A resina faise oco nos piñeirais galegos

As experiencias de resinación iniciadas na comunidade nos últimos anos consolídanse esta primavera e exténdense a novos concellos como Catoira ou Boiro. Créase a Asociación Galega de Resineiros (Arega)

A resina faise oco nos piñeirais galegos

O resinado de piñeiros iníciase en marzo e prolóngase ata o outono. Os pés en resinación deben ter un mínimo de 30 centímetros de diámetro.

O aproveitamento da resina dos piñeiros, unha actividade moi extendida en comunidades como Castilla y León, está a facerse un oco tamén en Galicia. As primeiras experiencias iniciáronse nos últimos anos na comunidade de montes de Mougás (Oia) e en montes de Meis e de Caldas de Reis. Esta campaña, tras os bos resultados de parte dos ensaios, o resinado vai camiño de consolidarse e extenderse a máis concellos como Boiro ou Catoira. Xa hai en Galicia un grupo de persoas que trata de traballar e vivir da resina e vén de constituirse a Asociación Galega de Resineiros (Arega).

A resina natural é un produto con múltiples aplicacións para a industria química (pegamentos, barnices) e tamén para outras como a cosmética ou a alimentaria. A súa demanda e prezos van en aumento a nivel internacional, unhas expectativas que están impulsando a recuperación do seu aproveitamento en España, principalmente en Castilla pero tamén noutras zonas, caso de Galicia, onde xa houbera experiencias resineiras ata os anos noventa en comarcas como Pontevedra ou o Baixo Miño.

“É precisa unha regulación que estableza en Galicia métodos de resinado e épocas de traballo” (Venancio Miñiño, comunidade de Mougás)

Asociación
A nova etapa da resina en Galicia trata de arrancar dun xeito ordeado, de cara a asentar bases sólidas para o futuro. Este mes constituiuse en Oia a Asociación Galega de Resineiros (Arega), un colectivo aberto a comunidades de montes, persoas físicas e empresas que busca impulsar e regular a actividade. “É precisa unha regulación galega do resinado que estableza xeitos de traballo, métodos de resinado e épocas”, valora Venancio Miniño, presidente da comunidade de montes de Mougás (Oia) e un dos impulsores de Arega.

A resinación é unha actividade que, sempre que se faga dun xeito correcto, non causa danos na madeira e resulta compatible coa obtención de pés de calidade para serra. Sen embargo, o descoñecemento do resinado en Galicia adoita xerar reticencias entre as comunidades de montes.

“A principal dificultade é que as comunidades de montes queiran resinar. Hai descoñecemento e, por tanto, desconfianza” (Edgar Fernández, resineiro)


Reticencias

“A principal dificultade que temos é a de conseguir comunidades de montes que queiran resinar. En xeral son reticentes”, explica Edgar Fernández, un resineiro que comezou a traballar o ano pasado en Caldas e que este ano prevé o resinado duns 4.300 piñeiros en tres comunidades de Caldas e noutra de Catoira.

Preparación dun piñeiro para comezar o seu resinado.

Preparación dun piñeiro para comezar o seu resinado.

“Eu mesmo tiven dificultades -lembra Edgar- porque é lóxico que a xente pense que lle pode ocorrer algo ó piñeiro e tampouco te coñecen, pero en canto comezas a traballar nun lugar e as comunidades veciñas ven que non hai problemas, xa miran o tema doutra maneira. É importante tamén ser prudentes e dicirlle a verdade ás comunidades. Se non estamos seguros dalgo, é mellor dicir que non o sabemos”, recomenda.- “A comunidade ten que confiar en ti e manter a confianza. No intre en que un resineiro teña problemas cunha comunidade, repercutirá en todos”.

“A xente pensa que arrisca a súa masa co resinado, cando é o contrario. O resinado aumenta as garantías para o piñeiral” (Xian Santos, resineiro)

Outro resineiro que traballou o ano pasado nos piñeirais de Caldas, Xián Santos, e que este ano repetirá en Caldas e irá tamén a Boiro, comparte a mesma opinión de Edgar: “Hai un descoñecemento do resinado e á xente cústalle abrirse a novas experiencias. Pensan que quizais están arriscando unha masa co resinado, cando a resinación o que fai é mellorala, pois hai máis garantías de que a masa chegue ó turno de corta sen incidencias de lumes. Os resineiros mantemos o monte desbrozado e dámoslle un valor a maiores”, defende.

ferramentas resina

Calidade da madeira
O sector sinala a experiencia de Castilla como proba de que a calidade da madeira non varía co resinado, se ben os resineiros son partidarios tamén de que se fagan estudos a nivel galego. “Temos falado co Centro de Innovación e Servizos da Madeira (CIS Madeira) e están de acordo no interese de investigar na calidade da madeira de pés resinados durante varios anos”, explica Edgar.

Os únicos estudos sobre o resinado en Galicia, segundo os datos do sector, realizáronse en Lourizán hai décadas. Daquela, as conclusións apuntaban que o resinado podería frear o crecemento da árbore arredor dun 18% anual, se ben esa cuestión semella menor para as comunidades de montes.

Desbroces e vixilancia de lumes
“En Galicia temos os crecementos máis altos de Europa” -valora Venancio Miniño, da comunidade de Mougás-. “Para nós o importante da resinación, máis que o beneficio económico que poida aportarlle á comunidade, está en ter a xente traballando que teña o monte limpo e vixilado”, expón. “Se houbese 10 resineiros no monte, pasaría máis tranquilo os veráns”, conclúe Miniño, que enumera de memoria todos os lumes que se rexistraron en comunidades de montes próximas á súa na última década.

“Se houbese 10 resineiros nos nosos montes, pasaría máis tranquilo os veráns” (Venancio Miniño)

Acordos
Os acordos entre as comunidades de montes e os resineiros son variables. O máis habitual é que os resineiros asuman compromisos coma desbroces de monte ou pagos de parte dos ingresos, arredor do 10% anual.

A resina cotizouse o último ano a 1,08 euros o quilo e os ensaios que se fixeron en Galicia en Oia e en Caldas apuntan a que cada piñeiro resinado podería achegarse ós 3 quilos de resina por ano. Tendo en conta que cada resineiro é capaz de manexar uns 5.000 piñeiros, os seus ingresos brutos poden superar os 16.000 euros ó ano.

Asociación de Resineiros de Galicia

O interese pola actividade congregou este mes en Oia a 16 persoas na reunión fundacional da Asociación de Resineiros de Galicia (Arega), aínda que para a primeira asemblea do colectivo, que se prevé para esta primavera, cóntase coa participación de arredor de 40-50 persoas. “Hai xente interesada en comezar a traballar e que está buscando masas para facer ensaios”, explica Xián Santos. “Este ano -pronostica Miniño- quizais poidamos falar de entre 8 e 15 zonas en resinación en Galicia”.

Arega cuestiona as reticencias da Xunta a autorizar o aproveitamento resineiro en zonas de vixilancia do nematodo

De cara ó futuro, Arega valora ofrecer formación para as personas interesadas en comezar a resinar. “É importante que a xente que entre na resinación comece facendo desde o principio un traballo bo e ben feito”, sinala Xián.

Outra cuestión que preocupa á asociación son as reticencias da Xunta a autorizar o aproveitamento resineiro nas zonas de vixilancia do nematodo, preto da fronteira de Portugal. “O nematodo é un problema que non ten cura” -analiza Venancio.- “O único xeito de frear a súa expansión é mediante a eliminación dos pés decaidos e a mellor vía para localizar eses pés é tendo xente que traballe o monte, polo que o resinado pensamos que sería positivo para a prevención do nematodo”, valora.

As persoas interesadas en contactar coa Asociación de Resineiros de Galicia poden facelo no correo electrónico arega16@hotmail.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información