Cinco cuestións a ter en conta nas plantacións de piñeiro

O éxito dunha repoboación depende de factores como a elección e manexo da planta ou a preparación da parcela. Falamos con Viveros Braña para coñecer consellos prácticos e erros comúns a evitar

Cinco cuestións a ter en conta nas plantacións de piñeiro

Plantación de piñeiros nunha finca que foi subsolada. / Imaxes: Antonio Mota.

Cando se vai acometer unha plantación de piñeiros, é convinte coidar factores como a elección da planta, a preparación da parcela ou a colocación do piñeiro no terreo. Falamos con Antonio Mota, enxeñeiro técnico forestal de Viveros Braña, para coñecer cuestións prácticas que se deben ter en conta, así como algúns erros comúns a evitar.

1) Elección da planta

O propietario forestal ten dúas alternativas, escoller planta con raíz núa ou planta con cepellón (raíz con terra). “O ideal sería escoller planta con raíz núa porque facilita que a raíz se desenvolva de xeito natural no terreo, co que se logra un mellor agarre ante ventos fortes” -valora Antonio Mota.- “Con planta en cepellón, hai máis probabilidades de que ante un vendaval, teñamos árbores que torcen ou caen”.

PIñeiro a raíz núa.

PIñeiro a raíz núa.

O problema da planta en raíz núa é que só se pode usar durante o período de parada vexetativa das árbores, en inverno. Nas zonas cun clima máis tépedo, sen xeadas, onde hai unha escasa ou case nula parada invernal, o propietario só terá a opción da planta en cepellón. Se a plantación se quere facer na primavera, tamén deberá usarse esta alternativa.

A vantaxe da planta en cepellón é que ten un manexo máis sinxelo e a raíz sofre un menor estrés. En calquera dos dous casos, planta con raíz núa ou con cepellón, recoméndase utilizar planta de orixe galega, xa que está máis adaptada ó clima autóctono.

2) Manexo da planta

O coidado no manexo da planta é un aspecto fundamental para garantir o éxito da repoboación. No transporte e almacenamento previo á plantación, deben evitarse circunstancias como que a planta quede exposta ó sol ou que lle dea o vento, xa que se resecará.

Planta en cepellón.

Planta en cepellón.

Outro exemplo. “Se estamos plantando unha parcela, ás veces non se remata nun día e déixase a planta no terreo para seguir ó día seguinte. Se esa noite cae unha xeada, podemos ter un problema serio no futuro”, advirte Antonio Mota.

Para almacenar a planta, sobre todo a de raíz núa, recoméndanse sitios escuros nos que non corra o aire e con humidade, como poden ser as adegas. Se se vai tardar moitos días en facer a plantación, no caso das plantas en raíz núa, habería que colocalas en terra.

Cantos menos días transcurran entre a adquisición do material e a súa colocación no terreo, menor será o estrés ó que se someterá ó piñeiro.

3) Preparación do terreo

Se a parcela está a mato, como operación previa á preparación do terreo haberá que facer un desbroce e trituración dos restos, preferiblemente de xeito mecanizado cun tractor. Na preparación do terreo para unha plantación forestal, a diferenza dos cultivos agrícolas, procurarase un escaso laboreo, con actuacións lineais ou puntuais.

Pódese optar simplemente por abrir buratos cunha pequena excavadora ou bulldozer (actuación puntual) ou ben facer un labor de subsolado con tractor ou bulldozer (actuación lineal). O subsolado consiste na apertura de surcos profundos cun subsolador (ripper). Esta operación permite ademais rachar os horizontes máis profundos, sen voltealos, e aumenta a superficie útil para as raíces. Cando non é posible, por exemplo en parcelas con tocóns, haberá que conformarse con facer buratos puntuais para a plantación.

Miniexcavadora facendo buratos para unha plantación.

Miniexcavadora facendo buratos para unha plantación.

4) Fixación do marco de plantación

Os modelos silvícolas deseñados pola Xunta para a plantación de piñeiro recomendan marcos de 3×2 ou 3×3 metros, se ben admítense variacións de ata un 25%.

“O marco de plantación está condicionado polas labores de mantemento posterior con tractor” -explica Antonio Mota-. “A separación de filas a 3 metros é necesaria para desbrozar, pero a partir do quinto ano incluso con 3 metros de separación o paso do tractor ás veces é moi xusto. A tendencia é a separacións entre filas de 3 ou 3,20 metros, incluso superiores (ata 4 metros)”.

5) Plantación

As principais cuestións a vixilar á hora de implantar o piñeiro no terreo son dúas, que a raíz quede dereita, en vertical, e non deixar aire entre a terra e a raíz da planta.

Plantación con pincho.

Plantación con pincho.

No caso de que non haxa buratos abertos, se se utiliza unha aixada para facer o burato, hai que ter en conta que este terá unha forma curva. Por tanto, cómpre retirar a terra por completo e posicionar ben a planta, a fin de que non quede coa raíz torcida, antes de encher o burato de terra.

Outra opción é plantar utilizando un pincho ou unha pa recta para abrir un oco no terreo no que se colocará o piñeiro, procedendo despois a arrimar a terra dos laterais para evitar que quede aire na raíz. Cómpre pisar arredor da planta pero tampouco é convinte compactar o terreo en exceso, pois dificultarase o desenvolvemento das raíces.

No caso de utilizar planta en cepellón que conteña piñeiro moi grande e con moitas raíces, recoméndase tamén cortar antes da plantación a parte de abaixo do cepellón (1 ou 2 cm.), pois contén raíces mortas que veñen de estar ó aire e que hai que renovar, para facilitar que as raíces novas dos piñeiros penetren mellor no terreo.

Ante calquera dúbida técnica, é convinte consultar aos viveiros onde se merque a planta.

Tractor facendo un labor de subsolado nas liñas de plantación.

Tractor facendo un labor de subsolado nas liñas de plantación.

Abonado da plantación
A decisión sobre abonar ou non a plantación dependerá de factores como a calidade do chan e a valoración do custo económico que leva consigo. Adoita ser un bo indicador do terreo o tipo de mato. Chans nos que predominen toxos, silvas ou fieitos adoitan ser de maior calidade que os terreos con brezo. En xeral, o abonado do piñeiro non é unha práctica habitual, xa que o crecemento puntual que se pode obter é pouco significativo, tendo en conta que o turno de corta é de 30-35 anos.

Repasamos con Antonio Mota as características e composicións máis habituais nos fertilizantes forestais para piñeiro:

Liberación lenta
O abonado da planta forestal faise actualmente con abonos de liberación controlada. Estes abonos veñen dentro dunhas pequenas cápsulas redondas de resina, un material que actúa como unha membrana que só deixa saír o fertilizante cando no terreo hai unhas condicións mínimas de temperatura (21º C) e de humidade.

Imaxe dun abono de liberación lenta.

Imaxe dun abono de liberación lenta.

Deste xeito, conséguese prolongar o seu efecto no tempo, xa que nos meses de inverno e outono non se libera abono ao terreo, coincidindo cos meses de parada vexetativa. Tampouco se libera o abono nos períodos de fortes secas estivais por falta de humidade no chan e nos que a planta adoita entrar tamén nunha certa parada vexetativa.

A duración destes fertilizantes adoita estar entre 13 e 19 meses, aínda que pode alongarse máis no tempo naquelas zonas onde os meses fríos sexan maiores ou o período de seca sexa máis prolongado.

Composición dos abonos
No mercado pódense atopar gran variedade de composicións químicas, aínda que a máis habitual é un NPK 9 + 13 + 18 + MgO + Fe, en dose de entre 25-50 gr. por planta; que se adoita aplicar no momento da plantación para reducir custos, colocando as pequenas cápsulas de abono granulado xusto debaixo das raíces ou o cepellón das plantas, pois para ser efectivos, precisan estar en contacto coa humidade do terreo e o máis preto posible ás raíces.

O abonado dunha plantación pode supoñer un aumento de custos de entre 300 e 500 euros por hectárea

Tamén existen abonos mixtos, compostos por cápsulas de liberación controlada e por abono granulado normal (tipo agrícola), que son máis baratos, pero que teñen unha duración moito máis corta no tempo (6 meses).

O abonado dunha plantación de piñeiro pode supoñer un incremento de custos de entre 300 e 500 euros por hectárea, posto que o prezo destes abonos para pequenas cantidades é normalmente caro. Non está indicado en chans pouco profundos ou en zonas con fortes ventos dominantes, pois a fertilización pode provocar un crecemento demasiado rápido da párte aérea da planta e que, debido a iso, os refachos de vento inclinen a planta con facilidade, ao non contar cunhas raíces que suxeiten convenientemente a árbore.

Plantacións con carencias
Naquelas plantacións de coníferas que despois duns anos presenten plantas cloróticas (amareladas), o abonado pode ser unha axuda para tratar de que recuperen una certa vitalidade, coa esperanza de que reactiven o seu desenvolvemento. Pero esta actuación nunca será unha garantía de éxito ao 100%, posto que a duración do fertilizante é relativamente curta e nunca corrixirá completamente as carencias que teña o terreo e que orixinan o amarilleamento das plantas.

Nestes abonados de mantemento, tratarase de facer un oco preto das raíces cun pincho ou ferramenta similar para tratar de aplicar o abono o máis preto posible da zona radicular da planta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información