Bosques Naturales, xestión intensiva de madeiras nobres en turnos curtos

A empresa manexa tres plantacións en Arzúa e Boimorto cunha superficie total dunhas 400 hectáreas, a maioría con nogueira e cerdeira. Compatibiliza os usos forestais cun rabaño de 500 ovellas e o cultivo de millo

Bosques Naturales, xestión intensiva de madeiras nobres en turnos curtos

Plantación de cerdeiras nunha das parcelas de Bosques Naturais en Boimorto.

A plantación de frondosas como a nogueira ou a cerdeira ten escaso peso en Galicia, entre outras cuestións polos elevados turnos de corta que se lle supoñen a estas especies. Bosques Naturales, unha empresa adicada ó cultivo de madeiras nobres, trata de demostrar en Galicia que cunha boa planta, un bo emprazamento e un manexo intensivo da fertilización son posibles turnos de corta finais a partir dos 20-25 anos.

A empresa xestiona plantacións en diversas provincias de España, en concreto en Toledo, Cuenca, Cáceres, Girona e A Coruña. En Galicia, conta con tres plantacións que suman arredor de 400 hectáreas nos concellos de Arzúa e Boimorto. Visitamos a súa plantación central, na finca La Mota, en Boimorto, nun acto organizado pola Asociación Forestal de Galicia no marco do proxecto Forest-in.

“A parcela debe ser axeitada para madeiras nobres. Temos tamén 35 hectáreas en Galicia que non eran aptas e que plantamos con eucalipto nitens”

Orixe
As tres parcelas de Bosques Naturales plantadas en Galicia con nogueira e cerdeira aséntanse sobre terreos dunha antiga explotación agraria, en solos ricos en materia orgánica, moi axeitados para o cultivo de frondosas. “Esa é unha das claves dunha plantación de madeiras nobres. O emprazamento ten que ser axeitado. Nós temos tamén 35 hectáreas en Galicia que non eran válidas para frondosas caducifolias, polo que plantámolas con eucalipto nitens”, explica o director do departamento forestal de Bosques Naturales, Ignacio Urbán.

A plantación nas fincas de Boimorto e Arzúa acometeuse no 2004. Bosques Naturales instalou nelas catro clons de cerdeira e un de nogueira híbrida, dos que ten a patente. A empresa destaca o bo resultado do clon de nogueira e tamén valora en positivo o resultado de parte dos clons de cerdeira, se ben advirte das dificultades que leva consigo a plantación de cerdeira cun modelo intensivo e en gran superficie, como o de Finca La Mota. “A cerdeira tivo moitos problemas de enfermidades e pragas e obrigou a un manexo maior”, apunta o director do departamento forestal da firma.

Manexo da plantación
Desde a data da plantación, Bosques Naturales, que conta con 8 traballadores en Galicia, practica unha xestión intensiva do cultivo co obxectivo de iniciar as cortas finais a partir do ano 2024. “Durante os 3 primeiros anos é fundamental eliminar a competencia de herba, pois do contrario as árbores non medran. No noso caso, empregamos herbicidas, aínda que desde hai uns anos eliminamos o uso de herbicidas en Galicia e controlamos a herba cun rabaño de 500 ovellas que temos en propiedade”, sinala Ignacio Urbán.

Outra práctica coa que se busca axilizar o crecemento das árbores é a fertilización anual da plantación con abonos químicos. Unha das tres parcelas de Galicia, La Mota, conta ademais cun sistema de regadío por goteo que serve para facer regas de apoio en anos secos, coma foi o 2017. “En Galicia tamén é importante o encalado, pois os solos que temos na finca teñen un pH de arredor de 5, e tanto a cerdeira como a nogueira agradecen menos acidez, aínda que aceptan un amplo espectro de pH”, valora Urbán.

Sistema de rega por goteo, que serve de apoio en épocas secas.

Sistema de rega por goteo, que serve de apoio en épocas secas.

Venda de planta
O obxectivo de Bosques Naturales é que o seu modelo sexa reproducible por propietarios particulares e comunidades de montes veciñais. A firma, que continúa experimentando con novos clons de madeiras nobres, prevé poñer á venda os que ten testados con bo resultado, se ben advirte de que aplicará un filtro na comercialización dos clons. “Estamos falando de plantas caras e que precisan dun bo emprazamento e dun bo manexo. Non é plantar a parcela e abandonala porque así non se consegue nada. Queremos que o propietario forestal vexa un retorno”, subliña Ignacio Urbán.

Bosques Naturales filtrará a venda dos clons de frondosas. “Queremos garantías de que o propietario forestal fará un bo uso”

A idea inicial de Bosques Naturales é aplicar un filtro por superficie, comercializando só planta a partir dunha demanda dun mínimo de hectáreas, de cara a ter garantías de que haberá unha xestión de mantemento.

Marco de plantación
Sobre o marco de plantación máis axeitado para a nogueira ou a cerdeira, Urbán considera que varía moito dun punto a outro de España. “O factor decisivo que vemos é o nivel de radiación solar, que en Galicia é máis baixo que noutras provincias, como Cáceres. Unha opción que funciona no sur de España é facer unha primeira plantación cun marco denso de 3×3 metros para favorecer o crecemento vertical da nogueira nos primeiros anos, aplicando un rareo posterior, pero en Galicia vimos que esta estratexia non funciona, pois en canto as copas cubren todo o espacio aéreo entre plantas, redúcese moito o crecemento”, destaca Urbán.

Unha das alternativas que o director forestal de Bosques Naturales considera axeitada para Galicia é a dunha plantación inicial cun marco de 6×6 metros (arredor de 300 árbores por hectárea), para logo facer unha clara intermedia, extraendo pés de 20-25 centímetros de diámetro, e seleccionar 100 árbores para unha futura corta final, orientada a lograr alomenos unha primeira troza de 35-40 centímetros para chapa, moi valorada no mercado.

Madeira de nogueira procedente de rareos.

Madeira de nogueira procedente de rareos.

Busca de saída para a madeira intermedia
As plantacións de Boimorto e Arzúa, que teñen agora 13-14 anos, están na fase de execución de claras para reducir a densidade, pois a maioría das árbores foron plantadas en marcos de arredor de 5×5 metros. Bosques Naturales xa fixo unhas primeiras cortas, pero atópase con que a industria da madeira non está interesada nas trozas procedentes das claras, pois o seu diámetro é reducido.

“Coas cortas finais, temos garantido o interese das industrias, non esperamos problemas, pero é certo que para a madeira das claras non hai saída agora mesmo”, recoñece Ignacio Urbán. “Estamos valorando facer nós mesmos a súa transformación a maquila para comercializala directamente co cliente final” -apunta.- “Agora temos en marcha un proxecto de I+D, ‘Young tree’, para determinar que tipo de produto é o máis axeitado para valorizar esta madeira”.

Bosques Naturales está iniciándose no proceso de comercialización da madeira, con cortas finais xa nalgunhas das súas plantacións, creadas a finais dos anos 90, pero é un camiño que aínda ten por explorar. “Polo de agora, vendemos poucos volumes de madeira, pero xa podemos dicir, por exemplo, que unha cadea de tendas de luxo panelou o seu establecemento do barrio de Salamanca (Madrid) con nogueira de Bosques Naturales”, conta a modo de anécdota Ignacio Urbán.

Plantación de nogueiras en Boimorto.

Plantación de nogueiras en Boimorto.

Modelo de negocio
A continuación das claras nas plantacións de Boimorto e Arzúa é unha necesidade inmediata, se ben desde Bosques Naturales sinalan que é un proceso aínda incerto. O modelo de negocio inicial da empresa, creada no 1996, consistía na venda de árbores individuais a inversores particulares, que financiaban a súa plantación e mantemento coa promesa dun beneficio futuro no intre da corta. Ese investimento derivou en que cada inversor é propietario dunhas árbores, o que restrinxe as opcións da súa corta intermedia.

Bosques Naturales modificou hai uns dez anos o seu modelo de negocio, deixando de aceptar desde entón novos inversores. A empresa está embarcada nun proceso polo que parte dos seus inversores está canxeando a súa participación en árbores físicos por accións, de xeito que se poidan executar os rareos que precisan as plantacións. O obxectivo é correxir os erros iniciais da empresa e garantir que tanto os cultivos coma os investimentos realizados no pasado chegan a bo porto.

Alternancia entre cultivo de millo e plantacións de nogueiras en faixas.

Alternancia entre cultivo de millo e plantacións de nogueiras en faixas.

Uso agroforestal das parcelas, nogueira combinada co cultivo de millo

Bosques Naturales está desenvolvendo nos últimos anos en Boimorto un ensaio de plantación de nogueira en faixas alternas cun cultivo de millo, tamén en faixas de arredor de 10 metros adaptadas ó paso dunha colleitadora. “O resultado está a ser positivo e non detectamos problemas nas nogueiras. O laboreo superficial das faixas de millo está demostrado que obriga ás árbores a profundizar coas súas raíces na terra, o que resulta positivo”, valora Ignacio Urbán.

Entre as fileiras de nogueira é posible durante os primeiros anos o paso dun tractor con remolque, de apoio á colleita do millo, se ben a partir deste ano será preciso cambiar de estratexia, pois o crecemento das copas dificulta o paso do canón da picadora. “Este ano na primeira rúa teremos que colocar o tractor co remolque detrás da picadora. No resto de rúas xa non haberá problemas”, sinala Ignacio Urbán.

forest in

Forest-in, un proxecto para promover a educación forestal

Arredor de medio cento de propietarios forestais e técnicos de Galicia, Portugal e Francia desenvolveron estes días en Galicia unha serie de visitas a proxectos innovadores no sector, entre os que figuraba o de Bosques Naturales.

A actividade enmárcase no proxecto Forest-in, no que participa a Asociación Forestal de Galicia conxuntamente con outras organizacións e institucións destes tres países. A iniciativa Forest-in trata de promover boas prácticas no monte e unha mellora da educación forestal dos pequenos propietarios. O proxecto desenvolverá nun futuro cursos e material didáctico, así como unha aplicación móbil orientada ós propietarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información