“Coa prohibición do eucalipto, a alternativa que quedaría é o abandono”

Daniel Villapol, da Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, cuestiona o decreto que impediría plantar a especie en 21 concellos da provincia e en Ourense

“Coa prohibición do eucalipto, a alternativa que quedaría é o abandono”

Daniel Villapol. / Arquivo. Imaxe: Fundación Barrié.

A posible prohibición do eucalipto en 21 concellos de Lugo e en Ourense é criticada polo empresario Daniel Villapol, o principal referente da Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo. Villapol recoñece que os serradoiros poden atoparse en 12-15 anos con problemas para abastecerse de piñeiro, pero ve tamén unha oportunidade no eucalipto para a industria da madeira. “Nunca quedará eucalipto sen cortar no monte”, asegura.

A súa posición contrasta coa expresada por outros representantes da industria da madeira, que se teñen declarado preocupados por unha posible sobreoferta de eucalipto e polos problemas que enfrontarán os serradoiros que traballan con piñeiro. Falamos con Villapol antes da súa intervención nas xornadas sobre o eucalipto organizadas a pasada semana pola Deputación de Lugo, nas que se constatou unha polarización entre a visión ambiental do monte e a forestal.

“Se se cumprise a lexislación que regula as plantacións de eucalipto, non habería que tomar maís medidas”

Explíquenos a súa postura sobre o decreto para regular o eucalipto que baralla a Xunta.
– Desde o punto de vista da plantación do eucalipto, nós entendemos que hai que manter os criterios de biodiversidade que xa temos agora mesmo. Hai zonas onde non se pode plantar, como as fragas, espazos naturais protexidos ou terras de labor. Tamén están reguladas as distancias que hai que respetar a ríos e estradas. Por tanto, o que hai que tratar é que iso se cumpra. Se se cumprise a lexislación que temos, non hai necesidade de tomar outras medidas.

Sen prohibicións adicionais, resulta probable que as masas de piñeiro do interior de Lugo e mesmo de Ourense se sustitúan por eucalipto. Existe un risco de desabastecemento de piñeiro no medio prazo?
– Efectivamente, as empresas consumidoras de piñeiro, non a curto prazo, porque agora está sobrando, pero si a medio prazo, van ter problemas. Se non cambia a política de plantacións de piñeiro, a 12-15 anos haberá problemas. Desde a perspectiva do propietario, o eucalipto nitens duplica a rentabilidade do piñeiro e cun 40% de traballo menos. En Galicia, a propiedade é privada, así que se non hai unha regulación que o impida, o normal é que o propietario busque o maior rendemento posible para a súa explotación.

“As empresas consumidoras de piñeiro van ter problemas. Para o propietario, o eucalipto nitens duplica a rentabilidade do piñeiro”

A pesar do risco de desabastecemento de piñeiro, non estades en contra da expansión do eucalipto?
– Son cuestións diferentes. Se non se lle busca outra alternativa, a única alternativa que quedaría coa prohibición do eucalipto é o abandono. Non é o piñeiro nin crear unha masa de árbores autóctonas. Sexamos realistas. Pensemos que en Galicia as superficies dos propietarios particulares son moi pequenas, con custos de xestión altos, e non se rentabilizan facilmente con outras árbores.

Un tema no que temos que pensar é en protexer o medio rural da despoboación. Se non hai actividades produtivas, e a madeira é unha, que manteñan ó propietario no rural, automaticamente abandónao. E aínda así pode deixalo. O propietario ten que buscar o que dea máis valor. Se non, entre a pequena dimensión da parcela e o cara que se fai a xestión, o risco de abandono é claro.

“Débese plantar ‘globulus’ onde se poida plantar, pero o ‘nitens’ ten aplicacións e industria consumidora”

O eucalipto que se plantaría no interior de Lugo é o nitens, con menores aptitudes que o globulus tanto para pasta de papel como para madeira. Cre que tería demanda?
– Claramente hai que defender o eucalipto globulus naqueles espazos onde se poida plantar, xa que ten maior calidade e posibilidades de aplicacións. Agora ben, o globulus ten o problema de que non se dá en altitude e presenta maiores dificultades pola praga do gurgullo. Por tanto, cando haxa que plantar nitens, hai que dicir que o eucalipto nitens ten aplicacións e ten industria consumidora. Pensemos que no mundo, o eucalipto globulus non chega ó 15% dos eucaliptos e o resto son eucaliptos que está consumindo a industria e aquí non temos porque ser distintos.

A expansión do nitens faille pensar a parte do sector forestal que nun futuro haberá dificultades para a comercialización de toda esa madeira. Ve lóxico ese temor?
– Agora mesmo está consumíndose todo o nitens que sae ó mercado e nun futuro seguirá a ser así, sen lugar a dúbidas. É rendible para pasta e estou convencido de que o consumo de pasta de papel seguirá en aumento. Tamén se usará para taboleiro e inclusive pode ter usos para madeira serrada. Vai ter menos valor o nitens que o eucalipto globulus? Si, son madeiras diferentes con usos diferentes, pero iso non quere dicir que non se vaia consumir.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información