A cadea da madeira logra un novo récord en exportacións

Aumenta as vendas ó exterior nun 12%. O director de Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, destaca a expansión en produtos de innovación e deseño, en especial no canal ‘contract’

A cadea da madeira logra un novo récord en exportacións

De esquerda a dereita, Ignacio Lema (Xera), Juan Cividanes (Igape) e Ricardo González (Clúster da Madeira).

Os números que se avanzan para a cadea galega da madeira no 2018 confirman a recuperación dos últimos anos, tras a crise que atravesou o sector no periodo 2008-2015. O monte galego pechará previsiblemente esta campaña cun novo récord de cortas e as empresas que permanecen no sector superarán tamén as facturacións pre-crise da cadea. Outra das boas novas é que as vendas ó exterior aumentaron arredor dun 12% nos primeiros dez meses do ano, o que anticipa un novo récord de exportacións cos números completos do 2018.

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, salienta o positivo cambio de estrutura que experimentaron nos últimos anos as vendas galegas ó exterior. “As empresas que continúan facturan máis en exportacións e fano en produtos de maior innovación e que xeran maior valor engadido”, subliña Lema, que incide ademais no impacto social da cadea da madeira. “Todo o valor que xera a cadea ten un alto impacto social. Durante o pasado ano tivemos 111.000 solicitudes de cortas de particulares, que recibiron ingresos do sector. É difícil atopar unha cadea que xere tanto beneficio colectivo”, valorou.

“É difícil atopar un sector que xere tanto impacto social como a cadea da madeira” (Ignacio Lema, Xera)

A mellora das vendas ó exterior vén motivada principalmente pola suba das exportacións de mobles e produtos para o canal ‘contract’, orientado a servir a cadeas colectivas de establecementos.

Nos primeiros dez meses do ano, a cadea galega da madeira exportou por importe de 771 millóns de euros, fronte ós 800 millóns de todo o ano 2017. A cifra acadada ata outubro representa un aumento dun 12,5% en relación ó mesmo periodo do pasado exercicio, que concluirá cunha cifra récord de vendas ó exterior.

Nos números do 2017, destacou o bo comportamento amosado polo sector do moble e do ‘contract’, que chegou a copar 27% das vendas ó exterior, fronte ó 10% que representaban no ano 2000. As manufacturas de madeira representaron outro 37%, a pasta de papel un 25% e a madeira en rolo un 11%.

Edición de catálogos propios das empresas especializadas en ‘contract’

O despegue experimentado nos últimos anos polas empresas galegas do canal ‘contract’, especializado no suministro a cadeas empresariais (hoteis, establecementos comerciais, etc.), afronta nubarróns de cara ó futuro. Factores como o declive dos centros comerciais e o aumento das vendas online preocupan no sector, pois está a descender a demanda procedente de establecementos comerciais de ‘retail’.

“As empresas do ‘contract’ teñen capacidade para entrar en novos segmentos de produción e competir por ser líderes” (Ricardo González)

Para afrontar este novo escenario, o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia anuncia un plan de traballo no 2019 co obxectivo de reposicionar ás empresas galegas que están traballando no ‘contract’. A prioridade céntrase en que estas empresas, que adoitaban traballar a demanda dos clientes, afronten a elaboración de produtos propios e editen catálogos para chegar a novos nichos de mercado.

“Son empresas cunha gran capacidade de produción e adaptadas a entornos altamente competitivos” -valora o xerente do Clúster, Ricardo González-. “Maioritariamente, teñen capacidade para entrar en novos segmentos de negocio e competir por ser líderes. O obxectivo do Clúster sitúase en colaborar coas empresas para axudalas, por exemplo, por medio da edición de catálogos propios que as reposicionen no mercado” -sinala González-. “Está claro que non lle dicimos a ningunha empresa o que ten que facer, pero si as acompañamos nos seus obxectivos”, conclúe.

O mercado do ‘contract’, non obstante, continúa presentando boas perspectivas en sectores como as cadeas hoteleiras ou mesmo os buques de pasaxeiros, polo que desde a Axencia Galega da Industria Forestal considérase tamén que é posible reducir a súa dependencia dos establecementos ‘retail’ de venda ó público.

Agroalimentación
A presentación do avance de resultados da cadea da madeira no 2018 realizouse no marco dunha rolda de prensa da Consellería de Economía para valorar o conxunto das exportacións galegas neste ano. A ese respecto, Juan Cividanes, director do Instituto Galego de Promoción Económica, destacou o bo comportamento do conxunto da economía galega nas súas vendas ó exterior, que aumentou un 16% nos primeiros 10 meses do ano.

No tocante ó sector primario, a agroalimentación subiu un 7% nas súas vendas ó exterior, con destaque de sectores como a conserva e a carne, e con presenza crecente tamén do lácteo, un mercado tradicionalmente pouco exportador na comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información