Aprobada unha iniciativa no Parlamento para impulsar a loita contra os incendios forestais

Aprobada unha iniciativa no Parlamento para impulsar a loita contra os incendios forestais

A Comisión de Agricultura do Parlamento Galego, aprobou esta tarde cos votos a favor do PP e o voto en contra da oposición unha iniciativa do Grupo Popular pola que se insta á Xunta de Galicia a impulsar a loita contra os incendios forestais.

En concreto, a iniciativa defendida polo deputado popular José Manuel Balseiro insta ao Goberno galego a:

1. Continuar aplicando de xeito efectivo a Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia e a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e que se obrigue aos entes públicos e aos propietarios privados ao cumprimento exhaustivo da mesma, facendo inspeccións periódicas que permitan un control real.

2. Crear, na primeira xuntanza do mesmo, unha comisión específica dentro do Consello Forestal para analizar as propostas de medidas que podan levar á minoración efectiva dos incendios forestais en Galicia e a elaborar un ditame sobre as mesmas para a súa aplicación polas administracións públicas de Galicia.

3. Presentar, no prazo dun mes desde a súa adopción, e por parte da persoa responsable da Consellería do Medio Rural e do Mar, o ditame elaborado polo Consello Forestal diante do Pleno do Parlamento de Galicia.

A oposición critica que a política forestal da Xunta non está consensuada

A oposición decidiu non apoiar a iniciativa por considerala unilateral e non estar consensuada. Así, a portavoz do BNG,Tereixa Paz, lembrou que “a Lei de Montes non contou con consenso e foi aprobada de xeito unilateral polo PP”. Ademais, criticou que “o dispositivo de loita contra os incendios é cada vez máis ineficaz, porque cada vez temos menos incendios pero con máis superficie queimada”.

Dende Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Antón Sánchez, defendeu que “é necesario replantearse a política do rural galego (…) porque non se pode apartar o sector forestal do resto do rural”. “Hai que ter unha visión integral do rural, porque o problema dos incendios non é só do dispositivo, que tamén, senón do abandono do rural, da falta de ordenación do territorio, dun modelo forestal de baixo valor…etc”, denunciou o deputado de AGE.

Uns argumentos nos que tamén coincidiu o portavoz do PsdeG-PSOE, Pablo García, e a representante do Grupo Mixto,  Chelo Martínez, que presentou unha emenda de substitución que non foi aceptada polo Partido Popular.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información