Ano 1 tras a vaga de lumes

Os grandes incendios do 2017 e o deseño do novo Plan Forestal de Galicia xeraron unha efervescencia social en torno ó monte, pero grandes eixos da política forestal continúan sen concretar ou sen consenso

Ano 1 tras a vaga de lumes

Monte queimado en Pazos de Borbén. / Arquivo.

Cúmprese agora o primeiro aniversario da vaga de lumes de outubro do 2017, que se levou por diante 50.000 hectáreas de monte, 4 persoas mortas e máis dun cento de vivendas afectadas. Aquela vaga de lumes, que coincidiu no tempo co deseño do futuro Plan Forestal de Galicia, xerou unha gran efervescencia social en torno ó monte. En que se plasmou toda esa preocupación e interese?

O debate sobre cuestións coma as franxas de protección contra incendios arredor dos núcleos de poboación, o eucalipto ou o Plan Forestal capitalizaron gran parte das discusións sociais e políticas. Outros asuntos que permanecen nun segundo plano son considerados tamén vitais polo sector forestal para definir o futuro do monte, tales coma as perspectivas dos montes veciñais con convenios coa Xunta ou a posta en marcha de novas ferramentas para reducir o minifundio. Analizamos o panorama.

Franxas de protección contra os lumes
A Xunta ampliou en xaneiro de 25 a 50 metros a área que ten que estar desbrozada arredor de casas e núcleos de poboación. En todo ese perímetro tampouco pode haber piñeiros e eucaliptos.

Como é notorio, o grao de cumprimento da medida é escaso. O sector forestal alega que hai unha imposibilidade material e humana de afrontar tamaña cantidade de desbroces e cortas, que afectarían a unhas 150.000 hectáreas. Os Concellos, que serían os encargados de controlar o cumprimento da medida, interpretan que a Xunta está a descargar responsabilidades de futuras vagas de lume sobre eles e sobre os propietarios.

Eucalipto
Os colectivos ambientalistas e unha parte dos propietarios forestais, agrupados en torno á Organización Galega de Comunidades de Montes e Frouma, avogan por unha moratoria que prohíba o aumento da superficie do eucalipto en Galicia, pois consideran que esta árbore favorece a expansión dos lumes. Manifestaranse en Compostela a finais deste mes en contra dun Plan Forestal que consideran “eucaliptizador”.

Distinta é a visión do resto da cadea da madeira, que entende que o eucalipto é en moitos casos a única alternativa contra o abandono do territorio.

Recuperación do monte queimado
A Asociación Forestal de Galicia advirte de que os montes afectados pola vaga de lumes corren un serio risco de abandono. A vaga de lumes levou por diante boa parte do patrimonio forestal de comunidades de montes de Ourense e do sur de Pontevedra. Só en comunidades socias da Asociación Forestal de Galicia, as perdas na provincia de Pontevedra pola vaga de lumes foron de 18,9 millóns de euros, cuns custos de restauración estimados en arredor de 10 millóns de euros.

Os montes veciñais, que quedaron descapitalizados a raíz dos lumes, vense agora cunha capacidade limitada para afrontar as necesarias tarefas de restauración dos montes afectados, nos que haberá que acometer plantacións e traballos que faciliten a rexeneración do bosque. Resulta significativo que un ano despois dos lumes, parte da madeira afectada estea aínda sen retirar do monte por diversas circunstancias, tanto en montes veciñais como en propiedades particulares.

A Asociación Forestal de Galicia agarda que este outono se materialice un plan público de restauración dos montes afectados, que fora comprometido pola Consellería do Medio Rural en decembro do pasado ano.

Cancelación dos convenios nos montes veciñais
A Xunta cancelará de oficio tódolos convenios que mantén cos montes veciñais nos próximos anos. Parte deses convenios sustituiranse por contratos de xestión, aínda sen concretar, pero outra parte das comunidades de montes terán que facerse cargo do manexo das súas superficies.

Nalgúns casos, trátase de comunidades activas, con capacidade para asumir ese rol, pero noutros casos, en entornos do interior despoboados e envellecidos, iso non será posible. Que sucederá con eses montes?

Minifundio da propiedade particular
En Galicia hai máis de 7 millóns de parcelas forestais, cun tamaño medio que ronda os 2.500 metros cadrados, insuficiente para unha xestión forestal razonable que permita traballos mecanizados e economías de escala. A fórmula das Sofor demostrouse limitada para promover a xestión en conxunto do monte, reducindo o minifundio, co cal espérase a posta en marcha de novas ferramentas.

Outra cuestión derivada do minifundio é o abandono de xestión que presentan boa parte das parcelas forestais, nas que no mellor dos casos só se fai un labor de ‘recolección’, coa corta e saca dos pés madeirables.

Hai máis de 600.000 propietarios particulares en Galicia, que xestionan case 1,4 millóns de hectáreas, a metade do territorio da comunidade. O Plan Forestal de Galicia, impulsado pola Xunta, proponse grandes obxectivos para o monte, pero como se vai convencer ós xestores reais do territorio, esas 600.000 persoas, para que sigan o carreiro marcado pola Administración?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información