Asemblea da Organización Galega de Comunidades de Montes

O colectivo celebra o encontro o próximo sábado 18 en Ribadavia. A cita está aberta á participación de todos os montes veciñais de Galicia

Publicidade
Asemblea da Organización Galega de Comunidades de Montes

As comunidades cuestionan o novo decreto que sairá sobre montes veciñais.

Data inicio: 18/03/2017
Data fin: 18/03/2017
Lugar: Rúa Celso Emilio Ferreiro, 4, Ribadavia, Ourense, España

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común celebra este sábado a súa asemblea xeral ordinaria. Será en Ribadavia, na Casa da Cultura, a partir das 10 horas da mañá. A cita está aberta á participación de todos os montes veciñais de Galicia, segundo lembran desde o colectivo.

O principal punto do encontro será o repaso a toda a lexislación referente ás comunidades de montes que xa publicou ou está a preparar a Consellería do Medio Rural.

Desde a Organización Galega de Comunidades son críticos coas medidas da Xunta, pois interpretan que o único obxectivo “é poñer trabas ó funcionamento dos montes veciñais”. “Búscase que a veciñanza comuneira abandone a xestión das terras e lla entregue a empresas forestais privadas”, valora o presidente da Organización, Alfredo Pereira.

Novo decreto
O colectivo cuestiona a próxima publicación dun decreto da Consellería que modificará tanto o regulamento da lei de montes veciñais como tamén o decreto de reinvestimento obrigado. A Organización Galega entende que este decreto suporá unha intervención maior nos plans de ordenación de cada comunidade e que dificultará as tramitacións coa Administración.

Ante esta situación, a asociación fai un chamamento a todas as comunidades de montes para traballar en unidade na defensa dos dereitos dos montes veciñais, polo que considera fundamental a asistencia das comunidades á asemblea do sábado.

Outros temas que se abordarán no encontro son as débedas que manteñen os montes conveniados coa Xunta, a próxima revisión do Plan Forestal de Galicia, a posta en marcha da Axencia Galega de Industria Forestal e a nova regulación que se prepara para o eucalipto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información