Activan un plan de control do sector do aceite en Galicia

Un convenio entre Medio Rural e o Ministerio permitirá realizar inspeccións en tódolos operadores implicados tanto na produción de aceite como de olivas de mesa

Publicidade
Activan un plan de control do sector do aceite en Galicia

O Diario Oficial de Galicia publicou un convenio de encomenda de xestión entre a Consellería de Medio Rural e o Ministerio de Agricultura centrado en fomentar a calidade e competitividade do sector do aceite en Galicia. Este convenio permite activar un plan de control en tódolos operadores tanto da produción do aceite como de olivas de mesa.

Desta forma, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez autoriza á Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica), do Ministerio de Agricultura, a xestionar e manter os sistemas de información, seguimento e análise dos mercados oleícolas. O convenio tamén permite a análise dos datos recadados e a difusión dos resultados. “O obxectivo é asegurar a veracidade e integridade dos datos co fin de determinar a orixe, destino e características das materias primas e os produtos”, concretan no comunicado da consellería.

A través desta colaboración, a Aica realizará un plan de control en todos aqueles operadores cuxas instalacións se atopen no territorio galego e remitirá as incidencias detectadas á Consellería, que será a encargada de iniciar e instruír os expedientes sancionadores que se poidan derivar destas inspeccións. Dende a órgano galego indican que con este traballo conxunto búscase tamén mellorar o funcionamento e a vertebración da cadea alimentaria, cunha distribución sustentable do valor engadido ao longo dos sectores que a integran. Pretenden conseguir un maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais entre os diferentes operadores do sector.

O mercado oleícola está en auxe en Galicia polo que dende estes dous organismos públicos consideran preciso establecer unha serie de controis que permitan asegurar un correcto funcionamento das industrias. Este método busca tamén ofrecerlle garantías ao propio consumidor, ó contar cunha información completa e eficaz sobre os alimentos e a súa calidade. O convenio ten unha vixencia inicial de dous anos, prorrogable a outros dous.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información