Campaña da Xunta para garantir o ADN do castiñeiro galego que venden os viveiros

A Consellería de Medio Rural verifica a identidade de preto de 800 castiñeiros de viveiros galegos para garantir o seu adn tradicional autóctono. Trátase dunha nova campaña iniciada este ano e que pretende así asegurar que se cumpren as condicións que se anuncian aos silvicultores. Os resultados das análises revelan que as variedades con maior presenza nos viveiros son a famosa, anarelante, negral e de parede

Campaña da Xunta para garantir o ADN do castiñeiro galego que venden os viveiros

Mostras de ADN dos castiñeiros que recollen técnicos da Xunta nos viveiros paras comprobar a variedade

A Consellería do Medio Rural vén de verificar a identidade de preto de 800 castiñeiros de viveiros da comunidade para garantir que son variedades tradicionais galegas. Trátase dunha nova campaña de control iniciada pola Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria (Agacal) neste sector co fin de comprobar que as castes cumpren realmente coa procedencia e orixe que anuncian. Deste xeito, ofrécese máis seguridade ao comprador e por iso, a intención do Agacal é seguir desenvolvendo este tipo controis no futuro.

En concreto, nesta primeira quenda o servizo de sanidade e produción vexetal da consellería encargou ao Centro de Investigación Forestal de Lourizán a verificación molecular de identidade varietal de 797 plantas nai de ata 21 viveiros produtores. A través de técnicas de análise do ADN puideron comprobar a correcta identidade das árbores. En concreto, o traballo consiste en comparar o ADN de cada unha das mostras co ADN rexistrado na base de variedades tradicionais do castiñeiro que dispón Lourizán.

As variedades con maior presenza nos viveiros son a famosa, anarelante, negral e de parede

Este programa de control desenvólvese a través da submedida do Programa de Desarrollo Rural (PDR) para a conservación de recursos xenéticos na agricultura e cultivos-castes autóctonas 2017. Así, en Galicia trabállase para a promoción do uso e mantemento das variedades tradicionais galegas de castiñeiros. Os resultados das análises revelan que as variedades con maior presenza nos viveiros son a famosa, anarelante, negral e de parede, cunhas porcentaxes entre o 12,15% e o 20,07%.

Estes controis son posibles de executar grazas a que Galicia conta con castes dos seus castiñeiros rexistradas. En concreto, foi entre os anos 2016 e 2017, cando a Xunta, a través do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, incluíu no rexistro de variedades comerciais do ministerio un total de 23 variedades de castiñeiros cultivadas tradicionalmente en Galicia.

A correcta identificación do material vexetal é clave a hora de establecer novos soutos de castiñeiros e de vital importancia para os produtores de variedades tradicionais, xa que así poden ofertar material vexetal correctamente identificado a agricultores, silvicultores e propietarios forestais en xeral. De feito, a día de hoxe os viveiros galegos xa dispoñen dunha gran cantidade de plantas nai destas variedades para producir estacas ou pugas para enxertar en portaenxertos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información