Galicia inicia a exportación de piñeiro para China

Maderas Villapol, de Trabada (Lugo), prevé enviar nun mes 25.000 toneladas para o país asiático desde o porto de Ferrol. A demanda chinesa de madeira espérase que medre un 30% ata o ano 2025

Publicidade
Galicia inicia a exportación de piñeiro para China

Galicia exportará a China 25.000 toneladas de madeira en rollo.

O mercado galego de piñeiro atravesa nos últimos meses un lixeiro estancamento, pero as perspectivas de cara ó futuro son optimistas. A demanda mundial de madeira está a medrar ano a ano e a exportación configúrase como unha alternativa viable e complementaria ó mercado doméstico. China, o primeiro importador mundial de madeira, preséntase como unha das principais opcións de futuro.

Maderas Villapol, de Trabada (Lugo), ten previsto facer nun mes un primeiro envío de piñeiro galego para o país asiático. Serán 25.000 toneladas de madeira para aserrar, cun mínimo de 18 centímetros de diámetro, que sairán do porto de Ferrol. Da operación de exportación encárgase a sociedade Global Timber Trading. Estase a valorar tamén a posibilidade de posteriores envíos no futuro.

China acumula arredor do 10% das compras de madeira industrial a nivel mundial, unha tendencia que seguirá en incremento no futuro. Espérase que durante a próxima década a súa demanda de madeira creza a un ritmo do 3% anual, segundo a consultora internacional Risi. O boom inmobiliario que rexistra o país asiático e o prezo competitivo dos mobles chinos no mercado internacional son algúns dos factores que inciden nas boas perspectivas.

Madeira aserrada
As vendas a China xa representaban un mercado crecente para a madeira aserrada galega, pois nos últimos tres anos a exportación de piñeiro aserrado multiplicouse por riba do 300%, pasando de 2.600 toneladas no 2013 a 9.600 toneladas no 2016. A exportación de madeira en bruto, sen embargo, era ata agora testemuñal, segundo as estatísticas españolas de comercio exterior, que só reflicten o envío de 122 toneladas o pasado exercicio.

O interese chino pola madeira galega de piñeiro, en especial polo piñeiro radiata, xa se viña constatando no sector forestal ao longo do último ano. O propio director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, subliñou recentemente, durante unhas xornadas, o interese chino no piñeiro galego. “A madeira de piñeiro ten e terá valor. Hai barcos con madeira en rollo para China, así que a tendencia do mercado é positiva” -valora.- “A cuestión, para o propietario, é producir madeira de calidade e en volumes suficientes, de cara a minimizar os custos de xestión e corta”, defende Fernández Couto, que avoga polo impulso do asociacionismo forestal.

As exportacións de eucalipto a Portugal caeron á metade

No 2013, Galicia exportaba a Portugal 1,5 millóns de toneladas de eucalipto. O peche de Ence Huelva e a reconfiguración do mercado peninsular levaron a que as vendas galegas caesen á metade a partir do 2015, cando xa só se enviaron 744.000 toneladas para o país veciño. Os datos do 2016 manteñen esa liña, con 810.000 toneladas, e non hai perspectivas de cambios no curto prazo.

Ence Pontevedra, pola súa banda, abandonou as compras de eucalipto no norte de Portugal e concentrou en Galicia as súas compras. O resultado, Portugal reduciu tamén as súas exportacións de madeira de eucalipto a Galicia, que pasaron de 858.000 toneladas no 2013 a só 124.000 no 2015.

Ence reduciu un euro a prima por dobre certificación desde esta primavera

Desde os colectivos de propietarios forestais de eucalipto, agrupados en torno a Promagal, ven con preocupación o crecente “monopolio” que representa Ence nas compras galegas de eucalipto.

A sociedade BSL está facendo periódicos envíos de eucalipto do norte galego para o País Vasco, a través dos portos de Cariño (A Coruña) e Burela (Lugo), pero non en cantidades suficientes para paliar a perda do mercado portugués. No que queda de ano, BSL ten previsto cargar catro barcos.

O secretario de Promagal, Óscar Piñón, agarda nun futuro a volta dalgunha das grandes pasteiras portuguesas ó mercado galego. O feito de que Portugal estea importando 1,6 millóns de toneladas de eucalipto ao ano, fundamentalmente de Sudamérica, leva a que desde Promagal consideren “inexplicable” o “reparto de mercado” que houbo entre Ence e as pasteiras lusas.

Prezos
En canto a prezos, a suba do prezo internacional da pasta de papel está a repercutir no que vai de ano nunha mellora dos prezos do eucalipto, compensando a baixada experimentada no 2016.

A suba polo repunte da pasta de papel foi duns 2 euros e espérase que en breve chegue ós 3 euros. A parte negativa é que, en paralelo, Ence reduciu esta primavera nun euro a prima que paga pola dobre certificación PEFC e FSC, unha circunstancia que molesta no sector forestal.

As asociacións de propietarios continúan a ter contactos para valorar posibles iniciativas en conxunto que permitan melloras no mercado.

Fe de erros: Nun inicio, publicouse que a exportación de piñeiro a China ía ser realizada pola firma BSL. A operación corresponde en realidade a Maderas Villapol e á firma Global Timber Trading.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información