Cinco organizacións abandonan o Consello Forestal ao sentirse ninguneadas pola Xunta

O plante protagonizárono o Sindicato Labrego, a Organización Galega de Comunidades de Montes, Frouma e dúas asociacións ambientalistas, Amigos da Terra e a Federación Ecoloxista Galega

Cinco organizacións abandonan o Consello Forestal ao sentirse ninguneadas pola Xunta

Reunión do Consello Forestal de hoxe.

A reunión de hoxe do Consello Forestal comezou con polémica. Cinco das asociacións que participan neste órgano consultivo da Xunta decidiron abandonar o encontro. Foron o Sindicato Labrego, a Organización Galega de Comunidades de Montes, Frouma e dous colectivos ambientalistas, Amigos da Terra e a Federación Ecoloxista Galega.

O plante vén motivado pola escasa operatividade real que perciben no Consello Forestal. “Queremos denunciar as prácticas de entorpecemento á participación dos colectivos neste órgano no que se debaten as políticas forestais da Xunta”, sinalan en nota de prensa as cinco organizacións.

“Medio Rural trae os temas ó Consello Forestal como feitos consumados. Valoraremos crear unha mesa alternativa”, anuncian

Un dos motivos do enfado débese a que Medio Rural presentou o pasado venres en rolda de prensa o Plan de Defensa contra Incendios (Pladiga 2017), antes do seu envío ás organizacións que participan no Consello Forestal. O debate do Plan no Consello de hoxe considérase ademais como testemuñal por parte das asociacións que protagonizaron o plante, pois a tempada de alto risco de incendios comeza xa este sábado 1 de xullo.

“Estas prácticas entorpecedoras non son esporádicas, senón habituais. Medio Rural trae os temas ó Consello Forestal como feitos consumados. Na práctica, non podemos participar nun Pladiga que xa se vai aprobar no Consello da Xunta do xoves, con independencia do que digamos, e cuxo contido xa se estivo difundindo en varios medios de comunicación nos últimos días”, critican.

Creación dunha mesa de traballo alternativa
Desde os cinco colectivos anuncian en nota de prensa que están dispostos a constituír unha mesa de traballo sobre os incendios forestais a partir da propia sociedade civil e dos axentes do sector. “Se Medio Rural non muda de actitude, traballaremos en alternativas ás políticas de loita contra o lume que está impoñendo a Xunta de costas aos colectivos e organizacións do sector”.

Cómpre lembrar que hai un par de anos tamén o sector empresarial, encabezado por Confemadera Galicia, decidiu rachar relacións con Medio Rural para amosar a súa disconformidade coa xestión da Consellería en materia forestal. A patronal do sector monte-industria, sen embargo, optou nos últimos meses por restablecer relacións coa Xunta tras aquela chamada de atención.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información