Como implicar á xuventude nos montes veciñais?

Comunix, un programa formativo impulsado pola cooperativa Trespés e pola Mancomunidade de Montes de Pontevedra, achégalle a xestión das comunidades de montes a 18 persoas mozas de Galicia, Portugal e Italia

Como implicar á xuventude nos montes veciñais?

Os mozos participantes en Comunix coñeceron diversas experiencias en montes veciñais da comarca de Pontevedra. / Imaxes: Trespés.

Un dos retos que enfrontan as comunidades de montes veciñais é o relevo xeneracional. Con frecuencia, prodúcese unha baixa implicación da xente nova no monte, o que abre incógnitas sobre o futuro da xestión dos espazos comunais. Co obxectivo de fomentar unha maior participación da mocidade, a cooperativa Trespés e a Mancomunidade de Montes de Pontevedra puxeron en marcha este verán un programa formativo, Comunix, orientado a persoas de 18 a 25 anos residentes en parroquias con montes veciñais.

A iniciativa, na que tamén colaborou o baldío (monte veciñal) de Vilarinho, en Lousa (Portugal), implicou durante dúas semanas a 10 mozos de Portugal, 7 de Galicia e un italiano, que visitaron diversas experiencias nos montes veciñais da comarca de Pontevedra, onde permaneceron unha semana, e no baldío de Vilarinho, onde estiveron outra semana a finais de agosto.

“Antes había unha dependencia directa do monte pola actividade agraria, pero ese vínculo xa desapareceu en gran medida” (Alberte Román)

A experiencia representou unha primeira pedra no camiño de construír unha maior participación social nos montes veciñais. “Comunix tratouse dun proxecto pequeno en dimensión, pero que nos permitiu constatar a necesidade dalgo así. Fan falta espazos nos que traballar a realidade dos montes veciñais e reflexionar sobre o que se pode facer para lograr unha maior participación da xente nova e dos comuneiros en xeral”, explica Alberte Román, da cooperativa Trespés, tamén impulsora do documental ‘En todas as mans’, sobre a realidade dos montes veciñais galegos.

Factores
Á hora de analizar os factores que dificultan a implicación social no monte, Alberte Román destaca a ruptura da relación tradicional co territorio. “Antes había unha dependencia directa do monte pola actividade agraria, pero ese vínculo xa desapareceu en gran medida, o que leva a que a xente non se involucre na comunidade. Tamén sucede a miúdo o mesmo coas propiedades forestais privadas, que carecen de xestión”, valora.

“A cuestión é que o monte veciñal se vexa como un valor con moitos usos e aproveitamentos potenciais. Pódense establecer novos vínculos”

“A cuestión é que o monte veciñal se vexa como un valor con moitos usos e aproveitamentos potenciais. Pode representar, por exemplo, unha oportunidade para crear emprego para persoas mozas do entorno. En moitos montes xa non hai actividade agraria, pero pódense pensar novos vínculos co monte. En zonas perirubanas, o monte pode convertirse nun espazo natural de calidade cuns beneficios ambientais e sociais”, subliña Alberte Román.

En Galicia e en Portugal, as persoas participantes no programa Comunix visitaron diversas experiencias de usos e aproveitamentos dos montes. Tanto en Portugal como en Galicia predominan os aproveitamentos madeireiros de eucalipto e piñeiro nos montes veciñais, pero coñecéronse tamén aproveitamentos apícolas, gandeiros e usos sociais e culturais dos montes.

Conclusións
Un dos resultados de Comunix será a creación dunha metodoloxía educativa para impulsar a formación de persoas mozas en torno ós montes veciñais, de xeito que calquera monte veciñal ou entidade interesada poida utilizala. Alberte Román defende tamén a necesidade de que a formación sobre os montes veciñais se aborde nos centros educativos. “A formación é precisa para que os rapaces vexan o monte como un valor, que saiban o que significa, a súa historia e a importancia que ten”, valora.

Outro punto de formación que se presenta como necesario de cara ó futuro céntrase nas propias persoas que forman parte das xuntas rectoras das comunidades, que en ocasións nunca tiveran relación coa actividade forestal. “Sería interesante que houbese programas formativos para os propios comuneiros que lles aporten unhas nocións básicas”, apunta Román.

Participantes en Comunix no monte veciñal de Salcedo.

Participantes en Comunix no monte veciñal de Salcedo.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información