A cadea forestal galega acada récords de cortas e exportacións

A industria da madeira recupera os niveis de facturación anteriores á crise do 2008 e destaca tamén nos últimos anos pola creación de emprego, segundo amosa un informe elaborado pola Universidade de Vigo

A cadea forestal galega acada récords de cortas e exportacións

A cadea galega da madeira atravesou unha década dura de axustes, tras a crise do 2008, pero está de volta incluso con mellores cifras que daquela. Durante o 2017, en Galicia acadouse un récord de cortas, con 8,5 millóns de metros cúbicos talados, e tamén se logrou unha marca histórica en exportacións, por valor de 800 millóns de euros, o dobre da cantidade exportada no ano 2000. Os datos corresponden ó informe ‘A cadea forestal – madeira en Galicia’, elaborado pola Universidade de Vigo, coa coordinación de Juan Picos, e presentado hoxe en Pontevedra.

O informe confirma unha recuperación clara do sector nos últimos anos. A industria forestal da madeira facturou 2.200 millóns de euros no 2017, un 16% máis que no 2015. É significativo que desa cantidade uns 500 millóns de facturación corresponden á segunda transformación da madeira, que medrou un 26% en relación ó 2015. O desenvolvemento en Galicia de sectores coma o ‘contract’, especializado na elaboración de mobiliario para cadeas empresariais, ten boa parte da responsabilidade na recuperación.

Galicia perdeu multitude de empresas da madeira durante a crise iniciada no 2008, pero aínda así a comunidade foi capaz de manter unha potente rede de pequenas e medianas empresas, moitas delas familiares, que demostraron nos últimos anos “unha gran capacidade para innovar, diversificar e xerar valor engadido”, en palabras de Juan Picos, director da Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo, que presentou hoxe o informe xunto co director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema.

As cifras revelan que o sector medra e crea emprego a un ritmo maior que o resto da economía galega. “O informe amosa unha recuperación clara da industria da madeira, que se ten que consolidar, e apunta ademais oportunidades de transferencia de valor ó monte”, considera Juan Picos.

O sector forestal galego, en números

– Galicia é unha potencia forestal a nivel europeo. Na comunidade, tálase o 47% da madeira cortada cada ano en España e hai 14 países da UE-28 con menores volumes de cortas anuais que Galicia.

– As cortas de madeira no 2017 foron na comunidade de 8,5 millóns de metros cúbicos. Desa cantidade, 5 millóns foron eucaliptos (+14% en relación ó 2015) e 3,2 millóns coníferas (-9%). As frondosas permanecen estancadas, con só 243.000 metros cúbicos de cortas.

– As exportacións no 2017 foron de 800 millóns de euros, o dobre das realizadas no ano 2000. Desde aquela, medraron significativamente as exportacións de mobiliario, que pasaron do 10 ó 27%, o que indica unha maior capacidade do sector industrial para xerar valor engadido. No mesmo periodo, a pasta de papel pasou de representar o 42% das exportacións ó 25%. A madeira en rolo (11%) e as manufacturas de madeira (37%) continúan en cifras similares.

– Máis do 70% das cortas concéntrase en 6 distritos forestais (Mariña lucense, Ferrol-Ortegal, Mariñas Coruñesas, Santiago – Meseta interior, Lugo-Sarria e Terra Cha). No lado contrario, a provincia de Ourense presenta un papel residual.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información