A Xunta abrirá unha liña de axudas para os serradoiros industriais

Aprobada unha partida de 600.000 euros para financiar os investimentos daquelas empresas forestais que traballen máis de 10.000 metros cúbicos de materia prima ó ano

A Xunta abrirá unha liña de axudas para os serradoiros industriais

Gran parte dos serradoiros quedaban fóra das axudas do PDR.

O Consello da Xunta aprobou habilitar unha partida de axudas de 600.000 euros para as empresas forestais que superen os 10.000 metros cúbicos de materia prima empregada ó ano. Con esta liña de subvencións, a Administración autonómica busca apoiar ós serradoiros industriais, que quedaron fóra este ano dos apoios previstos no Plan de Desenvolvemento Rural (PDR 2014-2020) de Galicia.

O problema de fondo no PDR radica en que a normativa da Comisión Europea non prevé axudas para serradoiros que movan máis de 10.000 metros cúbicos de materia prima ó ano, unha situación que preocupa no sector das empresas forestais galegas. A propia conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, abordou esta cuestión na viaxe que realizou a Bruxelas en febreiro.

As empresas forestais confían en que a limitación de 10.000 metros cúbicos para acceder as axudas do PDR se poida resolver de cara a próximos anos, pero entre tanto, recibiron de xeito positivo a nova liña de axudas que vén de habilitar a Xunta con fondos propios para apoiar a aquelas empresas forestais que movan máis de 10.000 metros cúbicos ó ano.

Características
Cada empresa solicitante poderá beneficiarse dunha axuda por importe do 25% dos gastos a afrontar. A axuda elevarase a un 35% no caso de pequenas empresas. A máxima cuantía por solicitante será de 100.000 euros e mediante estes fondos financiaranse investimentos en equipamentos e instalacións, incluida obra civil.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte da publicación da orde de axudas no DOG.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información