Areeiro advirte da actividade anticipada da procesionaria nos piñeiros

A Estación Fitopatolóxica tamén recomenda instalar trampas para capturar ás eirugas defoliadoras que afectan ós gromos dos carballos

Areeiro advirte da actividade anticipada da procesionaria nos piñeiros

Procesionaria descendendo por un tronco. / Imaxe: Areeiro.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, vén de emitir un aviso fitosanitario extraordinario para advertir da actividade anticipada da procesionaria nos piñeiros da provincia. No caso de que se detecten procesións da praga, cómpre aplicar medidas para evitar que complete o seu ciclo biolóxico. Así mesmo, en relación ás frondosas, os técnicos aconsellan instalar trampas de feromonas para reducir as poboacións de eirugas defoliadoras que poden afectar aos gromos dos carballos.

No que respecta á procesionaria, o centro de investigación de Areeiro ten detectado que nalgúns lugares da provincia estanse xa a iniciar as procesións de enterramento das eirugas de Thaumetopoea pityocampa. Normalmente, estas procesións comezan en marzo, polo que a súa rápida aparición nestas datas, as máis temperás das que se ten constancia, resulta inusual.

As procesións inícianse normalmente en marzo. A súa aparición en xaneiro é a data máis temperá rexistrada por Areeiro

As procesións prodúcense cando as eirugas acadan a súa madurez, coincidindo con temperaturas suaves, e abandonan os bolsóns, descenden polo tronco e entérranse no chan. Dado que estes insectos posúen pelos urticantes que liberan cando se senten ameazadas, producindo reaccións alérxicas e inflamatorias, é importante saber que non se deben manipular baixo ningún concepto.

Para evitar o enterramento das eirugas, segundo indican desde Areeiro, é posible aplicar un insecticida piretroide ou ben impedir mecanicamente o proceso, tendo a precaución de usar todas as proteccións persoais posibles para evitar danos.

Frondosas
Por outra parte, desde mediados do mes de decembro, os investigadores de Areeiro están a capturar numerosos machos de Operoptera brumata nas trampas de feromonas instaladas en zonas de frondosas da comarca do Morrazo, que en abril-maio estiveron afectadas por fortes defoliacións. “Considerando os fortes danos que poden causar en diferentes especies de frondosas, aconséllase a instalación de trampas para reducir as poboacións que poidan afectar aos gromos deste ano”, asegura a técnica Rosa Pérez, de Areeiro.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información