Advirten de que non é posible manter 50 metros rozados arredor das granxas

Publicidade
Advirten de que non é posible manter 50 metros rozados arredor das granxas

Granxa de porcino de Nudesa

O sindicato Unións Agrarias advirte de que “non é posible” que se cumpra coas faixas de protección fronte aos lumes no caso das granxas. A nova lei establece a obriga de que nos 50 metros arredor das instalacións gandeiras o terreo debe estar rozado de maleza e sen plantacións de piñeiros, eucaliptos ou acacias.

“É imposible que se cumpran esas distancias. Se xa era difícil coa anterior normativa, que establecía 25 metros moito máis o está a ser cos 50 metros. Estamos en Galicia, onde hai moito minifundio, e moitas granxas, sobre todo de porcino e de polos, tiveron que ir a terreos forestais onde cumprir esas distancias é prácticamente imposible”, advirte Román Santalla, responsable de Unións na comarca do Deza.

De feito, asegura que lle están a chegar queixas de moitos gandeiros por este tema. “Estamos totalmente de acordo en que o terreo ten que estar limpo para que en caso de incendios non afecten á granxa, pero a distancia de 50 metros é desproporcionada. E se ben é certo que a lei permite que o gandeiro poda limpar os terreos colindantes se os propietarios non o fan, isto sería unha fonte de conflitos”, asegura.

“Con esta norma estase a restar competitividade ao noso sector gandeiro e freando o desenvolvemento no rural”, advirte Santalla.

¿Que di a lei sobre a limpeza do terreo arredor das granxas?

O responsable de Unións Agrarias no Deza explica que a situación en Galicia en canto á normativa sobre prevención de lumes forestais no relativo ás instalacións gandeiros é a seguinte:

Granxas feitas a día de hoxe:

1) Con licenza ou legalizadas:

Os propietarios lindantes terán que retranquear a vexetación, medindo dende as paredes da granxa:

-50 metros debe estar libre de plantacións ou bosques de piñeiros, eucaliptos e acacias.

-Dende eses 50 m ata 15 m das paredes da granxa, si pode haber frondosas, como carballos, castiñeiros…. Pero separados os trocos das árbores, cando menos 7 metros entre eles, e o terreo debe estar rozado.

-Nos últimos 15 metros xa non pode haber arborado forestal, e teñen que rozar tamén o mato.

2) Granxas sen licenza ou non legalizadas:

Granxa típica cunha nave que se fixo co ”ti vai facendo” e hoxe non é legal.

As distancias son as mesmas que antes pero o propietario do terreo non ten obriga de retranquear, agás que llo pida o propietario da granxa. Pero nese caso, o propietario da granxa ten que pagarlle o arborado que lle cortan, e ten que ser o propietario da granxa quen todos os anos entre a rozar as parcelas dos veciños, para o cal terá un dereito de paso e servidume para facer exclusivamente esa roza.

Granxas que se fagan no futuro:

Román Santalla explica que as naves das granxas que se fagan no futuro en solo rústico, non se poderán facer como agora, agás que:

– O propietario da granxa sexa tamén propietario dos 50 metros da redor, e nese caso xa se compromete a xestionar á biomasa.

-O propietario da granxa non é o propietario do que hai da redor, pero chega a un acordo cos lindantes para xestionar a biomasa, e xustifícao dalgún xeito (acordo escrito, contrato).

Como conclusión, o responsable de Unións Agrarias alerta de que “esta normativa, en solo rústico, entorpece enormemente a instalación de novas naves, salvo que o promotor da nave controle as parcelas de 50 metros do arredor”.

image_print

Una idea sobre “Advirten de que non é posible manter 50 metros rozados arredor das granxas

  1. stop eucaliptos

    Todo es poñer paos as rodas. En primer lugar a anterior norma non era 25 m eran 30. En segundo Lugar e necesario que estan limpos 50 m polo ben das granxas e polo ben dos servizos de extincion de incendios que ahi moita xente e tamen somos persoas que corremos riscos. Me parece vastante indinante que solo este sindicato que esta unido o LOVI DOS EUCALIPTIZADORES DE este pais, que non apoi esta norma tan necesaria. En vez de poñer paos as rodas que axuden a cumplila.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información