A Carqueixa impulsa a recuperación da produción de castañas nos Ancares

A cooperativa gandeira comercializou este ano 200 toneladas de froito. Proxecta a posta en valor de soutos abandonados para aumentar o aproveitamento comercial do produto

A Carqueixa impulsa a recuperación da produción de castañas nos Ancares

Intervención do xerente da Carqueixa nunhas recentes xornadas da Sociedade Galega de Pastos. / Imaxe: Ovica

A castaña preséntase como unha oportunidade para as montañas do Oriente de Lugo, a principal zona de castiñeiros de todo o Estado. O bo prezo que mantén o froito nos últimos anos pode supoñer un importante complemento da renda en concellos como Cervantes, que viña ocupando os postos de cola de Galicia en ingresos por veciño.

A cooperativa gandeira A Carqueixa, centrada na produción de vacún de carne, está a impulsar a recuperación do aproveitamento da castaña na comarca dos Ancares. Hai un par de anos, a venda do produto a través da cooperativa era anecdótica, só 14 toneladas. O ano pasado xa foron 130, este ano 220 e a intención é seguir medrando nos próximos anos.

“Nas montañas de Lugo, temos un potencial inmenso sen aproveitar. Hai que saber velo” (Román Sánchez Besteiro, xerente da Carqueixa)

“Ó haber bos prezos do produto, a xente anímase máis a recoller as castañas. O aumento da comercialización tamén ten que ver con que a cooperativa ofrece prezos competitivos. Este ano pagamos a castaña de parede a 1,40 euros o quilo e a de diferentes variedades mesturadas a 1,23”, explica o xerente da Carqueixa, Román Sánchez Besteiro.

De cara ós próximos anos, a cooperativa quere potenciar o aproveitamento da castaña nos soutos tradicionais, onde con frecuencia viña quedando abandonada, sen recoller. Un dos motivos do abandono radica no despoboamento e no envellecemento dos veciños, unha circunstancia que levou á cooperativa a ofrecerse a xestionar soutos en cesión por medio de traballadores contratados. Este ano fixo unha primeira experiencia e para o ano proxecta ampliala.

A profesionalización do aproveitamento é outro dos retos que se marca A Carqueixa. “En colaboración co Centro de Investigación Forestal de Lourizán, queremos valorar as variedades que temos e lograr o mellor aproveitamento comercial que poidamos. As variedades dos Ancares adoitan ser pequenas, pero tamén temos castañas grandes que poderían obter unha cotización maior”, valora Román Sánchez Besteiro.

As enfermidades das árbores e a falta de podas e de limpeza lastran o potencial dos soutos. Un proxecto Life aspira a recuperalos

No estudo das variedades dos Ancares, unha das fontes principais de información son as persoas maiores da comarca, “que son as que realmente saben das variedades e conservan o coñecemento”, destaca Román.

Proxecto de recuperación
Os arredor de 200 socios da Carqueixa suman 1.800 hectáreas de soutos tradicionais, un potencial que se ve lastrado polas enfermidades das árbores e pola falta de limpeza e de podas. Para encarar a recuperación dos soutos, A Carqueixa ten solicitado un programa Life da Unión Europea, conxuntamente coa Universidade de Santiago e coa Deputación, que permitiría financiar un traballo sistemático de posta en valor das masas de castiñeiros.

Entidades da comarca que colaboran coa cooperativa, como o Centro de Desenvolvemento Rural ou a Asociación A Carqueixa, barallan a contratación dun enxeñeiro forestal e dun peón para a execución de traballos, se ben son conscientes de que este equipo podería asumir só un pequeno número de accións.

“Nas montañas de Lugo temos un potencial inmenso sen aproveitar e hai que saber velo” -defende o xerente da Carqueixa, Román Sánchez.- “Sería preciso que as Administracións se implicasen na recuperación dos soutos. Está ben que se subvencione a plantación de castiñeiros, pero aquí temos soutos centenarios dun valor incalculable a nivel paisaxístico e económico, e cómpre poñelos en valor”, conclúe.

2 ideas sobre “A Carqueixa impulsa a recuperación da produción de castañas nos Ancares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información