Catorce asociacións forestais instan a Competencia a investigar o mercado do eucalipto

Colectivos de propietarios do norte de Galicia asinan conxuntamente un escrito no que amosan a súa preocupación polo bloqueo da exportación a Portugal e pola unificación dos prezos da madeira

Catorce asociacións forestais instan a Competencia a investigar o mercado do eucalipto

As dificultades que experimenta o mercado galego de eucalipto desde o 2014, cando cesou a exportación de madeira a Portugal a través dos portos da Mariña lucense, continúa a preocupar no sector. Os colectivos de propietarios forestais do norte galego, as Promas, interpretan que as grandes papeleras, Ence e as lusas Portucel e Celvi, repartíronse o mercado, quedando Ence como comprador principal na Mariña tras a retirada dos portugueses.

A falta de competencia estase a plasmar en prezos que os propietarios consideran artificialmente baixos. “O prezo da pasta de papel está disparado, o que en teoría repercute nun aumento dos prezos do eucalipto. O que está a suceder, sen embargo, é que Ence, de xeito paralelo, recortou as primas que paga pola certificación da madeira. En definitiva, xogan con nós”, valora Ramón Reimunde, o presidente de Promagal, a entidade que agrupa ós colectivos de produtores de eucalipto do norte galego.

“De ser certo que existen prohibicións ou represalías por enviar madeira por barco a Portugal, sería un problema de libre competencia”

Os produtores advirten ademais de que as ofertas pola madeira tenden a unificarse, sen que haxa unha competencia real entre operadores. Esa situación levou a catorce asociacións do norte de Galicia e de Asturias a presentar onte unha queixa conxunta ante a Comisión Nacional da Competencia e ante o Consello Galego de Competencia. Tamén lle foi enviada a protesta á Comisión Europea.

Os colectivos de propietarios queren que Competencia investigue se hai un bloqueo artificial da exportación de eucalipto a Portugal desde os portos da Mariña lucense e de Asturias, xa que din, resulta imposible embarcar eucalipto para o país veciño desde instalacións ubicadas a menos de 100 quilómetros de Ence Navia ou de Ence Pontevedra.

“Entendemos que aos rematantes e compradores non se lles permite enviar madeira desde eses portos para Portugal. De ser certo que existen esas prohibicións ou represalías a proveedores no caso de enviar eucalipto por barco a Portugal, isto afectaría á libre competencia”, advirten os colectivos de propietarios galegos no seu escrito.

A imposibilidade de embarcar madeira para Portugal, salvo desde o porto de Ferrol ou desde A Coruña, implica un custo engadido no transporte de 4-5 euros, no caso de querer enviar a madeira por outras vías. “Na práctica é inviable vender a eses prezos”, sinalan ás asociacións forestais.

Infraestruturas
As asociacións de produtores da Mariña lucense continúan tamén na reivindicación dunha mellora de infraestruturas que facilite a exportación. Lugo conta cun porto exterior en San Cibrao, na factoría de Alumina, que os propietarios forestais levan anos pedindo que se poida utilizar tamén para a carga de madeira.

Esa infraestrutura permitiría traballar con barcos de maior tonelaxe e reducir os custos do transporte da madeira. A expectativa continúa a estar no mercado portugués, que cada ano merca no exterior máis de 1,5 millóns de toneladas de eucalipto.

En tanto Lugo non dispoña dun porto exterior utilizable, outra posibilidade pasa pola mellora da conexión ferroviaria co porto de Ferrol, de xeito que a liña da costa se dote de cargadoiros e de traslados a baixo custo ata o porto ferrolán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información