Chequeo ás Sofor, solución para a xestión do minifundio forestal?

Galicia conta con 10 Sociedades de Fomento Forestal que agrupan 447 socios e 1.389 hectáreas de xestión. Outras 12 sociedades, cun total de 2.915 hectáreas, están en proceso de inscripción

Chequeo ás Sofor, solución para a xestión do minifundio forestal?

Parcela de piñeiro dunha Sofor de Silleda. / Arquivo.

O minifundio forestal en Galicia xera dificultades de xestión para os propietarios, que en ocasións mesmo descoñecen ou perden a ubicación de parte das súas parcelas. Afrontar ese escenario, que remata por deixar parte do monte no abandono, é un dos grandes retos do monte galego. Para encaralo, a Xunta buscou impulsar agrupacións de propietarios forestais a nivel de parroquia ou aldea. Primeiro foron as Uxfor (Unidades de Xestión Forestal), no Goberno bipartito, unha figura que derogou a actual Xunta para crear no 2011 as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor). Están sendo as Sofor unha solución?

Galicia conta na actualidade con 10 Sofor creadas e con outras 12 en proceso de inscripción. As 10 sociedades xa en funcionamento agrupan 1.386 hectáreas de 447 socios, en tanto as 12 en creación suman 2.915 hectáreas.

Taboa Sofor final

Valoracións
Os primeiros pasos das sociedades son considerados positivos polo actual director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández Couto, impulsor da figura das Sofor, que entende que as agrupacións creadas xerarán un efecto exemplo no monte galego que actuará como semente de futuros proxectos. O director xeral de Ordenación do Monte, José Luis Chan, defende tamén a figura das Sofor como un acerto, aínda que xa anunciou que a Xunta creará outras 2-3 figuras de xestión conxunta do monte, con distintos graos de compromiso dos propietarios, de cara a facilitar a aparición de novas iniciativas.

Outra das liñas de traballo que prevé iniciar a Xunta é a busca dunha fiscalidade atractiva para esas figuras de xestión conxunta, de xeito que a tributación derivada das cortas de madeira ou doutros aproveitamentos sexa beneficiosa para os propietarios, en comparación cunha xestión individual.

“Coas franxas de protección, hai moitos propietarios que teñen que apandar. Unha solución sería ligar esas franxas a figuras de xestión conxunta” (Xosé Luis Rivas, ‘Mini’)

A valoración da oposición sobre as Sofor é ben distinta. Estes días, a situación das Sofor chegou ó Parlamento con motivo da presentación do anuario de estatística forestal publicado pola Consellería do Medio Rural. A creación de 10 sociedades de fomento forestal “en dez anos” é calificada por En Marea como “un fracaso absoluto”, en palabras do deputado Antón Sánchez. “Despois de 10 anos, están xestionando un 0,06% do monte galego coas Sofor. Se esta é a solución, a este ritmo necesitarían mil anos para crear figuras de xestión conxunta de todo o monte galego”, criticou.

Franxas de protección
Por parte do Bloque, o deputado Xosé Luis Rivas ‘Mini’ afondou na mesma liña argumental, sinalando ademais as posibilidades de fórmulas de xestión conxunta para enfrontar a prevención de lumes nos núcleos de poboación. “Coa creación de franxas de protección en torno ás aldeas, hai moitos propietarios que se están atopando con que teñen as súas fincas nesas franxas e con que lles toca apandar, pero a xente xa se está cansando de apandar. Ou ligamos as franxas de protección á creación de figuras de xestión maiores ou haberá problemas”, pronosticou.

mapa sofor final

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información