Como está a afectarlle o cambio climático á produción de cogomelos?

A seca está a facer que este sexa un dos peores anos micolóxicos nos montes galegos. Falamos con Luz Divina Castelo, xerente de Champivil, a principal empresa galega do sector, sobre esta campaña atípica e con Julián Alonso, presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, sobre a adaptación dos fungos ao cambio climático

Como está a afectarlle o cambio climático á produción de cogomelos?

Luz Divina Castelo, nas instalacións de Champivil, preparando unha confitura de cantarela para conserva.

“Desde que comecei no ano 2001, este é o peor ano, non vin cousa igual. A estas alturas as catro cámaras que temos deberían estar cheas de produto, non se podería nin entrar, e sen embargo non hai nada”. É o resumo gráfico que fai, no medio dunha sala baleira, Luz Divina Castelo. É a xerente de Champivil, a principal empresa galega comercializadora de cogomelos, que exporta aos principais mercados estatais e europeos.

Champivil procesaba durante os meses do outono, de setembro a decembro, uns 10.000 quilos diarios de cogumelos. “Este ano comezamos con 100 quilos diarios en setembro tralas primeiras chuvias, que duraron só un par de días, pero logo a produción caeu e tivemos días sen unha soa entrada”, recoñece Luz Divina.

“Este ano estamos traballando en cogumelos o 5% do habitual” (Luz Divina, Champivil)

Esta empresa de Vilalba merca cogomelos nas catro provincias galegas para venda en fresco, para conservas e para conxelado. “Este ano estamos traballando a un 5% do habitual”, confesa. “Nós traballamos por campañas e as máis fortes son a dos cogomelos e a dos grelos. Outros anos por esta época había traballando 30 persoas na nave de procesado e este ano non chamamos a ninguén”, compara. “Aínda que chova agora, levamos xa mes e medio perdidos, así que a campaña deste ano é xa difícil de recuperar”, lamenta.

Champivil ten dous momentos fortes da campaña de cogomelos, os boletus en outubro e a língua de vaca no nadal. “O boletus xa está perdido”, di Luz Divina. Esta especie representaba o 70% do volume de negocio de cogomelos de Champivil. O 30% restante sería lingua de vaca e outras variedades, pero nin sequera a súa xerente agarda que a lingua de vaca poida comportarse con normalidade: “este ano en vez de en decembro virá en febreiro, a destempo, porque para a venda en fresco xa é tarde. O consumo de produtos de tempada, como e o caso dos cogomelos, é moi estacional e a xente en febreiro come outras cousas, está xa cos cocidos, pero non pensa nos cogomelos. Teñen que vir na súa época e o consumo en fresco dos cogomelos remata co ano novo”, explica.

Os lumes danaron importantes zonas produtoras
Pero non só a seca afectou á merma na produción de cogomelos, que tamén se viu moi afectada este ano polos lumes. “Había zonas de moita produción de lingua de vaca e boletus, como a zona de Abadín ou de Arxeríz, que se viron moi afectadas polos incendios forestais deste outono, o mesmo que zonas de abundancia de trompeta dos mortos, boletus pinícola ou senderuela en Ourense. Iso para este ano xa non se recupera”, afirma Luz Divina.

Cogomelos nunha cámara de Champivil.

Cogomelos nunha cámara de Champivil.

A xerente de Champivil é unha das habituais en feiras como a das Pontes, a de Roupar ou a de Allariz, á que acudirá esta fin de semana. Admite que as celebradas até o momento foron “frouxas” pola escaseza de produto. “E aínda que haxa pouco cogomelo no mercado, o prezo podes aumentalo un ou dous euros, pero hai un límite”, así que augura que o volume de negocio das empresas galegas do sector este ano caerá notablemente.

Está o cambio climático detrás da falla de cogomelos?

A xerente de Champivil é clara: “Galicia nunca fallou en setas pero este é xa o cuarto ano malo. O cambio climático vén para quedarse”, afirma. Así que bromea pedindo “que despidan ao primo de Rajoy, que fai dez anos auguraba que non había evidencias do cambio climático, porque fallou estrepitosamente”, di.

Na súa opinión, a falla de precipitacións é clara. “As fontes poden recuperarse dun ano con pouca auga, pero non de catro anos de seca, e iso nótase na terra, que perdeu a humidade que tiña e que era o que facía abondar os cogomelos en Galicia”, considera.

Que algo está pasando no tempo atmosférico galego é algo co que concorda o seu pai, Andrés Castelo. “Desde que vin da mili con 22 anos dedícome a isto. Agora teño 63 e é certo que antes podía haber un ano malo, pero non era pola seca, senón por moitas semanas con vento do norte, que tamén fai minguar a produción. O que acontece nestes últimos anos é novo”, afirma.

“Comezan a verse en Galicia especies máis propias do sur da península”
Julián Alonso Díaz é doutor en Veterinaria e presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, unha entidade que reúne a 270 persoas amantes do mundo dos fungos. O vindeiro día 21 impartirá unha conferencia dentro do ciclo Luis Asorey, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, sobre cambio climático e biodiversidade fúnxica. Coincide en que este está a ser un ano “anómalo”, cunha primavera moi seca que se está a prolongar neste outono (os datos de outubro, por exemplo, amosan unha temperatura media 4,7ºC máis alta da habitual e unha media de precipitacións de só 36l/m2).

Julián Alonso, primeiro á esquerda, na presentación dun proxecto de micoturismo na montaña lucense. / Arquivo.

Julián Alonso, primeiro á esquerda, na presentación dun proxecto de micoturismo na montaña lucense. / Arquivo.

Esta alteración climática está a facer que “aínda dependendo en cada caso da especie, no contexto xeral haxa unha escaseza moi grande de cogomelos”, afirma Julián, que considera que “non é tanto pola temperatura, porque os fungos micetan con tempo cálido, pero precisan auga, que non houbo”, di.

O pasado 5 de novembro tivo lugar no colexio Rosalía de Castro de Lugo a 16ª edición da Exposición de Cogomelos que organiza a Sociedade Micolóxica Lucus. Conseguiron reunir 200 especies cando o habitual outros anos era pasar das 250, pero dalgunhas delas lograron moi poucos exemplares, admite Julián, que considera que daquí en diante caben dous escenarios: “se non chove e veñen as xeadas sería unha tempada desastrosa; se, pola contra, vén tempo variado, aínda podería haber un final de novembro e un mes de decembro bo”, asegura.

“É unha realidade que o tempo está cambiando e a constante nos últimos anos é a falta dun patrón habitual”, afirma o presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, que sobre os efectos do cambio climático di que “no tema dos fungos a dificultade para sacar conclusións estriba en que non ves o organismo completo, só ves unha parte, a micetación, pero na micetación é evidente a afectación”, asegura. Pon como exemplo o feito de que estexan saíndo neste momento macrolepiotas, cando esta é unha especie propia de finais de setembro que normalmente nesta época xa son difíciles de atopar nos nosos montes.

Saída da sociedade micolóxica Lucus.

Saída da sociedade micolóxica Lucus.

Julián afirma que “o normal é que a flora micolóxica se adapte ao clima coma calquera outro organismo” polo que augura que “cada vez vai ser máis frecuente ver especies doutras latitudes”. De feito, explica, especies máis propias do sur da península, como a amanita ponderosa, de clima mediterráneo, “malia que de momento non é abundante en Galicia, xa foi citada en Ourense e en Lugo”, conta.

“O mato nos montes reduce a produtividade micolóxica”

Ademais do cambio climático, outros factores que están a provocar a redución da produtividade micolóxica dos montes galegos son a pérdida de hábitats por cuestións como a substitución de bosques autóctonos por plantacións de eucalipto. “Non é que o eucalipto non teña flora micolóxica, pero especies de valor comercial como os boletus ou as cantarelas danse menos nun eucaliptal, sobre todo nos que abundan en Galicia, de ciclo curto, que nun piñeiral ou nunha carballeira”, aclara Julián. Tamén afecta á produtividade micolóxica a maleza, xa que “algunhas especies precisan luz para micetar e a maleza abundante impide esa penetración da luz”, explica.

Aínda que é cauto en relación ás especies que poidan verse en regresión neste momento en Galicia por todos estes factores, pois insiste en que unha valoración dese tipo require observacións de moitos anos para ser concluínte, Julián afirma que “se isto segue así poderían verse afectadas especies que precisan dun clima máis húmido”, como é o caso da ‘Lepista nuda’ (pé azul), que é unha especie frecuente e en xeral segue sendo bastante abundante en Galicia, pero que nos últimos anos “aparece en menor cantidade ou con aparición de frutificacións durante menor tempo pola cuestión climática”.

Expón ademais outros exemplos de especies que se consideran en regresión en España e Europa por diversas causas, pero en gran medida por cambio climático, contaminación e pérdida ou degradación de hábitats, como son os ‘Butyriboletus regius’ (Boletus regius) ou a ‘Tricholoma colossuse’, “que aquí en Galicia tamén se observan raramente”, di.

Un recurso cada vez máis frecuente para as comunidades de montes

A Lei de Montes de Galicia, aprobada no ano 2012, establece no seu artigo 85 que “os donos teñen dereito ao acotamento das súas propiedades orientada á viabilidade e mellor aproveitamento de pastos, cinexético, de cogomelos, castañas e outros froitos, plantas aromáticas ou mediciñais, corchos, resinas e outros produtos que puideran constituir unha fonte de rendas para o propietario”.

Con todo, os aspectos relacionados cos aproveitamentos micolóxicos só estaban esbozados na Lei de Montes, polo que, seguindo o exemplo doutras comunidades, como Castela e León, La Rioja, Aragón ou Navarra, a Xunta de Galicia elaborou dous anos despois unha lexislación específica, o Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia, que clarifica xuridicamente os dereitos dos propietarios dos montes e dos afeccionados, define os tipos de aproveitamentos, as condicións específicas na realización dos aproveitamentos, así como as prácticas prohibidas.

Fomentado en boa medida pola presenza de Champivil, na comarca da Terra Cha son moitos os afeccionados que percorren os montes nesta época do ano na procura de cogomelos e, ao mesmo tempo, o aproveitamento micolóxico é un recurso cada vez máis utilizado polas Comunidades de Montes. Para preservar esta fonte de ingresos, algunhas delas teñen normas específicas para a recollida de cogomelos dentro dos seus montes.

Comunidades de montes de Abadín, Guitiriz ou Xermade permiten o aproveitamento só por parte de comuneiros

É o caso de comunidades como a de Labrada (Abadín), As Negradas (Guitiriz) ou Lousada (Xermade), onde hai carteis que indican que o aproveitamento micolóxico dentro do monte comunal pertence en exclusiva aos membros da CMVMC, aínda que son restriccións de difícil vixiancia e de incumprimento frecuente por parte de persoas alleas á comunidade. No caso de Lousada, por exemplo, a Comunidade de Montes repartiu carnés entre os seus membros para que poidan amosalos e acreditar que están autorizados en caso de toparse coa presenza de axentes do Seprona, por exemplo.

Hai outras comunidades que tamén fan un aproveitamento dos cogomelos nos seus montes, pero que optaron por abrir a toda a poboación a posibilidade de apañalos. É o que acontece, por exemplo, na Comunidade de Montes de O Carballo, en Friol. Os comuneiros decidiron permitir a persoas alleas á parroquia esta actividade, aínda que cun límite de dous quilos por persoa e día e previo pago dunha taxa. Para moitos afeccionados merece a pena pagala, pois os cogomelos desta comunidade de montes contan co certificado de produción ecolóxica do Craega.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información