Arde máis o eucalipto que outras especies?

A polémica ligada ós lumes forestais acompañou un verán máis ó piñeiro e ó eucalipto, considerados polos colectivos ambientalistas como especies que favorecen os incendios. Analizamos a cuestión

Arde máis o eucalipto que outras especies?

Masa de eucaliptos que presenta unha escasa velocidade de propagación do lume pola ausencia de mato. / Imaxes: Fotoguía dos combustibles forestais de Galicia.

As dúas especies que concentran máis do 90% dos aproveitamentos madeireiros en Galicia, o eucalipto e o piñeiro, cargan co sanbenito de ser consideradas polos colectivos ambientalistas como árbores que favorecen os incendios. O sector forestal, pola súa banda, defende que non hai especies boas nin malas. Só unha boa ou unha mala xestión forestal -argumentan propietarios e empresas- que pode mellorar ou empeorar o pronóstico dun lume. Agora ben, desde unha óptica científica, arde o eucalipto máis? Pois depende de como se mire. Repasamos o estado da cuestión a nivel científico e social.

Superficies queimadas en Galicia

O verán iniciábase en Galicia cunha ofensiva mediática dos colectivos de empresas forestais e de propietarios, que pagaron páxinas de publicidade nos principais xornais galegos para defender a súa teoría de que o eucalipto arde menos. Baixo o título ‘Datos, non opinións: a maioría dos incendios prodúcense en zonas abandonadas, non en eucaliptais’, o sector forestal argumentaba que no periodo 2000-2013, só o 8% da superficie que ardeu en Galicia correponde ós eucaliptos, en tanto o 71% é de mato e algo máis do 20% do resto de arborado (piñeirais e masas de frondosas).

En Portugal, as masas de mato mediterráneo quéimanse en maior proporción que a superficie que ocupan. Os eucaliptais non

A argumentación, en calquera caso, non aborda a cuestión técnica de se o eucalipto favorece ou non os lumes. Só proba unha cousa xa sabida, que onde máis incendios se prenden non hai eucaliptos. O 60% das parroquias galegas de alta actividade incendiaria están en Ourense, un territorio no que o eucalipto é practicamente inexistente.

O caso portugués
Entrando en materia, o investigador en lumes Javier Madrigal, que traballa no Centro de Investigación Forestal (Inia, Madrid), analiza nun artigo a cuestión de se é certo que hai especies que favorecen os lumes. “Existe algún tipo de ‘selectividade’ a escala paisaxe que faga que determinadas estruturas de vexetación ardan máis que outras? Esta é unha cuestión que os nosos veciños portugueses levan preguntándose bastantes anos, xa que teñen unha alta proporción de masas forestais ocupadas por plantacións de eucalipto e de piñeiro bravo, sobre todo na metade norte do país”, plantea Madrigal.

Buceando nos artigos científicos sobre a cuestión, Madrigal destaca un do 2005 que conclúe, para o caso portugués, que as masas de mato mediterráneo son as que amosaron unha maior selectividade ante os lumes, é dicir, quéimanse en maior proporción que ocupan.

O piñeiro e o eucalipto presentan unha maior inflamabilidade por características como unha maior acumulación de compostos volátiles

A análise dos datos das plantacións de eucalipto revelou que, na maioría dos casos, a afectación dos eucaliptais era similar á doutros tipos de bosque. Son datos semellantes ós galegos e proban, novamente, que onde máis incendios hai en Portugal, é onde hai máis mato.

Especies máis propensas ós lumes
Á hora de analizar se hai especies máis propensas ós lumes, Madrigal describe como hai árbores, caso de piñeiro ou eucalipto, que presentan en xeral unhas características que fan aumentar a súa inflamabilidade (follas finas, alto contido en compostos volátiles, maior desecación da folla no verán, etc.). O investigador advirte, non obstante, de que o concepto de inflamabilidade é relativo.

Masa densa de piñeiros novos con altos riscos en caso de lume.

Masa densa de piñeiros novos con altos riscos en caso de lume.

“É igual de inflamable unha plantación de eucaliptos en produción que a mesma plantación abandonada?. É igual de inflamable un piñeiral de 30 anos que un de 100 anos?” (…) A estrutura dunha masa é unha das razóns fundamentais da súa inflamabilidade. O modelo de combustible non depende da especie, senón da cantidade e a forma na que se organiza a biomasa dispoñible para o lume. O que fai que determinados bosques teñan unha estrutura máis ou menos propensa para un incendio é fundamentalmente o manexo histórico e presente que se fai deles ou, no escenario actual, a ausencia de dita xestión”.

Como exemplo, Madrigal cita as repoboacións novas de piñeiro e eucalipto. “As masas novas e densas de calquera especie presentan unha estrutura moi inflamable, polo tanto, serán paisaxes que sempre terán alto risco de lumes”, valora.

“O modelo de combustible non depende da especie, senón da cantidade e a forma na que se organiza a biomasa dispoñible” (Javier Madrigal)

Tamén lembra o investigador que en repoboacións que se fixeron ao longo do século XX non se executaron os necesarios rareos, xerando mortandade nas masas, decaimentos, ataques de insectos e con todo iso, acumulación de madeira morta. “Son entón as repoboacións de piñeiros a causa dos grandes lumes ou é a ausencia de planificación a escala paisaxe?”, pregúntase.

Carballos e lumes
Os traballos científicos proban que as masas do xénero Quercus, caso dos carballos, son moito menos afectadas polos incendios que os piñeirais, como analiza un estudo de Antonio Vázquez para o periodo 2010-2016. Desde a perspectiva de Javier Madrigal, ese feito débese a un conxunto complexo de factores, se ben destaca que a menor acumulación de compostos volátiles nos carballos explica unha parte da súa menor inflamabilidade.

As masas de carballos vense menos afectadas por incendios que os piñeirais

“Son tamén abundantes os testimonios de axentes forestais que observan máis incendios de copas en masas de coníferas que en frondosas”, valora Madrigal, aínda que o investigador incide na necesidade de máis probas científicas e remata cunha advertencia: “En incendios moi intensos, arde todo ata que se remata o combustible dispoñible”.

Comparativa das velocidades de propagación dos incendios

Este verán, nunhas xornadas sobre lumes nas que participaba o investigador José Antonio Vega, que foi creador do Laboratorio de Lumes de Lourizán, un comuneiro preguntoulle directamente se é certo que o eucalipto non arde máis que outras especies.

“O lume presenta maior velocidade de propagación e altura de lapa nos eucaliptais que noutro tipo de masas” (José Antonio Vega)

Vega contestoulle apelando á Fotoguía de combustibles forestais de Galicia, un extenso traballo científico que documenta 150 modelos de combustible forestal na comunidade e que correlaciona cada tipo posible de masa co comportamento do lume. “Ogallá puidera dicir que o eucalipto arde menos, pero como se pode ver na Fotoguía, o lume presenta maior velocidade de propagación e altura de lapa nos eucaliptais que noutras masas”, concluíu.

Masa de rebolos novos que presenta alta velocidade de propagación do lume.

Masa de rebolos novos que presenta alta velocidade de propagación do lume.

Un repaso á Fotoguía permite constatar as diferenzas de velocidade de propagación do lume entre as masas de frondosas e os piñeirais e eucaliptais. Cun vento intenso de 30 quilómetros / hora e en pendentes máximas, o lume adoita moverse nas carballeiras ou nos soutos a menos de 10 metros / minuto. En eucaliptais e piñeirais pode chegar a 60-70 metros / minuto nesas mesmas condicións.

Variabilidade de escenarios
A fotoguía, non obstante, serve tamén para constatar unha das aseveracións de Madrigal: a propagación do lume depende máis da estrutura da masa que da especie. Hai plantacións novas de piñeirais, con alta carga de mato e gran densidade, na que a velocidade de propagación, nas condicións de vento e pendente sinaladas, chega ós 60 metros / minuto. En piñeirais adultos, con escasa densidade e sen mato, a velocidade de propagación pode quedarse en arredor de 12 metros / minuto, case como nunha masa de frondosas.

O lume avanza menos nas frondosas, con excepcións. Determinadas masas novas de rebolos teñen unha propagación similar ós peores eucaliptais

O mesmo sucede cos eucaliptais. Eucaliptais adultos, con distancia da copa ó chan e sen mato, presentan unha velocidade de propagación de arredor de 15 metros / segundo, en tanto en plantacións novas ou con abundancia de mato a velocidade de propagación pode duplicarse, triplicarse ou cuadriplicarse.

A variación dos escenarios afecta tamén ás frondosas. Se ben en xeral presentan unha menor propensión a favorecer os lumes, a Fotoguía amosa unha masa nova de rebolos (Quercus pyrenaica), con 23.000 brotes por hectárea, na que se estima unha velocidade de propagación, nas condicións sinaladas, de 60 metros / minuto. Igual que no peor escenario dun eucaliptal.

Máis información
“Os peores lumes son os que teñen carga de combustible e continuidade do mato baixo o arborado” (Entrevista a Stefano Arellano, coautor da Fotoguía de combustibles forestais de Galicia).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información