A cadea forestal posiciónase pola continuidade da planta de Ence

O presidente da Federación de Aserradoiros e Rematantes, Elier Ojea, chama a potenciar o aproveitamento “do monte que temos” e pregúntase se Galicia quere ser a “leñera de carballo de Europa”

A cadea forestal posiciónase pola continuidade da planta de Ence

Rolda de prensa do sector forestal en Pontevedra.

A continuidade da planta de Ence en Pontevedra, en cuestión por un proceso aberto na Audiencia Nacional, está a xerar preocupación na cadea forestal galega. O sector advirte do impacto que tería un hipotético peche da planta no sector forestal, pois a factoría consume arredor dun terzo de todo o eucalipto que se corta en Galicia. “Hai 2.000 empregos en xogo só no sector forestal, entre empresas de aproveitamento, transportistas e viveiros. Tamén se verían afectados os propietarios forestais, pois a madeira de eucalipto perdería valor”, aseguraron nunha comparencia conxunta en Pontevedra representantes da cadea forestal galega.

O acto contou coas intervencións do presidente do Cluster da Madeira de Galicia, José Manuel Iglesias; do presidente da Federación de Aserradoiros e Rematantes (Fearmaga), Elier Ojea; do presidente da Asociación de Empresarios de Primeira Transformación da Madeira de Lugo, Daniel Díaz; e de Patricia Sánchez, da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), un colectivo de propietarios vinculado a Unións Agrarias.

Papel do eucalipto no monte
Os representantes da cadea forestal incidiron na importancia do eucalipto para o monte galego, pois representa máis da metade das cortas con destino industrial. “O eucalipto ocupa só 300.000 hectáreas dos dous millóns de hectáreas de monte que temos en Galicia. É unha especie que proporciona rendas e traballo e que é a envidia de Europa” -valora o presidente de Fearmaga, Elier Ojea.- “En lugar de criticar o eucalipto, que ocupa unha pequena parte de todo o monte galego, teriamos que reflexionar sobre o que estamos facendo co resto do monte”, cuestiona.

“A gran lacra que temos en Galicia é o minifundio” (Elier Ojea, Fearmaga)

Ojea pregúntase se Galicia quere ser nun futuro a “leñera de carballo de Europa”. “Temos aí o caso de Cataluña, que lle está vendendo leña a Francia, en tanto Francia nos está vendendo a nós madeira de faia e de cerdeira” -advirte o presidente de Fearmaga-. “A gran lacra de Galicia é o minifundio, que impide que fagamos unha xestión forestal moderna. Ese é o gran problema que teriamos que solucionar. Se o afrontásemos, habería sitio no monte para todo, incluso para ter parques nacionais que foran modélicos”, plantea. “Pero en primeiro lugar temos que pensar no aproveitamento do monte que temos, non do que nos gustaría ter”, conclúe.

O sector incidiu na rolda de prensa conxunta en que o peche de Ence obrigaría a exportar madeira de eucalipto sen transformar, coa conseguinte perda de valor para toda a cadea forestal. “Esa situación xeraría máis abandono no monte e, en consecuencia, os incendios serían un problema maior do que xa son”, valorou Patricia Sánchez, de Asefoga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información