Claves para un mantemento axeitado da motoserra que facilite o manexo

Un bo mantemento da motoserra, á par de alongar a vida útil da máquina, é fundamental para evitar riscos e incidentes á hora de traballar con ela. Repasamos algunhas das recomendacións para garantir un óptimo funcionamento desta máquina

Claves para un mantemento axeitado da motoserra que facilite o manexo

Juan José Rodríguez, nun dos cursos que imparte sobre o manexo da motoserra.

O enxeñeiro técnico forestal Juan José Rodríguez, da empresa Conforma Forestal, que recentemente impartiu un curso para a Federación de Aserradores e Rematantes de Madeiras de Galicia (Fearmaga) sobre un manexo preventivo da motoserra, apórtanos as principais claves do mantemento desta ferramenta.

En primeiro lugar, o técnico incide en que é preciso realizar un mantemento diario, semanal e mensual da motoserra para asegurar un axeitado funcionamento. “Moitos fallos que nos acaban dando as máquinas é pola falta dun mantemento axeitado”, explica Rodríguez. Pero, ademais, Rodríguez destaca que “unha máquina cun correcto mantemento é moito máis segura, xa que é máis difícil que fallen os sistemas de seguridade”, advirte.

“Moitos fallos que nos acaban dando as máquinas é por falta dun mantemento axeitado”

Mantemento diario

O mantemento diario é o que se fai no monte, que a penas implicará unha revisión da máquina duns 30 minutos e na que se repasará o básico, xa que non se incide en pezas pequenas para evitar que se perdan.

Limpeza do embrague. Realízase simplemente cunha brocha e gasolina, preferiblemente pura, senón, pódese empregar a que se utiliza para a propia máquina.

Limpeza do filtro do aire. Faise atendendo ó material do que estea feito o filtro. Se se trata dun filtro de papel ou cartón só se golpeará para sacudilo. Porén, se é un filtro de plástico debe limparse empregando gasolina.

Revisión e limpeza da espada da máquina. É preciso revisar o estado no que se atopa a espada cada día ademais de limpala. Hai que comprobar se o fío está dereito, senón habería que corrixilo, así como, se hai un engrosamento na guía da espada tamén debe eliminarse.

“A cadea é a parte máis perigosa da máquina, polo que hai que estar sempre moi atentos ó seu estado”

Tamén se procederá ó afiado da cadea. O afiado diario normalmente faise co limatón correspondente ó tipo de cadea que se estea a empregar. A cadea é a parte máis perigosa da máquina e un mantemento axeitado é fundamental para garantir un bo funcionamento e evitar ou minimizar riscos. “Temos que estar sempre moi atentos ó estado da cadea”, recalca o técnico. Así, se hai calquera fisura habería que rexeitala. “Tamén é moi importante que os buratos de engraxe que leva o sable sempre queden limpos para que entre a graxa que vai á cadea”, especifica Rodríguez.

Limpeza xeral da máquina. O mantemento diario compleméntase cunha limpeza xeral da máquina para deixala xa lista para o día seguinte.

Mantemento semanal

Este tipo de mantemento xa se faría no taller ou na base xa que se revisan e limpan pezas máis pequenas. “Neste mantemento imos desmontar parte da motoserra e é mellor non facelo no monte”, concreta o técnico. Estas comprobacións implican entre 30 e 45 minutos e realízanse ás 30 horas de funcionamento da máquina. Comeza por facerse un mantemento diario e engádese a verificación dalgunhas pezas de menor tamaño ou realizase unha limpeza máis en detalle.

Un momento do curso de mantemento da motoserra.

Un momento do curso de mantemento da motoserra.

Limpeza da zona de engraxe da cadea. Procédese a desmontar a zona da cadea para limpala en profundidade. “Debe facerse sempre dende dentro cara a fóra”, matiza o técnico. Tamén se realiza un afiado en detalle da cadea.

Limpeza do filtro do aire. A diferenza da limpeza que se fai a diario do filtro do aire, nunha limpeza semanal procedese máis en profundidade para conseguir que a peza quede máis limpa.

Así, no caso dos filtros de papel ou cartón, esta limpeza faise cun soprador. Tamén se aproveitará para soprar toda a máquina e quitar, así, os restos de madeira. Nesta limpeza xeral da motoserra co soprador, o técnico incide na importancia de evitar que os restos rematen no carburador, que é a parte máis delicada da máquina. Por iso, debe protexerse esta zona cunha tea, para evitar que entre sucidade na entrada do aire do carburador.

Na limpeza xeral da máquina con soprador é fundamental evitar que entren restos no carburador, por iso protéxese cunha tea

No caso de filtros de plástico, esta limpeza farase con auga e xabón no canto de empregar gasolina como na limpeza diaria. Preténdese deste xeito eliminar os restos de graxa que haxa neste filtro, que poden verse incrementados se nas limpezas diarias se emprega gasolina da máquina e esta leva aceite.

Limpeza do aliviadoiro do combustible. Límpase toda esta zona para asegurar que entre aire no depósito.

Mantemento do sable. A diferenza do mantemento que se fai a diario desta parte da máquina, nun mantemento semanal xa se revisa tamén o estado do piñón de reenvío, comprobando que non teña demasiada folgura e que os picos non estean moi desgastados. Dependendo do modelo de motoserra, o mantemento deste piñón tamén variará, xa que nalgúns casos xa o engraxa a cadea e noutros será preciso engraxalo.

Revisar a coroa do embrague. Hai que comprobar que o piñón de arrastre do embrague está en perfectas condicións.

Mantemento mensual

Este mantemento, que tamén se fai en taller ó cabo de 120 horas de funcionamento da máquina, implica case unha hora de revisión do aparato e xa inclúe tamén a revisión máis en detalle do embrague.

Limpeza do embrague. Sácase o tambor do embrague e realizase unha limpeza cun pano ou un papel. Tamén é preciso facer unha comprobación dos resortes do embrague e cámbianse os que estean danados. A substitución dos resortes, sempre e cando non estean danados, realízase atendendo ás recomendacións do fabricante.

Comprobacións no sistema de arranque. Cómpre desmontalo unha vez ó mes. Procúrase eliminar tensión do resorte que leva dentro o arranque. Tamén se procede a engraxalo preferiblemente con aceites minerais, similares ós empregados no engraxe das máquinas de coser.

É preciso limpar toda a zona do prato magnético e as aletas de refrixeración do cilindro cun pequeno cepillo de arame de púas que non sexa moi duro. Ademais, límpase a bovina electrónica.

Compróbase tamén a buxía, asegurándose que os eléctrodos estean correctos e límpase tamén con ese cepillo de arame. “En principio se a máquina arranca ben, non é preciso incidir en máis aspectos”, concreta.

Limpeza dos depósitos. Deben limparse tanto o depósito do combustible como o da graxa da cadea. Seguindo as indicacións do fabricantes, procédese a substituír tamén os filtros que hai no interior dos depósitos. “Este tipo de filtros son pezas realmente moi baratas”, apunta Rodríguez. Tanto no caso do filtro do combustible como no do aceite, a limpeza debe facerse con gasolina pura. Enxáuganse os depósitos e logo tírase esa gasolina. No caso do depósito do aceite, unha vez limpo, hai que volvelo encher de aceite. “É moi importante que non quede gasolina no depósito do aceite para que non se cuarteen as gomas que conducen o aceite á cadea”, explica.

Mantemento anual

Alomenos unha vez ó ano tamén é preciso comprobar e limpar outras partes da motoserra, como o escape. É preciso desmontalo e limparlle a feluxe que poida ter acumulada durante o seu uso.

Por último, o enxeñeiro técnico recorda que un bo mantemento da motoserra, á par de minimizar os riscos que empeña traballar con esta ferramenta de corte, serve ademais para alongar a súa vida útil. Así, incorporar estas rutinas tanto diarias, como semanais ou mensuais pode permitir prolongar a vida útil dunha motoserra de uso profesional e diario en case un ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información