Catro claves sobre as obrigas da prevención de lumes

Galicia conciénciase da necesidade dunha estratexia forestal de defensa antilumes de pobos e vías de comunicación. O problema, coa normativa na man, sería preciso actuar en 150.000 hectáreas, cuns custos de 50 millóns de euros anuais

Catro claves sobre as obrigas da prevención de lumes

Os prados manteñen un papel capital na defensa de vivendas e pobos ante os lumes. / Arquivo.

A normativa de prevención de lumes é clara. Desde o 31 de maio, os arredor de 30.000 núcleos de poboación galegos deberían ter ao seu arredor un cinturón de 50 metros rozado e sen presenza de piñeiros, eucaliptos ou acacias. En estradas, a ambos lados ten que existir tamén unha franxa de 10 metros sen piñeiros nin eucaliptos, unha distancia que se reduce a catro metros en pistas forestais. A escasos días de que se rebase o teórico prazo límite para cumprir coa normativa, analizamos a situación.

1) É viable executar en prazo as franxas de protección en torno a núcleos de poboación e vías de comunicación?

Entre o sector forestal e as propias Administracións hai consenso en que resulta imposible cumprir coa normativa a curto prazo. As esixencias da lexislación son “inabordables”, desde a perspectiva da Asociación Forestal de Galicia (AFG).

“Sería preciso ter 150.000 hectáreas rozadas e libres de piñeiros, eucaliptos ou acacias, o que xeraría un custo anual duns 50 millóns de euros” -calculan na AFG.- “Ese custo, en primeiro lugar, estaría fóra das posibilidades dos propietarios forestais, pero tampouco hai equipos técnicos suficientes para executar as rozas e cortas, nin industria da madeira que puidese absorber a madeira retirada”, valoran desde a Asociación Forestal de Galicia, que onte celebrou unha asemblea xeral na que analizou o problema.

As empresas de servizos forestais admiten que esta primavera están desbordadas de traballo, sen capacidade nalgúns casos para asumir máis actuacións, a pesar de aumentar o persoal contratado. Entre os propietarios, hai ademais temor a que a alta demanda de traballos silvícolas incremente os prezos.

Asemblea da Asociación Forestal de Galicia, onte en Vilagarcía.

Asemblea da Asociación Forestal de Galicia, onte en Vilagarcía.

2) Onde son prioritarias as actuacións de prevención de lumes?

O risco de lumes non é uniforme en toda Galicia. Onde existe unha actividade incendiaria máis habitual é onde a Xunta e o sector forestal inciden na necesidade de medidas urxentes. O director xeral de Producción e Ordenación Forestal, Tomas Fernández Couto, marca as seguintes prioridades de actuación:

As 77 parroquias galegas catalogadas como de alta actividade incendiaria.

– Tódalas parroquias nas que se declarasen incendios de nivel 2 -con perigo para as casas- nos últimos dez anos, con maior atención en primeiro lugar ós incendios do 2017.

– Parroquias da costa atlántica expostas a ventos do Nordés e que presenten unha actividade incendiaria tradicional.

“Este é o plantexamento e a idea é que de xeito progresivo, nos próximos anos, haxa un número cada vez maior de parroquias e Concellos que acometan a creación de franxas de protección”, valoraba recentemente Fernández Couto.
A estratexia a seguir, desde a perspectiva de Fernández Couto, pasa polo deseño de plans municipais de defensa contra incendios forestais, nos que se deben delimitar as franxas de protección.

3) Que Administracións son as encargadas de velar polo cumprimento da normativa? Van sancionar ós propietarios que a incumpran?

Con carácter xeral, os Concellos son as Administracións encargadas de controlar o cumprimento das franxas de protección en torno a núcleos de poboación e edificacións illadas, en tanto a Xunta é a responsable de vixilar as vías de comunicación. Medio Rural publicou unhas instruccións nas que precisa as competencias, o procedemento sancionador e a execución subsidiaria dos traballos por parte das Administracións.

A cuestión é que os Concellos decláranse sen medios para identificar ós propietarios e esixirlles o cumprimento da normativa. Tamén se ven incapaces de acometer os traballos forestais que correspondan en caso de incumprimentos dos titulares das parcelas. O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, márcase un prazo de 2-3 anos para que se comecen a ver resultados.

Ante ese escenario, non é previsible que se inicien este ano procedementos sancionadores de oficio, salvo en concellos puntuais que si executaron xa un traballo de identificación de propietarios afectados pola normativa, caso de Ribadeo. Outra cousa serán as sancións e actuacións que se poidan derivar de denuncias veciñais.

Competencias sobre as obrigas de prevención de lumes

Os titulares dos dereitos de aproveitamento dun terreo forestal son os responsables de cumprir coa normativa vixente de prevención de incendios. Isto quere dicir que a propia Xunta de Galicia, que xestiona máis de 300.000 hectáreas de montes veciñais en convenio coas comunidades, é a responsable do cumprimento da normativa en tales superficies. Desde o sector forestal asegúrase que a Xunta está incumprindo a normativa en boa parte dos montes con convenio.

Vixilancia, sancións e execución forzosa
– Os Concellos son as Administracións competentes para vixilar o cumprimento das franxas de protección contra o lume en solo rústico, urbanizable ou de núcleo rural. Como é sabido, en torno a vivendas e núcleos de poboación, a normativa obriga a manter 50 metros libres de mato, piñeiros e eucaliptos, se ben si pode haber frondosas caducifolias (castiñeiros, carballos, etc.), cunha separación mínima de 7 metros entre cada pé.

– En núcleos de poboación e edificacións illadas, en caso de que un propietario notificado sobre un incumprimento da normativa non corrixa o problema, serán os Concellos as Administracións competentes para proceder á execución forzosa dos traballos, en tanto que corresponderalle á Xunta de Galicia o procedemento sancionador paralelo.

– A Xunta de Galicia será a competente para vixilar o comprimento das franxas de protección en torno a vías de comunicación. Con carácter xeral, a lexislación establece que as estradas deben manter unha franxa lateral de 10 metros sen piñeiros nin eucaliptos, en tanto as frondosas caducifolias deben estar afastadas alomenos 4 metros.

– É tamén a Xunta a competetente para sancionar e retirar plantacións ilegais en terras agrarias.

4) Que se pode facer para fomentar a creación de franxas de protección ante os incendios?

O sector forestal considera que a defensa de vivendas e núcleos de poboación contra o lume é un problema de protección civil, agravado pola falta de ordenación territorial e o descontrol urbanístico.

“É unha cuestión que vai máis alá dos propietarios forestais e hai que ser tamén conscientes do escenario no que estamos, cunha poboación rural envellecida e con zonas despoboadas, nas que a prioridade debe ser favorecer a actividade e evitar o abandono, non cargarlle á pouca xente que queda nos pobos con novas obrigas e ameazas de multas”, valora Jacobo Feijoo, responsable da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), un colectivo ligado a Unións Agrarias.

Entre o sector forestal hai consenso en demandar liñas de apoio da Administración para a execución dos traballos de prevención, así como para a creación de corredores verdes de frondosas caducifolias en torno ós núcleos de poboación. “A creación de corredores de frondosas na franxa de 50 metros de monte que rodea ós pobos permitiría nun futuro, a medida que esas masas vaian medrando, reducir as necesidades de rozas, pois entraría menos luz no sotobosque, o que evitaría o crecemento do mato”, explican desde a Asociación Forestal de Galicia.

Os colectivos de propietarios forestais piden tamén incentivos fiscais que favorezan o investimento no monte e que fomenten o relevo xeneracional na silvicultura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información