Ábrese o prazo para que os Concellos soliciten rozas bonificadas para os seus veciños

O sistema público de xestión das franxas de protección contra o lume, en torno ós núcleos de poboación, priorizará ós municipios con maiores riscos de incendios. A Xunta calcula que hai 65.000 hectáreas de monte que incumpren a normativa

Ábrese o prazo para que os Concellos soliciten rozas bonificadas para os seus veciños

A normativa obriga a manter afastado piñeiros, eucaliptos e mato das vivendas.

Os Concellos dispoñen desde mañá dun mes de prazo para solicitar a súa incorporación ó sistema público de xestión das franxas de protección contra o lume, en torno ós núcleos de poboación. Aqueles Concellos que vexan a súa solicitude aprobada poderán ofrecerlle ós veciños rozas bonificadas a un prezo de 350 euros por hectárea, unha tarifa moi inferior á do mercado, sobre todo en zonas nas que se precisen traballos manuais. Este ano as rozas iniciaranse no outono e o sistema continuará en próximos anos.

O sistema público de xestión da biomasa, froito dun acordo a tres bandas entre Xunta, Federacion Galega de Municipios e Provincias e a empresa pública Seaga, prevé actuar en 16.000 hectáreas entre o 2018 e o 2021. O obxectivo é axudar aos propietarios particulares a cumprir coas obrigas de prevención de lumes que marca a normativa. A lexislación esixe que en torno a edificacións e núcleos de poboación haxa un perímetro de 50 metros rozado e sen piñeiros nin eucaliptos, unha norma que tivo ata agora escaso cumprimento.

A propia Xunta estima que hai arredor de 65.000 hectáreas nas que se incumpren as obrigas, o que representa a metade das 130.000 hectáreas que a Administración calcula que ocupan as franxas de protección definidas pola normativa.

Os Concellos que se adhiran ó sistema deberán tamén executar de xeito subsidiario as franxas de protección naqueles casos nos que o propietario dun terreo non estea identificado ou se negue a realizar os traballos, pasándolle despois a correspondente sanción e factura polos desbroces.

Concellos prioritarios
Á hora de valorar as solicitudes dos Concellos, a Xunta priorizará ós municipios afectados por grandes incendios no 2017 ou nos 10 anos anteriores, ós Concellos nos que se declarase un lume de nivel 2 (con perigo para núcleos de poboación) na última década; ós que teñan parroquias de alta actividade incendiaria ou estean en zonas de alto risco de lume, e a aqueles municipios costeiros da provincia da Coruña que estean afectados por ventos do nordés. Tamén terán prioridade os Concellos que conten cun plan municipal de prevención de incendios forestais.

En calquera caso, todos os Concellos que se sumen ó sistema comprométense a elaborar un plan de defensa contra incendios, delimitando as franxas secundarias nas que haberá que xestionar a biomasa en torno ós núcleos de poboación.

Solicitudes dos propietarios particulares
Naqueles Concellos que entren no sistema, os propietarios particulares que se queiran beneficiar das rozas bonificadas a 350 euros deberán solicitalas ante o propio Concello, que deberá recibir e remitir esas solicitudes á empresa Seaga para a correspondente formalización de contratos de xestión da biomasa.

4 ideas sobre “Ábrese o prazo para que os Concellos soliciten rozas bonificadas para os seus veciños

    • Gonzalo1977 Autor da publicación

      Remata este luns o prazo de solicitude e despois a Administración deberá seleccionar os Concellos que incorpora ó sistema público de xestión de biomasa. Coñeceranse probablemente de cara ó final deste mes.

      Contestar
    • Gonzalo1977 Autor da publicación

      Polo de agora non están decididos. Informaremos deles en canto se resolva o tema.

      Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información