A camelia, unha alternativa rendible para zonas forestais

Esta especie vincúlase a un uso ornamental, pero ofrece posibilidades para o monte como a produción de té, aceite ou madeira. Tamén está indicado o seu uso a modo de protección fronte ós lumes nas proximidades de núcleos de poboación

A camelia, unha alternativa rendible para zonas forestais

Plantacións de camelias da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

Presente dende hai máis de tres séculos en Galicia, en xardíns e áreas de lecer, á camelia ábrenselle novos escenarios onde ser unha alternativa rendible: as zonas forestais. O aproveitamento da camelia vincúlase a usos ornamentais pero o abano de posibilidades que ofrece este arbusto vai máis aló, tal e como levan tempo reivindicando dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro de referencia en Europa no estudo da camelia.

“Hai moitas zonas de monte que se poden destinar a un uso máis social e recreativo, onde ten cabida a camelia”

No marco do LV Concurso Exposición Internacional da Camelia, organizada pola Deputación de Pontevedra, a xefa de Servizo do centro de investigacións de Areeiro, Carmen Salinero, presentou algúns dos posibles fins que o cultivo das camelias en zonas forestais pode permitir. “O monte veciñal non ten que estar pensado só para un aproveitamento forestal, senón que hai moitas zonas que se poden destinar a un uso máis social e recreativo, onde ten cabida a camelia, con posibilidade ademais do seu aproveitamento”, sintetiza Salinero.

O cultivo da camelia estaría así pensado para zonas onde o aproveitamento forestal doutras especies queda restrinxido por tratarse de espazos próximos a cauces fluviais ou núcleos de poboacións. “Non se trata de encher os montes de camelias ou de que as camelias substitúan a outras árbores autóctonas, senón de contemplar as posibilidades que este arbusto ofrece”, reafirma a investigadora.

“A colleita de té podería comezar ós tres anos de instalar unha plantación”

Un dos retos que se presentan para o cultivo da camelia nas zonas forestais é a organización do mercado dos seus produtos, de xeito que os derivados da camelia realmente se comercialicen e sexan rendibles. “Moitas veces o que nos falla en Galicia é a venda e a promoción, xa que aquí realmente poden producirse variedade de produtos”, incide a investigadora.

O abano de posibilidades que ofrece a camelia abarca dende a produción de té e aceite ata o aproveitamento da súa madeira ou das pólas verdes. Todas elas son, ademais, alternativas viables para boa parte dos montes galegos, como explica a experta.

O té verde, unha produción en fresco

Unha das alternativas que ofrece a camelia nos montes é a produción de té, que procede do aproveitamento e secado dos brotes deste arbusto que se empregan para preparar a infusión.

O té procede dos brotes da camelia logo dun proceso de secado.

O té procede dos brotes da camelia logo dun proceso de secado.

Este cultivo podería combinarse con outras árbores de quendas medias como os bidueiros ou os nogais, de xeito que se fixeran plantacións mixtas, segundo apuntan dende Areeiro. As primeiras colleitas de té poderían realizarse xa ós tres anos de ter plantadas as camelias da especie Camellia sinensis, coñecida popularmente como a planta do té.

A investigadora concreta que a produción de té en Galicia debería de orientarse ó té verde. Esta variedade debe comercialízarse e consumirse no ano, para aproveitar o sabor e aroma fresco da súa infusión, a diferenza doutros tipos de tés, como o negro, que non perden as súas características co paso do tempo, e que proceden de mercados máis afastados como o asiático ou indio.

O cultivo para a produción de té podería combinarse con bidueiros ou nogais, tendo plantacións mixtas

“A idea sería producir un té verde para Europa, de maneira que o mercado saiba que é un produto que non estivo moito tempo en almacén, polo que se garante que conserva as súas propiedades”, destaca Salinero.

Tamén se está a traballar xa na combinación deste tipo de té con outras plantas e sabores de Galicia, para producir un té diferenciado. “Buscamos producir para o mercado un té fresco, con toques afroitados e garantir, ademais, que é un té do ano”, concreta.

As sementes, fonte de aceite virxe

Aceite obtido das sementes das camelias.

Aceite obtido das sementes das camelias.

O aceite, producido a partir das sementes das camelias, é outro dos produtos que se poden obter desta planta. Moi valorado e empregado dende antano na cosmética, na Estación Fitopatolóxica de Areeiro investigan sobre as características e particularidades do aceite producido en Galicia.

“Polo de agora non contamos con plantacións regulares para obter información, xa que precísanse alomenos 10 anos para obter as primeiras sementes, así que estamos empregando as sementes das árbores dos xardíns que temos por toda Galicia”, detalla a investigadora. Cómpre recordar que a camelia é unha das especies máis comúns e representativas dos nosos xardíns históricos .

Para a obtención dun litro de aceite precísanse entre 4 e 5 quilos de sementes de camelia

Os estudos que se levan realizando dende hai máis de 10 anos na estación de Areeiro en torno á camelia permitiron determinar xa algúns detalles sobre a produción de aceite. “Sabemos que temos un aceite de moi boa calidade e estamos a caracterizalo”, concreta. Trátase dun aceite virxe, aínda que non está permitido, polo de agora, o seu uso con fins alimenticios, xa que en España está restrinxido o uso de aceite virxe ó aceite de oliva. En concreto, para a obtención dun litro de aceite precísanse entre 4 ou 5 quilos de sementes de camelia.

A potencialidade da madeira de camelia

A madeira de camelia é de gran calidade polo que tamén cabería o seu aproveitamento para este fin. “Pero aínda hai moito por investigar sobre como aproveitar a madeira da camelia e como traballar para que sexa máis rendible producila”, recoñece a investigadora.

Madeira de camelia.

Madeira de camelia.

A produción de madeira de camelia implica agardar moitos anos, xa que este arbusto ten ciclos moi longos para contar con troncos de madeira susceptibles de aproveitarse. “En calquera caso, non habería porque desbotar nin deixar de lado o aproveitamento desta madeira”, esgrime a experta.

Salvagarda fronte ós lumes forestais

A camelia tamén podería ter un espazo reservado nas chamadas franxas de protección dos núcleos rurais habitados, onde está prohibido o cultivo de piñeiro e eucalipto, por mor de reducir o risco de incendios forestais. “A camelia figura nas listaxes de moitos países como árbores que se poden plantar nestas zonas ó estar considerada como unha especie non pirófita nin ignífuga, é dicir, que teñen unha gran resistencia ós lumes”, concreta a investigadora.

“En Australia fanse sebes de camelia para protexer ás casas dos lumes”

O feito de contar cunha corteza que non se solta, non ter pólas que queden sen follas ou que estas follas sexan anchas, co que tampouco arden con facilidade, son algunhas das características das camelias que destaca a experta e que ratifican que son unha especie con maior resistencia fronte ó lume. “En Australia empréganse para construír sebes, nas que as plantas non están moi xuntas, de modo que serven de protección natural para as casas non só fronte o avance do lume senón tamén para frear as cinzas e mitigar as temperaturas”, comenta.

plantas-de-camelias-

Planta de camelia

Coa plantación de camelias nestas zonas pode conseguirse un espazo de recreo e esparcimento para os propios veciños con estas árbores ornamentais. Pero ademais, con este cultivo buscan recuperar a produción de rama verde con fins ornamentais, un mercado que nos últimos anos descendeu pero do que podería fomentarse a súa recuperación, como apuntan dende Areeiro.

Polo de agora, varias asociacións de comuneiros de montes interesáronse xa por estes usos da camelia. De feito, no marco destas xornadas arredor do arbusto, o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira, subliñou a posibilidade de asinar un convenio de colaboración para fomentar a plantación de camelias en terreos de man común.

“A idea é que os comuneiros coñezan os posibles cultivos da camelia e os teñan en conta” -explica Pereira-. “Hai que lembrar que o monte galego é o que máis madeira produce, pero sen valor engadido porque é madeira de moi baixa calidade. Por iso, precisamos madeira de calidade orientada á transformación, como a industria do moble”, asegurou Pereira. De momento, coa camelia non hai ningunha experiencia en marcha en montes veciñais.

Premiados no LV Concurso -Exposición Internacional da Camelia, celebrado en Pontevedra.

Premiados no LV Concurso -Exposición Internacional da Camelia, celebrado en Pontevedra.

Premios a produtores e camelias destacadas

No marco do LV Concurso Exposición Internacional da Camelia de Pontevedra, que se celebrou recentemente en Pontevedra, entregáronse varios premios que distinguen ós mellores criadores e os exemplares máis destacados da mostra. Neste senso, Eusebio López Redondo, cultivador e concursante procendente do concello de Fene, recibiu o broche da camelia de ouro, que o identifica como máximo gañador do certame, por presentar o mellor conxunto, número e calidade das flores da mostra.

Segundo explicou o galardoado coa Camelia de Ouro, López Redondo, que leva plantando flor dende os 7 anos, a colección presentada é unha variedade “moi boa” de especies puras de China e de Vietnam, con flores amarelas que chamaron moito a atención da xente. “Hai distintas especies e híbridos das mesmas de cor ‘mantequilla’. Era un variado bo, con olorosas, reticulatas de flor moi grande, williamsii, japónicas, un pouco de todo, incluso ‘camelias figo’ do Xapón, para que as vexa a xente”, dixo.

Outro dos galardóns destacados da mostra é o Premio Antonio Odriozola, que nesta edición recibiu José Carlos Montes, de Tui, que presentou unha camelia japónica da especia Lady Vansittart, que lle valeu este premio á flor individual máis destacada.

Ademais, no certame tamén se entregaron os seguintes premios:

Premio Especial da Sociedade Española da Camelia, que foi para Adela Abilleira (Xeve).

Premio á Mellor Presentación Artística, primeiro premio para María Teresa Fernández (Lugo) e segundo para Antonio Montes (Tui).

– Aos mellores lotes na categoría de Camellia Reticulata:

Carmen Moldes e Juan Castro (Vilanova), primeiro premio.

Pilar Bargiela ( Porriño), segundo premio.

Abelardo Barcala (Rubiáns), terceiro premio.

-Mellores lotes en Híbridos de Camelia:

Pilar Bargiela (Porriño) primeiro premio

Clara Abalo (Rois) segundo premio

Rosa Crespo e Jaime Escofet (Valga), terceiro premio

-Mellores lotes en Camellia Japonica Branca:

Abelardo Barcala (Rubiáns) primeiro premio

Edmundo Novoa (Lugo), segundo premio

-Mellores lotes en Camellia Japonica Vermella:

Cuca Rozas (Rianxo), primeiro premio

Olga Castelo (Vilanova), segundo premio

-Mellores lotes en Camellia Japonica Rosada:

Carmen Costas (Vigo), primeiro premio

Elena Valcárcel (Salceda), segundo premio

-Mellores lotes en Camellia Japonica xaspeada ou variegata:

Carmen Corral, primeiro premio

Elena Valcárcel (Salceda); segundo premio

Noutras especies de camelia:

José Monteagudo (Cuntis), primeiro premio

José Freire (Padrón), segundo premio

Manuela Couso (Cuntis), terceiro premio

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información