‘Aldeas seguras, persoas seguras’, como Portugal se protexe dos incendios rurais

Logo dos tráxicos lumes do pasado ano, o país veciño está a impulsar un programa de autoprotección da cidadanía. Os núcleos de poboación con maiores riscos definiron locais de refuxio e rutas de evacuación

‘Aldeas seguras, persoas seguras’, como Portugal se protexe dos incendios rurais

Veículo calcinado no lume de Pedragao Grande no 2017. / Arquivo.

Os tráxicos lumes que se viviron o pasado ano en Portugal e, en menor medida, tamén en Galicia, confirman un cambio de escenario que xa non ten volta atrás. Os que antes eran incendios forestais agora son incendios rurais, con aldeas, vivendas e estradas ameazadas polo lume. Conscientes da nova situación, as Administracións portuguesas están a impulsar un programa de autoprotección da cidadanía fronte ó lume, ‘Aldeas seguras, persoas seguras’.

A iniciativa divulga medidas a seguir no caso de proximidade dun incendio, con spots en radio e televisión e difusión de trípticos informativos. A maiores, nos núcleos de poboación con maiores riscos, estanse a definir rutas de evacuación, puntos de encontro e locais interiores de refuxio, como igrexas.

O programa portugués ‘Aldeas seguras, persoas seguras’ xera interese en Galicia, onde xa o pasado ano distintas voces do sector forestal advertiron da necesidade de emprender na comunidade unha iniciativa similar. En Galicia, no 2017, houbo 4 mortos, 158 casas que se viron afectadas polos incendios e máis de 2.000 evacuados.

Repasamos a continuación as recomendacións que se están a difundir en Portugal.

Se estivese próximo a un incendio

– Chame de inmediato ó 112.

– Se non corre perigo e posúe vestuario axeitado (roupa de manga longa, botas e luvas), tente extinguilo con pas, sachos ou pólas verdes.

– Non perxudique a acción dos bombeiros forestais ou outras forzas de socorro e siga as súas instruccións.

– Retire o seu automóbil dos camiños de acceso ao incendio.

– Se nota a presenza de persoas con comportamentos de risco, informe ás autoridades.

– Se o incendio estivese preto da súa casa, avise ós veciños, corte o gas e molle abundantemente as paredes e o mato que rodee a súa casa.

Se un incendio se aproxima a súa casa

– Avise ós veciños

– Regue paredes, tellado e 10 metros en torno á casa.

– Peche portas, fiestras e outras aberturas. Baixe as persianas ou peche as contras.

– Retire leñas e lonas próximas á vivenda.

– Se ten algún local seguro, almacene alí as bombonas do gas.

– No interior da vivenda, afaste das fiestras o que poda arder e coloque toallas molladas nas xanelas.

– Se non corre perigo, apague pequenos focos de lume con auga, terra ou pólas verdes.

Se se ve rodeado por un incendio

– Diríxase a unha zona de abrigo ou refuxio colectivo. Se non estivese preto de ningún, procure unha zona preferencialmente plana e con auga ou pouca vexetación.

– Respire xunto ó solo, se é posible a través dun pano mollado, para evitar inhalar fume.

– Cubra a cabeza e o resto do corpo.

Preparación para a evacuación

– Manteña os documentos máis importantes en local seguro e de fácil acceso (un bolso, por exemplo), de xeito que poidan ser rapidamente transportados en caso de retirada da vivenda. Considere a posibilidade de gardar copia dos documentos na casa dun familiar ou dixitalizados nunha unidade de memoria Usb.

– Teña preparado un kit de evacuación, onde consten artigos esenciais a usar en caso de emerxencia: caixa de primeiros auxilios, medicación habitual, auga e comida non perecedoira, produtos de hixiene persoal, unha muda de roupa, radio, linterna, silbato, cartos e lista de contacto de familiares / amigos.

Preparar a vivenda para unha rápida saída

– Manteña libres as saídas de cada división e do edificio, sen obxectos a bloquear o paso.

– Asegúrese de que todas as saídas se abren facilmente.

– Teña os camiños de saída escollidos e identificados.

– Defina pontos de encontro comúns coa súa familia.

En caso de evacuación preventiva, efectuada con antelación, para o exterior do núcleo de poboación

– Manteña a calma.

– Cumpra as indicacións de evacuación dadas polas autoridades. Non volte atrás.

– Auxilie a nenos, persoas maiores ou familiares con limitacións de mobilidade.

– Leve o kit de evacuación. Non perda tempo en recoller obxectos innecesarios.

– Leve consigo os animais de compañía.

– Peche portas e xanelas a medida que sae para fóra da súa vivenda, así como outras aberturas (ocos de ventilación) que permitan o acceso das lapas.

– Deixe encendidas as luces exteriores da vivenda.

Se ademais ten tempo e condicións de seguridade:

– Afaste as cortinas e sofás que estean xunto ás fiestras e retire mobiliario de xardín, lonas ou leñas que estean xunto á vivenda ou en pendellos.

– Retire as bombonas de gas para un local seguro. Se as pode mergullar en tanques, minimizará o risco de explosión.

– Regue o entorno da vivenda, en especial o lado enfrontado ó incendio, e o tellado.

– Use só o teléfono cando sexa imprescindible.

– Siga as instruccións difundidas pola autoridade.

En caso de evacuación repentina para un refuxio colectivo no interior do núcleo de poboación

– Protexa o corpo das chamas e do calor con vestuario axeitado (pantalóns e camisa de manga longa, guantes e un pano para protexer a cara do calor e do fume).

– Manteña a roupa seca(A auga é unha sustancia moi conductora, polo que a roupa mollada quéntase rapidamente, podendo aumentar a gravidade das queimaduras).

– Escolla sempre o camiño de saída da vivenda máis seguro, isto é, o que tivese menos fume e calor. Se é estritamente necesario, atravese os espazos con fume da forma máis próxima ó solo que poida.

– Diríxase rapidamente ós locais de refuxio colectivo máis próximos definidos no interior do núcleo de poboación. Non volte atrás en tanto non se lle permita.

En caso de que quede illado na vivenda, se non é posible a fuga

– Manteña a calma.

– Protexa o corpo das chamas e do calor con vestuario seco (preferentemente non sintético) e axeitado (pantalón e camisa longa, guantes e pano para protexer a cara do calor e do fume).

– Afaste as cortinas e sofás que estean xunto ás xanelas e retire o mobiliario de xardín, lonas e leñas que estean xunto á vivenda ou en pendellos.

– Se ten algún espazo seguro, retire alí as bombonas do gas, por exemplo, mergullándoas nun tanque, para minimizar o risco de explosión.

– Se ten condicións de seguridade, regue o entorno da vivenda, en especial o lado orientado ó lume e o respectivo tellado.

– Peche portas, xanelas e outras aberturas (conductos de ventilación) que posibiliten a entrada das lapas.

– Coloque toallas molladas nos ocos de portas e fiestras.
– Fique lonxe das paredes.

– Procure abrigo no extremo oposto da vivenda en relación ó lado por onde o lume se aproxima.

– Coloque os animais de compañía nunha única estancia da vivenda, preferiblemente acompañados. Nunca os solte á rúa.

– Use o teléfono só cando sexa imprescindible.

– Espere que o lume pase e posteriormente, verifique a existencia de focos do incendio na envolvente da vivenda e no seu tellado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información