Casting para seleccionar os mellores carballos

Un proxecto do Centro de Investigación Forestal de Lourizán e da Fundación Juana de Vega seleccionará landras dos mellores exemplares de Galicia para crear carballeiras en terreos públicos que permitan a conservación do material xenético

Casting para seleccionar os mellores carballos

O proxecto buscará carballos de bo fuste.

En Galicia hai 11 carballeiras catalogadas como selectas, con árbores que destacan pola súa homoxeneidade e por características externas superiores á media, tales como a súa forma, rectitude ou resistencia a enfermidades. Ese material servirá de base para a conservación e mellora da especie. Unha iniciativa conxunta da Fundación Juana de Vega e do Centro Forestal de Lourizán creará carballeiras selectas en terreos públicos a partir das landras dos mellores exemplares da comunidade.

O proxecto nace cunha vertiente científico – técnica, centrada na mellora da especie, e tamén cun obxectivo social, a promoción do uso do carballo de Galicia, unha árbore que con frecuencia estaba a ser sustituida por carballos de procedencia foránea, tanto da mesma especie (Quercus robur) como doutras, coma o carballo americano (Quercus rubra). “A iniciativa nace polo interese da Fundación Juana de Vega na conservación e mellora do carballo autóctono, así coma no seu suministro ó mercado galego”, explica Enrique Martínez, director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán e coordinador do proxecto.

A inquedanza da Fundación Juana de Vega fructificou nun convenio con Lourizán para impulsar un programa que sirva de base para a futura mellora xenética da especie, unha liña de traballo novidosa que se plasmará na implantación de alomenos dúas carballeiras selectas en terreos públicos.

En campo, plantaranse alomenos dúas carballeiras de alta densidade, con 2.500 árbores por hectárea cada unha

Pasos
O proceso iniciarase coa recollida de landras nalgunhas das 11 carballeiras catalogadas como selectas pola Administración, que se ubican maioritariamente na zona oriental de Lugo e no interior de Pontevedra e Ourense (Triacastela, A Fonsagrada, Castroverde (2), Becerreá, Vilalba –Lugo-; Lalín, Agolada –Pontevedra-, e Paderne de Allariz, Baños de Molgas e Avión, en Ourense). “Dos rodais selectos que temos, elixiranse as árbores que mellor fenotipo presenten, valorando a forma, fuste e prestancia” -describe Enrique Martínez-. “Deses carballos recolleranse as landras, sempre coidando de manter a trazabilidade no proceso, de xeito que en todo momento saibamos de que árbore procede cada semente”.

As landras recollidas cultivaranse en viveiros forestais de Galicia, que xa amosaron o seu interese no proxecto, e durante dous anos valorararanse os novos carballos para analizar como se comportan e facer unha segunda selección. “Baseándonos en parámetros coma o crecemento da plántula, o grosor do cuello da raíz ou a facilidade de xerminación, determinaremos cales son as mellores árbores, que son as que utilizaremos en campo”, sinala o director de Lourizán.

Logo da selección, os novos carballos implantaranse en alomenos dous rodais dunha hectárea cada un. A idea é crear un na Galicia oriental e outro na parte atlántica, ambos en terreos de titularidade pública. Os carballos plantaranse cunha alta densidade, dunhas 2.500 plantas por hectárea, o que obrigará ás árbores a competir por luz e nutrintes, de xeito que co paso dos anos se poida facer unha terceira selección dos exemplares que mellor se comporten en campo, que quedarán á marxe das claras.

Riscos para o carballo

“O punto clave do proxecto radica na conservación de material xenético de calidade que corría o risco de perderse”, salienta Enrique Martínez. Das 16 carballeiras selectas que había en Galicia hai uns anos, xa só quedan 11 clasificadas como tal, un declive que Lourizán e a Fundación Juana de Vega tratan agora de reencauzar.

Dos 16 rodais selectos de hai uns anos só quedan 11. “Hai un risco de perda de material xenético de calidade”

“A conservación e mellora do carballo é importante desde o punto de vista da biodiversidade ou desde o produtivista, pero tamén por cuestións de sanidade vexetal. Hai factores como o cambio climático ou o desprazamento de material vexetal entre países que favorecen a aparición de novas enfermidades e pragas, polo que resulta fundamental contar con variedade de exemplares seleccionados que poidan presentar resistencias a eses problemas futuribles”, valora o director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Promoción do uso
Outro dos obxectivos do proxecto céntrase na promoción social do carballo, de xeito que se extenda en Galicia a preocupación pola recollida das sementes autóctonas e a selección dos mellores exemplares. Un primeiro paso xa se logrou coa implicación de dous viveiros forestais, un de Lugo e outro de Pontevedra, que colaboran no programa.

“A iniciativa busca tamén fomentar a recollida de landras e a comercialización de carballos de Galicia”

As plantas de carballo que se cultiven nos viveiros e que finalmente non se implanten nas carballeiras públicas poderán ser comercializadas libremente polos propios viveiros, que disporán así dun material de categoría seleccionada. Esas árbores distinguiranse na súa comercialización cunha etiqueta verde, que se corresponde con plantas froito de landras obtidas dun rodal selecto. “Se aquí temos carballos de calidade, non é preciso que veñan plantas de fóra” -valora Enrique Martínez-. “Sería importante que se estimule a recollida de landras dos rodais selectos que existen en Galicia para comercializar árbores da nosa rexión”.

O proxecto de conservación e mellora do carballo é froito dun convenio entre a Fundación Juana de Vega e o Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal). A iniciativa conta coa asesoría e traballo do departamento de Ecosistemas de Lourizán e do departamento de Mellora Xenética do mesmo centro.

image_print

Una idea sobre “Casting para seleccionar os mellores carballos

  1. Manuel Candal Castro

    Fai uns dias lein nun xornal un artigo que falaba da posibilidade de que nun estudo este tipo poderian participar particulares. Non sei se iste é o caso ou hai algún outro aberto os particulares.
    Eu teño unha leira duns 12.000 m2 nas proximidades da Coruña e estaria disposto a falar do asunto.
    Con grazas anticipadas pola súa atenzón,
    Manuel Candal Castro

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información