Aprobadas as axudas para crear 16 parques forestais en Pontevedra

A Deputación destina arredor de 450.000 euros a proxectos en montes veciñais que inclúen a execución de traballos de prevención de lumes

Aprobadas as axudas para crear 16 parques forestais en Pontevedra

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe na súa xunta de goberno axudas por un total de 443.000 euros para redactar proxectos de parques forestais e realizar actuacións de mellora e recuperación nos montes da provincia potenciando os seus valores paisaxísticos, ambientais, culturais e patrimoniais. O importe das subvencións repartirase entre dez Concellos (Arbo, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Fornelos de Montes, Mondariz, As Neves, Oia, Ponteareas e Vilaboa), que presentaron propostas para crear dezaseis parques forestais, cada un deles de máis de 50 hectáreas de monte, en colaboración con comunidades de montes veciñais.

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, subliñou a implicación da institución provincial para “correxir o desleixo do monte en Galicia”, que define como “o máis importante problema ambiental”. Mosquera incide en que o monte sempre foi o grande esquecido polas administracións á hora de poñer en marcha iniciativas polo que, aínda que a Deputación de Pontevedra non ten competencias para a ordenación e mellora, decidiuse a contribuír “cun esforzo económico, unha liña de subvencións novidosa que leva en trámite dende principios deste ano e que hoxe dá os seus froitos”, coincidindo a penas uns días despois da vaga de lumes que vén de sufrir o país.

O plan de axudas para parques forestais da Deputación de Pontevedra dividiuse en dúas liñas. A primeira, para a redacción de proxectos, e unha segunda para a execución de obras e actuacións de proxectos xa elaborados.

No caso da primeira liña presentáronse dezaseis solicitudes e atendéronse todas ellas, concedendo o máximo de subvención posible, o 80%, o que supón unha subvención de 129.874 euros. Son beneficiarios desta liña de axudas, os seguintes proxectos:

– Parque da Serra de San Fins e parque de San Miguel (Arbo).
– Serra de San Fins (As Neves).
– Parques de Varalonga, Massó-Limens e Carballeira (Cangas).
– Parque de Tomonde e parque de Coirego (Cerdedo-Cotobade).
– Parque de Fixó-Portela (Forcarei).
– Parque de Freaza (Fornelos).
– Montes de Gargamala e Monte da Lagoa (Mondariz).
– Proxectos na Serra da Groba e Costa de Oia (Oia).
– Parque Picaraña e parque de Seixiforna-Viveiro(Ponteareas).
– Miradoiro de Cotorredondo (Vilaboa).

Na liña 2, para a execución dos proxectos, presentaráronse nove solicitudes e aprobáronse sete, xa que dous dos expedientes, o da Illa de Arousa e Oia, non cumprían todos os requisitos.

Medidas de prevención de incendios
Un dos requisitos das bases da liña de subvencións e que, por tanto, inclúen todas as propostas aceptadas para os parques, é un apartado específico de medidas encamiñadas á protección contra os incendios forestais. En xeral, os parques deben estar concibidos como zonas resistentes fronte aos incendios, propoñendo a eliminación de especies como o eucalipto, a acacia ou a mimosa, e potenciando frondosas de folla caduca existentes, reducindo densidades mediante clareos, creando devasas perimetrais e cortalumes, así como, onde sexa posible, instalando puntos de abastecemento de auga para a extinción de incendios forestais.

Así mesmo, a planificación multifuncional para o aproveitamento do monte, con actividades deportivas, educativas e turísticas xunto coa produción de cogomelos, castañas ou a gandeiría, tamén se entende como medida preventiva por si mesma a modo complementario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información