mentres que o carballo común axústase á temperatura

Pola súa banda, no Quercus robur é a temperatura a que marca o arranque do desenvolvemento da árbore na primavera polo que, “se as condicións son favorables, pode avantaxar ao Q. pyrenaica. Sería preciso que non houbese xeadas que danasen as follas novas e como consecuencia, provocasen un colapso dos vasos da madeira, impedindo que a árbore se alimente”, concreta Guada. Co incremento das temperaturas, o Q. robur desenvolveríase antes, pero tamén se arrisca a sufrir as consecuencias das variacións térmicas.

Isto leva a pensar aos investigadores que a súa expansión se concentrará máis en zonas costeiras e baixas de Galicia, onde predomina máis un clima tépedo, sen grandes variacións térmicas.

Con todo, a temperatura parece ser un indicador clave para as dúas especies de carballo á hora de fixar o final da etapa de desenvolvemento. E ambas especies coinciden tamén en que a súa maior fase de crecemento dáse en torno ao solsticio de verán, é dicir, ao 20 de xuño.

A formación da madeira e follas, claves para coñecer a evolución

Para chegar a estas conclusións foi fundamental coñecer o proceso de formación da madeira (xiloxénese) e o estudo de series temporais de crecemento de madeira (dendrocronoloxía), no que profundou Guada durante a súa investigación. A madeira do carballo, do mesmo xeito que outras especies como o freixo, a nogueira ou o castiñeiro, está formada a base de aneis porosos, unha característica que se observa xa nos produtos elaborados con estas madeiras. Trátase dun anel formado en base a fileiras de ‘buracos’, os poros. Estes poros corresponden a un complexo sistema de canos que permite que o árbore se alimente e á vez posibilita unha conexión entre a parte aérea, as follas; e a parte soterrada, as raíces.

un-ano-de-crecemento-do-carballo_

Mostra de Xiloxénese onde se ve un ano enteiro de crecemento (madeira de primavera e de verán) e o comezo dun ano novo en formación.

Este sistema de canos rexenérase anualmente e é durante a primavera cando comezan a constituírse estes vasos, xusto debaixo da cortiza que permiten conducir a auga do chan á copa da árbore, que xunto ao CO2 absorbido polas follas transformarase mediante a fotosíntese nos carbohidratos precisos para que a árbore se alimente. Pero esta é unha estrutura fráxil que se completa no verán coa construción dunha rede de complexas estruturas anatómicas que axudan a soster a árbore.

Coñecer novas variedades anatómicas implicadas na formación da madeira é determinante para o estudo retrospectivo de dinámica de poboacións

Así, o estudo da formación da madeira, cuxo principio e final está determinado polo clima, foi clave para coñecer como se adaptan os carballos. Guada Prada xa comezara a traballar sobre isto en zonas como Teruel e Almería, usando a xiloxénese (formación de madeira nun ano) e a dendrocronoloxía (estudos retrospectivos) como ferramenta de diagnostico en masas forestais de coníferas con morte prematura (en decaimento). Agora o seu traballo complétase co estudo de novas variables anatómicas para os estudos dendrocronolóxicos en carballos.

Deste xeito, na súa tese doutoral consegue explicar causas-efecto dos resultados da aplicación de novas variables anatómicas medibles, como os vasos condutores, en análises dendrocronolóxicos de especies de anel poroso aplicadas polo seu titor Ignacio García González. Desta forma, increméntase a información achegada polos aneis de crecemento en especies como o carballo.

Variacion-de-anillos-roble-

Datación dunha mostra de madeira de carballo onde se ve a variación de ancho dos aneis entre anos e tamén a variación do tamaño de vasos entre anos, especialmente no 1990, provocada por un decembro tépedo de 1989.

Esta nova información permite elaborar series retrospectivas de máis de 500 anos, de interese para historiadores ou climatólogos

Esta nova información non é só aplicable para coñecer a evolución da madeira viva, as árbores, senón xunto á madeira en construcións, como igrexas ou catedrais, así como en pecios (barcos afundidos), permite elaborar series retrospectivas de máis de 500 anos de interese para historiadores ou climatólogos. “Quixemos centrarnos en estudar o carballo en Galicia, porque desde o punto de vista bioxeográfico, Galicia ten unha posición clave para estudar os efectos das variacións climáticas, xa que se trata da fronteira entre as rexións atlántica e mediterránea. Por tanto, a presenza e abundancia destas especies pode modificarse co tempo” explica o investigador.

De feito, o seu traballo valeulle a publicación en revistas internacionais de alto impacto así como realizar estancias en Holanda no departamento de Forest Ecology and Forest Management Group da Universidade de Wageningen, e no Instituto Pirenaico de Ecoloxía do CSIC de Zaragoza.

Máis información
As frondosas gañan no monte, perden na industria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información