Resoltas as axudas de prevención do lume en plena época de incendios

Medio Rural publica hoxe a lista de beneficiarios, que deberán superar unha serie de trámites administrativos antes de iniciar os traballos. As rozas de cortalumes non se comezarán a executar presumiblemente antes da segunda quincena de agosto

Resoltas as axudas de prevención do lume en plena época de incendios

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas correspondentes á liña de prevención de incendios forestais. As subvencións, por importe de 4,5 millóns de euros, chegarán a 504 beneficiarios, dos cales 464 executarán rozas e outros 40 crearán puntos de auga. A maioría dos beneficiarios son comunidades de montes veciñais, agrupacións e mancomunidades, e Sofor.

A resolución das axudas faise un ano máis en plena campaña de risco de incendios, o que xera malestar no sector forestal, pois se ben eran habituais os retrasos de Medio Rural, nunca se chegara nos últimos anos ata o 15 de xullo coas axudas sen consignar.

De feito, o sector forestal viña pedindo que as axudas se resolveran a comezos da primavera, de xeito que os traballos puideran estar realizados no comezo do verán. A ese respecto, houbo no 2017 un compromiso da Xunta para axilizar as resolucións, pero este ano o retraso volve ser maiúsculo.

Trala resolución de hoxe, os beneficiarios teñen 10 días de prazo para entregar a documentación relativa ós traballos que van executar. Medio Rural deberá de inspeccionar entón tódolos montes con expedientes aprobados para autorizar o inicio das actuacións, unha decisión que lle terá que comunicar ós beneficiarios. Por tanto, no mellor dos casos, os traballos non comezarán presumiblemente antes da segunda quincena de agosto. O prazo de execución remata o 31 de outubro.

Outra dificultade vén derivada do perigo que implica o traballo con maquinaria forestal no monte en plena época de incendios, pois hai risco de que faíscas causadas polos traballos xeren un incendio, unha circunstancia que xa se ten producido outros anos.

Destino
As liñas de apoio que inclúen as axudas son dúas, unha para control selectivo do combustible en áreas de devasas, faixas auxiliares de pista, rexenerados forestais e entrefaixas. O seu obxectivo é reducir a carga de combustible presente no monte e crear áreas de descontinuidade tanto horizontal como vertical que reduzan a velocidade de propagación dun posible lume.

A segunda liña é para a creación de puntos de auga que poidan prestar apoio ós servizos de extinción de lumes. Para esta segunda liña destínanse algo máis de 500.000 euros, en tanto que para a primeira empregaranse uns catro millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información