A Xunta compromete con Promagal melloras na loita contra o gurgullo do eucalipto

A federación de asociacións de propietarios trasládalle a Medio Rural a súa preocupación polo repunte da praga. A Administración ve posible chegar a duplicar a loita biolóxica contra o insecto

A Xunta compromete con Promagal melloras na loita contra o gurgullo do eucalipto

O gurgullo aliméntase da folla do eucalipto e provoca a súa defoliación.

Os propietarios forestais están preocupados polo repunte que detectaron no último ano na praga do gurgullo (Gonipterus platensis Marelli), que provoca serias defoliacións nas plantacións do eucalipto. Así llo trasladou Promagal, a federación que agrupa a unha vintena de asociacións de propietarios do norte autonómico, ó director xeral de Producción Forestal, Tomás Fernández Couto, nunha reunión mantida en Santiago. Couto comprometeuse con Promagal a unha mellora da loita contra o gurgullo, segundo explicou onte tras a reunión o secretario da federación, Óscar Piñón.

Desde Promagal solicitáronlle a Medio Rural unha coordinación do combate contra a praga. A loita céntrase cada ano en soltas primaverais dun parásito, o Anaphes nitens, que se reproduce a través dos depósitos de ovos do gurgullo. A cuestión é que as soltas que fan Administración, propietarios e industrias careceron ata o de agora de coordinación, o que podía levar a duplicación de esforzos sobre a mesma zona ou a que particulares e industrias fixeran soltas en espazos con pouca presenza da praga.

A falta de coordinación levaba a duplicar esforzos na mesma zona ou a facer soltas en espazos con pouca praga

Medio Rural amosouse receptivo á proposta de compartir información e comprometeuse a a unha futura reunión dos correspondentes xefes de distrito forestal con Promagal para coordinar as soltas contra o gonipterus. Outro tema que se abordará no encontro será a coordinación da loita contraincendios, pois as propias asociacións de propietarios contan con medios e persoal adicado no verán a esa tarefa.

Para este ano, a Consellería tamén lle comunicou ós propietarios un aumento do presuposto adicado á loita biolóxica contra o gurgullo, que pasará de 1,5 a 1,7 millóns de euros. De cara ó futuro, a Xunta ve posible duplicar as soltas de Anaphes nitens sen necesidade de aumentar o presuposto, só por medio da optimización da cría do parásito, segundo informaron desde Promagal tras o encontro.

Eucalipto nitens

A afección da praga sobre o eucalipto globulus, maior que sobre o eucalipto nitens, leva nos últimos anos a que aumenten as plantacións de nitens en áreas tradicionais do globulus, como a Mariña lucense. Promagal considera que o ideal sería plantar máis globulus, máis valorado pola industria do papel, pero advirte das dificultades. “Ortigueira, por exemplo, é un sitio excepcional para a plantación de globulus, pero por culpa do gurgullo hai propietarios que se ven obrigados a cambiar a nitens”, sinala Óscar Piñón, tamén responsable de Promaorti.

“Cando non hai outra opción, o eucalipto nitens é atractivo para o propietario e cremos que terá mercado” (Óscar Piñón, Promagal)

“O eucalipto nitens é axeitado para as zonas onde non haxa outra posibilidade. É certo que ten un menor rendemento para pasta de papel e é lóxico que se pague menos, pero aínda así, pola produtividade que acada, é unha opción atractiva para o propietario”, valora Óscar Piñón. Sobre a posible falta de mercado para o nitens nun futuro, Piñón considera que aparecerán compradores. “É unha madeira que noutras zonas úsase sen problemas para pasta de papel, así que pensamos que vai haber mercado para esta madeira”, pronostica.

Mercado de exportación

A preocupación de mercado dos produtores a curto prazo céntrase na falta de alternativas para comercializar a súa madeira, pois na Mariña lucense practicamente o único comprador final é Ence, tras pecharse no 2015 a opción de exportación a Portugal a través dos portos de Foz e Burela. “Agora a vía de exportación queda limitada á comarca de Ferrolterra, a través do porto de Ferrol, e as empresas portuguesas estannos a trasladar que se atopan con dificultades para operar na comarca”, sinala Óscar Piñón, que considera “extrañas” as complicacións que detectan os portugueses para contratar camións e operarios na comarca de Ferrolterra.

Vespa asiática

Outro asunto abordado no encontro con Medio Rural foi a praga da vespa asiática, que preocupa na Mariña pola expansión da praga. “Non é unha cuestión que afecte directamente á explotación forestal pero si resulta unha ameaza para o persoal que traballa no monte e para os propietarios forestais, a parte de ter un gran impacto na apicultura”, valora Óscar Piñón, que viu pouco optimista a Medio Rural sobre as posibilidades dun control eficaz da praga.

Por parte do director xeral de Ordenación e Producción Forestal, Tomás Fernández Couto, tamén se lle trasladou a Promagal unha proposta para que consideren convertir parte das súas asociacións (Promas) en sociedades de fomento forestal (Sofor), unha figura creada por Medio Rural para agrupar a xestión de parcelas particulares. As distintas asociacións terán que valorar pros e contras de tal posibilidade.

Enredo cos permisos de corta

Os propietarios forestais aproveitaron a reunión con Medio Rural para reiterarlle a necesidade de buscar solucións a un problema endémico do sector, as dificultades que hai para solicitar os permisos de corta. “En ocasións hai que pedir as autorizacións ata a catro ou cinco entidades distintas” -explica Óscar Piñón-. Patrimonio, Augas de Galicia cando hai cursos fluviais, Medio Ambiente en zonas de Rede Natura, ou os Concellos que teñan regulada a saca de madeira son algunhas das institucións coas que deben lidiar os propietarios, a parte de Medio Rural.

“Quizais non sexa posible unha ventanilla única para tramitar as cortas, pero si facer máis sinxelo o proceso”

O problema radica na excesiva burocracia e nos elevados prazos que hai que agardar por algúns permisos, “ata 7 meses no caso de Patrimonio”, cuestiona Óscar Piñón. “Quizais non sexa posible crear unha ventanilla única para solicitar as cortas, pero alomenos que os distintos departamentos e as distintas Administracións compartan a información e fagan máis sinxelos os trámites”, pide o secretario de Promagal.

O problema foi abordado tamén este outono no Parlamento, pero polo de agora non hai perspectivas de solución a curto prazo. De feito, Medio Rural transmitiulle a Promagal que se atopaba cos mesmos problemas que eles cando corta os montes que ten conveniados con comunidades de montes veciñais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información