As cerdeiras galegas ‘top’ chegan ó monte

Os viveiros galegos están xa a comercializar 5 clons autóctonos da especie transferidos polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Os seus crecementos chegan a ser dun metro por ano

Publicidade
As cerdeiras galegas ‘top’ chegan ó monte

A investigadora Eugenia Miranda durante as xornadas sobre a cerdeira para uso forestal celebradas no CIF Lourizán.

O aproveitamento forestal da cerdeira preséntase como unha alternativa máis para a rendibilidade dun monte variado. Hai máis de 20 anos que o Centro de Investigación Forestal de Lourizán comezou a dar os primeiros pasos para impulsar a produción forestal da especie en Galicia e hoxe, hai xa variedades galegas nos viveiros e constátase un interese por estas plantacións. Porén, as plantacións forestais de cerdeira son aínda escasas.

“Durante moitos anos a xente viviu de costas ás frondosas autóctonas, pero hoxe hai un interese xeral porque teñan unha maior presenza no monte e porque poidan ter un rendemento”, apunta Pedro López, xefe do Distrito Forestal XIX (Caldas – O Salnés), que vén de intervir nunha xornada centrada na cerdeira para uso forestal celebrada no Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, en Pontevedra.

“Hai un interese xeral en que as frondosas autóctonas teñan maior presenza no monte”, (Pedro López, xefe do Distrito Forestal XIX)

O interese pola recuperación das frondosas autóctonas vén, en moitos casos, da man das comunidades de montes, que están a apostar por incluír novas plantacións, á marxe de piñeiro e eucalipto. Entre esas opcións, a cerdeira é unha alternativa que ofrece unha oportunidade de aproveitamento forestal e que, ademais, é viable en zonas restrinxidas a outras especies, como as proximidades ós núcleos rurais, onde piñeiros e eucaliptos non teñen cabida pola normativa de prevención de lumes.

A comunidade de montes veciñais de Coiro, en Cangas (Pontevedra), é un exemplo desa aposta por contar cun monte diverso, pois acaba de realizar, a comezos deste ano, unha pequena plantación de 70 cerdeiras. Trátase de exemplares procedentes do Centro de Lourizán, que terán seguemento do Centro para estudar o resultado das diferentes variedades nun monte periurbán como o desta comunidade.

“Estamos a apostar por un monte multifuncional onde teñan cabida diferentes aproveitamentos” (Manuel Soaxe, da CMV de Coiro)

“Na comunidade de montes estamos a apostar por un monte multifuncional onde teñan cabida diferentes aproveitamentos e onde se valore a función social do monte, como lugar de ocio e entretemento, e mesmo a súa función terapéutica”, reivindica Manuel Soaxe, secretario da xunta reitora da comunidade de montes de Coiro.

Variedades adaptadas

Xunto con esta plantación de Cangas, no Centro de Investigación Forestal de Lourizán contan tamén con outras parcelas experimentais, en diferentes ubicacións e de distintos tamaños, coas que controlar a evolución e adaptación dos clons que están a desenvolver. Este traballo de investigación sobre a cerdeira para uso forestal iniciouse no centro arredor do ano 1996, logo de que empezaran a plantarse as primeiras parcelas en Galicia para fins forestais.

Plantas-de-cerdeira-obtidas-en-cultivo-in-vitro-no-CIF-Lourizan-

Plantas de cerdeira obtidas en cultivo in vitro no centro de investigación forestal de Lourizán.

Comezaron procurando exemplares silvestres na zona oriental de Galicia, onde había unha importante presenza desta árbore. “Cando se fixeron as primeiras plantacións en Galicia había un gran descoñecemento, non había planta autóctona e outras variedades non chegaron a adaptarse ben ou sufriron moito por distintas pragas”, comenta María Eugenia Miranda, investigadora do CIF Lourizán.

A cerdeira é hoxe unha das especies prioritarias do Programa de Mellora Xenética do Plan de innovación e mellora forestal de Galicia 2010-2020. De feito, ó longo destes anos conseguiron poñer no mercado 5 clons. O primeiro, deles o Lourizán 1, foi rexistrado no Catálogo Nacioal de Material Forestal de Reprodución no 2011. “Cada vez o proceso de rexistro é máis esixente e debe incluír xa non só os estudos que demostran a calidade da árbore senón que se agarda que proporcionemos material e recomendacións para estas variedades”, detalla a investigadora.

Media ducia de viveiros galegos comercializan planta de cerdeira das variedades autóctonas xa rexistradas

As investigacións enfócanse tamén a conseguir variedades máis resistentes ós retos asociados ó cambio climático, como a seca ou as inundacións. “Estivemos a realizar probas con distintos exemplares someténdoos a situacións extremas de asolagamento e de seca para comprobar como responden ante estas condicións adversas”, explica Miranda.

Así, entre as cinco variedades rexistradas, hai clons que presentan distintas adaptacións. O Lourizán 2, por exemplo, tolera mellor os encharcamentos, pero non a seca; en tanto o Lourizán 3 está máis adaptado á seca. A maioría deles presenta ademais unha baixa incidencia de enfermidades fúnxicas. En canto ao crecemento, os últimos tres clons rexistrados (Lourizán 3, 4 e 5) incrementan os crecementos e diámetros dos dous primeiros (Lourizán 1 e 2). O que mellor comportamento amosou na plantación clonal de Lourizán é o Lourizán 3, que chegou ós 18 metros en 19 anos, mantendo un crecemento sostido de case un metro anual.

Xunto ós 5 clons, no centro agardan poder presentar e rexistrar nos próximos meses outras tantas variedades que amplien a oferta para os produtores. Na actualidade, media ducia de viveiros galegos comercializan planta de cerdeira destas variedades autóctonas xa rexistradas.

Cuestións a ter en conta á hora de plantar cerdeiras

Á marxe de contar con planta autóctona de calidade e adaptada ás características de Galicia, hai outros aspectos nos que os expertos fixeron fincapé ó longo da xornada para a produción de madeira de cerdeira. “Ó igual que acontece con outras frondosas, non se pode introducir cerdeira en calquera terreo porque precisan dunha serie de características e dunha silvicultura máis esixente ca outras especies”, apunta Pedro López.

Así, as cerdeiras precisan de terreos cunha boa profundidade de terra e dispoñibilidade de auga. “É unha árbore moi esixente coa humidade dos solos, polo que se precisan solos que non se inunden e que conserven ben a auga no verán”, concreta Braulio Molina, enxeñeiro de montes da Asociación Forestal de Galicia. Son ademais árbores sensibles a varios fungos e insectos, o que obriga a facer un seguimento da súa evolución. Ó seu favor, a cerdeira resiste ben as baixas temperaturas e as xeadas tardías.

Os expertos recomendan escoller terreos protexidos do vento e preferiblemente antigas parcelas agrícolas de solos básicos ou neutros. Este tipo de terreos e as propias características da árbore, cun crecemento vertical e unha estrutura que deixa pasar ben a luz, propicia que poida combinarse cun aproveitamento gandeiro destes espazos. “É moi importante protexer ben as árbores, con mecanismos axeitados que eviten que o animal coma a codia ou se rasque contra o tronco, así como regular a carga gandeira que pode soportar a parcela, para evitar danos que condicionen a plantación”, explica Molina.

Ó mesmo tempo, ó tratarse dunha frondosa autóctona, as plantacións de cerdeiras poden funcionar a modo de devasas naturais e ofrecer unha discontinuidade nun monte repoboado, xa que presentan menos inflamabilidade que piñeiros e eucaliptos, o que pode retrasar o avance do lume. Neste senso e atendendo ós propios requirimentos da árbore, os expertos inciden en que as zonas de valgada son propicias para as plantacións das cerdeiras, así como as franxas auxiliares dos camiños, á par que se consegue unha maior protección fronte ós incendios.

mostra-de-traballos-elaborados-con-madeira-de-cerdeira-CIF-Lourizan-

Mostra de traballos elaborados con madeira de cerdeira por artesáns e asociacións de Galicia.

O mercado para esta madeira, a gran incógnita

Estímase que as quendas de corta da madeira de cerdeira vai dos 30 ós 50 anos e isto é precisamente, ó igual que ocorre con outras frondosas autóctonas, un dos obstáculos para a expansión deste cultivo fronte a outras producións con ciclos máis curtos. As cerdeiras poden chegar a alcanzar unha altura de ata 35 metros e un diámetro de entre 50 e 70 centímetros que, nos casos máis destacados, acada os 120 centímetros.

O aproveitamento da madeira de cerdeira está ligado a unha produción de calidade

O aproveitamento desta madeira está ligado a unha produción de calidade, xa que é unha madeira moi apreciada para a ebanistería, así como, para a construción de instrumentos ou toneis. Na actualidade o mercado galego desta madeira é case inexistente. “Os produtores que queren dispor deste tipo de madeira teñen que optar por importala doutros países, pero si está habendo unha demanda desta madeira”, concreta o enxeñeiro de montes Braulio Molina.

Saber se as plantacións de cerdeira en fase de crecemento ou as que se planten nos vindeiros anos poderán ter un oco no mercado da madeira é unha cuestión clave. Neste senso, os expertos coinciden en sinalar que “aínda que é unha especie máis arriscada ca outras de ciclo curto, todo parece indicar que vai haber oportunidades para ela, sempre que se produza madeira de calidade”.

image_print

2 ideas sobre “As cerdeiras galegas ‘top’ chegan ó monte

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información