monte_cedeira__capelada_poda_media_standar

¿Cales son os obxectivos da Axencia Galega da Industria Forestal?

Neste artigo de opinión, o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, Xosé Alfredo Pereira, expón o seu punto de vista sobre a recentemente creada Axencia Galega da Industria Forestal.

“No Diario Oficial de Galiza de data 29 de Agosto de 2017 ,ven de publicarse o Decreto 81/2017 ,de 3 de Agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos.

Coa creación de esta Axencia, dependente da Consellaría de Economía e Industria, a Consellaría do Medio Rural queda valeira de contido e de orzamentos para levar adiante unha política de montes.

“Coa creación desta axencia a Consellería do Medio Rural queda baleira para levar adiante unha política de montes”

Soamente queda nesta Consellaría o servizo de defensa contra incendios forestais onde os orzamentos xa fican hipotecados de un ano para outro. A vella idea da industria forestal e da madeira de impor a sua lei na política de montes que debe imperar na nosa nación é deste xeito unha realidade. Mais non mediante interpares como ate o de agora, senón directamente e sen atrancos de ningún tipo.

A Axencia Galega da Industria Forestal é considerada como interlocutor cualificado na elaboración dos instrumentos de planificación, ordenación e mellora dos aproveitamentos dos recursos forestais. E ao mesmo tempo é entendida como garante dunha xestión “sustentabel” (vivan os eufemismos) dos terreos forestais .Será a encargada de outorgar e xestionar todas as axudas (agás as de prevención e loita contra os lumes forestais) , relacionadas coa posta en valor dos montes .

Fica nas mans da industria forestal e da madeira o deseño do futuro do monte galego . Non soamente disporán das ferramentas de planificación e ordenación senón que tamén terán a chave da caixa dos cartos. Se algún titular de un monte (sexa particular ou veciñal) quere ser beneficiario dunha axuda pública, non pode selo para pór en valor o monte que el decida. Pode solicitar a axuda para pór en valor o monte que decida a industria forestal e da madeira.

“Con esta axencia queda nas mans da industria o deseño do futuro do monte galego, que para eles pasa por especies de crecemento rápido”

A finalidade da Axencia Galega da Industria Forestal é a de actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio das súas funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada á industria forestal. Un dos seus obxectivos é a promoción dos cultivos enerxéticos, aínda que seguindo cos eufemismos eles falan de “solucións estruturais verdes que contribúan co ambiente”.

É de todos coñecido que o monte que ten deseñado a industria da madeira e forestal é un monte soamente forestalista a través da plantación de especies de crecemento rápido e de cultivos enerxéticos. Boa proba dilo é o ataque feroz que lle lanzaron á Consellaría do Medio Rural cando tentou de xeito tímido (case insignificante) regulamentar as novas plantacións de eucaliptus .

A Axencia Galega da Industria Forestal finiquita a posibilidade de acadar un monte veciñal multifuncional e sustentábel axustado en primeiro lugar ás demandas da veciñanza comuneira, e en segundo lugar axustado ás demandas da sociedade galega no seu conxunto. Un modelo de monte eficaz a medio e longo prazo na loita conta os lumes forestais xa que ataca as causas estruturais que os provoca .

 “A axencia sáltase o principio de participación e de democracia, xa que só hai representantes das administracións”

Para a industria da madeira e forestal (se se quere para o Partido Popular que os ampara ) , non é suficiente dispor das ferramentas e dos cartos para impor o seu modelo de monte, senón que queren tamén poder facelo de xeito plácido e cómodo. E se hai que pasar por riba dos principios de participación e da democracia, pois pásase. Só así pode entenderse que os compoñentes do Consello Reitor da Axencia Galega da Industria Forestal, todos sexan representantes das administracións (10 da Administración Autonómica e 1 da Administración local ). Nin representación dos sindicatos, das entidades medioambientais, dos colexios profesionais….etc. Por non haber, nin hai representación dos titulares dos montes .

A creación da Axencia Galega da Industria Forestal, facendo un símil cinematográfico , semella aquelas escenas dunha das películas dos irmáns Marx, onde buscaban madeira de calquera sitio para manter o lume. E logo virán os creadores políticos da Axencia Galega da Industria Forestal a laiarse hipócritamente de que os lumes forestais arrasan co territorio galego. Dalquelas choivas, estas lamas .