“A biomasa é unha peza máis do puzzle, non é a salvación do monte”

Entrevistamos a Francisco Álvarez, de Ecowarm (Brión, A Coruña), unha das catro plantas de produción de pellet que opera en Galicia. Analizamos con el as perspectivas do sector na comunidade

“A biomasa é unha peza máis do puzzle, non é a salvación do monte”

Francisco Álvarez, nunha xornada no Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

EcoWarm de Galicia (Brión, A Coruña) foi no 1986 a primeira fábrica de pellets de Europa e tres décadas despois continúa en activo. É unha das catro plantas de pellet que operan en Galicia e a súa produción actual sitúase nunhas 20.000 toneladas anuais, elaboradas todas elas a partir de subprodutos da industria do aserrado (serrín, estelas, etc.). Ecowarm está participada de xeito maioritario pola multinacional italiana Tommy Service, que tamén conta con plantas en León, Austria e Rumania. Falamos con Francisco Álvarez, de Ecowarm, sobre a situación do sector da biomasa en Galicia e das perspectivas de futuro.

Sodes un caso particular no sector dos pellets en Galicia, pois en lugar de traballar con árbores, apostades polos subprodutos de aserradoiros. Explícanos a vosa liña de traballo.
– Dentro do grupo, apostamos na medida do posible por abastecernos de subprodutos. Non entendemos que un tronco con destino madeirable poida ir para pellets. Por outra banda, pensa que nos aserradoiros a relación entre materia prima e produto terminado é 3 a 1. Necesitan tres toneladas de tronco para sacar unha tonelada de tablas. Ese subproduto hai que integralo e consolidalo nunha cadea de transformación, que é o que facemos nós.

En León si que estades traballando con piñeiro para pellet. Cóntanos como funciona esa planta.
– A planta de León considerámola un centro de tratamento de biomasa. Mercamos lotes en monte que separamos por diámetros e especies. O piñeiro de diámetro madeirable vai para serra e só o que ten menos de 18 centímetros vai para pellet. Agora mesmo en León estamos elaborando 32.000 toneladas de pellet e a perspectiva é chegar a un máximo de 60.000 toneladas. Tamén mercamos rebolo para leña, destinada a mercados de proximidade.

“Están ofrecéndonos madeira queimada pero non é apta para pellet, xa que temos que cumprir cuns estándares de calidade severos”

Cres que a venda de piñeiro en monte con destino a biomasa pode chegar a representar unha competencia para a industria do taboleiro?
– Quen pense así ten un planteamento totalmente equivocado. A orixe do sector do pellet é a de darlle saída a un subproduto, pero non é a salvación do monte, como as veces se fai ver. O pellet é unha peza máis do puzzle do aproveitamento forestal, pero non podemos especular, temos que pagar menos pola materia prima que a industria do taboleiro.

Por outro lado, o pellet ten a cada paso unha normativa máis esixente e resulta complicado cumprir con esas esixencias. A materia prima ten que ter ausencia de casca e ser de calidade. Están ofrecéndonos madeira queimada, pero non é apta para pellet. Si podería selo para xeneración eléctrica nunha central de biomasa.

Tampouco restos de corta ou de podas serían útiles para a industria do pellet?
– Houbo proxectos de investigación nesa liña, pero todo iso quedou en papel mollado. Nós estivemos nun proxecto en Castilla La Mancha para aproveitar as vidras procedentes da poda do viñedo. Conseguimos peletizalas, pero non hai mercado para o pellet resultante. O principal problema é que o contido de cinzas dese pellet ronda o 6-7%, cando a norma En Plus A2, un estándar máis permisivo que o A1, esixe un máximo do 1,3% de cinzas. As caldeiras domésticas non están deseñadas para ese tipo de pellet. Tamén habería outros problemas, coma o contido en cloro.

“O eucalipto ten un gran contido de cloro que impide o seu uso para a produción de pellet”

Para os restos de corta, si que hai perspectivas de valorización a través da planta de xeneración eléctrica prevista para Curtis. Que perspectivas lle ves a este aproveitamento?
– Hai agora dous proxectos similares que, de poñerse en marcha, demandarán restos de corta do monte galego, a planta de Curtis e outra semellante prevista en Cubillos del Sil (Ponferrada, León). Son iniciativas que dinamizarían o monte, xa que poden xerar máis valor engadido, aínda que tamén é probable que se produza unha certa especulación no sector, pois os restos de corta xa son utilizados na actualidade por grandes firmas como Ence ou Finsa.

Unha cuestión que se lle plantea con frecuencia ó sector da biomasa é se o eucalipto nitens ten aproveitamento. Veslle un posible uso?
– No ano 2006 pelletizamos eucalipto. Fixemos un gran pellet, logo de superar diversos atrancos técnicos, pero cando o analizamos vimos que tiña un gran contido de cloro que facía inviable a súa comercialización. Daquela aínda non había as certificacións da actualidade, pero xa nos demos de conta de que ese camiño non tiña futuro.

“Creouse unha burbulla coa produción de pellet para centrais térmicas”

A vosa produción de pellet enfócase á venda a consumidores domésticos. Outro gran mercado do pellet está nas centrais térmicas de cofiring (cocombustión), que sustitúen en parte o carbón por pellet. Ten futuro esta liña?
– O cofiring vive do subsidio e está creándose unha burbulla, xa que non funciona pola oferta-demanda, senón que depende das axudas para a produción de kilowatios verdes. Por outro lado, é un mercado que precisa de tal volume de combustible que xenera distorsións no monte, pois pode botar man de todo tipo de diámetros e especies.

Pellets.

Pellets.

Pensa que calquera das grandes plantas de produción de pellet para cofiring, como as que pode haber en países como Brasil, Estados Unidos ou Rusia, produce por si soa máis de 500.000 toneladas de pellet ao ano, cando as 83 plantas de pellet que hai en España suman en conxunto unha produción anual de 422.000 toneladas.

No noso caso, enfocámonos ó mercado doméstico e non estamos interesados no cofiring porque parécenos un mercado cun futuro incerto. Pensamos que o pellet non ten que ser unha commodity, senón un produto que teña un consumo de proximidade no posible.

En Galicia, cales son os números do sector do pellet?
– Na actualidade hai catro plantas operativas, logo de que pecharan dúas no último ano. A planta de maior dimensión é a das Pontes, que ten unha produción de arredor de 60.000 toneladas e que depende en parte do mercado do cofiring, seguida da nosa, que é unha planta intermedia (20.000 toneladas) enfocada ó pellet de uso doméstico, e de dúas plantas de menor dimensíon que suman 10.000-12.000 toneladas de produción. En total, estamos nunha produción de arredor de 90.000 toneladas de pellet ó ano, das que en torno a 40.000 toneladas se consumen en Galicia e o resto véndese fóra da comunidade.

Que perspectivas de futuro lle ves ó sector do pellet?
– En Galicia somos uns privilexiados da Administración, xa que se subvenciona a instalación de caldeiras de biomasa, algo que non existe no resto de España nin en Europa. É un estímulo positivo, aínda que botamos en falta que en España non se siga o modelo de incentivación á biomasa do resto de Europa, onde se lle aplica ó pellet un Ive reducido, do 10%, en lugar do 21% que temos en España. É un xeito de estimular e subvencionar ó consumidor doméstico de por vida.

“En toda Europa, menos en España, hai un Ive reducido para o pellet que ronda o 10%. Ese é un xeito eficaz de estimular ó consumidor doméstico”

Por outro lado, reducindo o Ive, minimízase o alto grao de fraude que se dá nun produto que se queima e desaparece. Ese fraude é unha barreira comercial para as empresas que facemos as cousas ben. Está ademais comprobado noutros mercados que ao baixar o Ive do pellet, aumentou a recadación nas arcas públicas. Cun Ive menor, o fraude xa non é tan apetitoso.

En canto ó posible crecemento do mercado, o pellet ten a súa cabida e o seu percorrido, pero non vale para todo. O mercado do pellet non está en suministrar a un cliente no séptimo piso dun edificio do centro de Vigo, que é un caso real.

Como viviu o mercado da biomasa os dous últimos outonos en España e no resto de Europa occidental, con temperaturas máis suaves das normais?
– Houbo baixadas de prezos do pellet pero non se xeraron stocks. As plantas tiveron que adaptarse á realidade do sector, traballando ó 60-70% de carga e en intres de maior demanda ó 100%. O camiño é o de ter plantas cunha dimensión media que permitan esa flexibilidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información