A axilización da burocracia forestal enrédase en Patrimonio

Medio Rural publicou en abril unha orde para simplificar os permisos de corta, establecendo un prazo máximo de 2 meses para a súa concesión, pero Patrimonio desmárcase de tal prazo. A Asociación Forestal de Galicia advirte tamén de que a presenza de elementos patrimoniais nos montes retrasa todo tipo de traballos forestais

A axilización da burocracia forestal enrédase en Patrimonio

Os proxectos para simplificar a burocracia forestal chocan coa Dirección Xeral de Patrimonio, que mantén o enredo dos últimos anos na concesión de autorizacións de corta e de traballos forestais. Medio Rural publicou unha orde en abril para simplificar os permisos de corta, establecendo un prazo máximo de dous meses para resolver as solicitudes. En caso de silencio administrativo, a orde especifica que as autorizacións entenderanse concedidas, pero non será así en zonas afectadas por Patrimonio.

A Dirección Xeral de Patrimonio apela a unha normativa estatal para defender o seu silencio como negativo, polo que en áreas afectadas por Patrimonio, con presenza de castros, mámoas ou outros elementos monumentais, o solicitante terá que esperar a contestación da Administración a súa solicitude, segundo se constatou hoxe nunha xornada sobre as autorizacións de corta celebrada durante a feira Galiforest, que se desenvolve ata o sábado en Sergude (Boqueixón, A Coruña).

O problema radica en que as autorizacións dependentes de Patrimonio viñan retrasándose os últimos anos unha media de seis meses en provincias como Pontevedra, unha situación que non ten perspectiva de mellora a curto prazo, a non ser que a Dirección Xeral de Patrimonio reconsidere o seu criterio.

Retrasos nas rozas, podas e aperturas de devasas
As dificultades con Patrimonio van máis alá das autorizacións de corta. A Asociación Forestal de Galicia (AFG), que mantivo unha reunión este mes coa Dirección Xeral de Patrimonio, advirte de que existe neste organismo unha falta de persoal que retrasa de xeito permanente todo tipo de autorizacións para traballos forestais como rozas, podas ou apertura de devasas.

Desde a Asociación Forestal trasladóuselle a Patrimonio que o principal interese dos socios da AFG, tanto comunidades de montes veciñais como propietarios particulares, é manter os elementos patrimoniais en perfecto estado, pero iso sí, sen que supoñan unha carga adicional.

Informes arqueolóxicos
A AFG demanda unha simplificación de procedementos e que os técnicos da Administración asuman os informes e controis arqueolóxicos que sexan precisos, evitando así os actuais custos adicionais ós que se ven obrigados os propietarios.

Por parte de Patrimonio, houbo receptividade ás propostas da AFG, se ben apelouse á carencia de medios humanos e técnicos, segundo sinala a Asociación Forestal de Galicia. A propia Consellería de Cultura recoñecía o pasado ano que existía unha acumulación de traballo que ocasionaba retrasos de 3-4 meses.

En vista de tal situación, que se experimenta desde hai anos, o colectivo de propietarios empraza á Xunta a dotar de máis persoal e de recursos técnicos suficientes á Dirección Xeral de Patrimonio.

Guía de boas prácticas co patrimonio
Outra cuestión que queda sobre a mesa é a petición da AFG á Dirección Xeral dunhas instrucións públicas, a modo de guía de boas prácticas, que expliquen os condicionamentos xerais e específicos de cada tipo de elemento patrimonial. Esas instruccións deberán tamén precisar as limitacións que existen en función de se se trata dun área de protección integral ou de cautela.

A publicación de tales orientacións, unha cuestión á que a Dirección Xeral foi receptiva, facilitaría o traballo de propietarios e de técnicos de planificación forestal.

Aclaracións sobre permisos de corta e declaracións responsables
Na xornada celebrada hoxe en Galiforest sobre autorizacións de corta, Medio Rural anunciou tamén que ten previsto publicar uns cadros informativos para aclarar tódolos supostos nos que é precisa a solicitude dunha autorización de corta e aqueles nos que é suficiente cunha declaración responsable.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información