A política contraincendios, foco de discrepancias entre Xunta e sector forestal

Colectivos de propietarios forestais e empresas demandan participar na planificación da loita contra os lumes. Cuestionan os máis de 100 millóns de euros que custa o dispositivo de extinción cada campaña

A política contraincendios, foco de discrepancias entre Xunta e sector forestal

Reunión do Consello Forestal.

O Consello Forestal, órgano consultivo da Administración autonómica que agrupa a colectivos de propietarios forestais e de empresas do sector, deu un golpe enriba da mesa para demandar voz e voto na política contraincendios da Xunta. Na reunión do Consello Forestal mantida onte, na que Medio Rural presentou o Plan contra os Incendios Forestais 2015 (Pladiga), boa parte das organizacións participantes emprazaron á Xunta a contar co sector para deseñar os plans contra o lume. Este encontro do Consello foi o primeiro sen a participación de Confemadera Galicia, a principal patronal de empresas forestais, que rachou o diálogo coa Xunta hai un par de meses.

O malestar dos colectivos do monte enraíza nunha cuestión de fondo, o alto consumo de cartos públicos que esixen ano a ano, desde 1989, os dispositivos contraincendios en Galicia. Para esta campaña, só os fondos directos destinados á loita contraincendios rondan os 108 millóns de euros, segundo as cifras que manexan as organizacións de propietarios.

O malestar enraíza nunha cuestión de fondo, os cartos públicos que se leva o lume ano a ano desde 1989

O sector forestal é consciente de que, chegado xuño, non queda outra que desplegar o operativo de extinción que sexa preciso, pero quere cambios de cara a próximas campañas, de xeito que a prevención e os investimentos produtivos no monte gañen peso. “Levamos 25 anos con estas políticas, cun consumo de fondos públicos inxentes que se poderían adicar a outras cuestións”, critican desde os colectivos de propietarios forestais.

O gasto anual no dispositivo contraincendios equivale ós fondos públicos que se invisten cada exercicio no desenvolvemento rural, segundo os cálculos do sector, unha situación que propietarios forestais e empresas entenden que non debe continuar así. O Consello Forestal demandou de Medio Rural unha reunión tras a campaña de incendios para facer unha avaliación do gasto e dos resultados, sacar conclusións e deseñar propostas de mellora. “Agora temos políticas contraincendios de feitos consumados nas que non temos voz nin voto. O que queremos é participar no deseño das políticas. Se somos un órgano consultivo, debemos actuar como tal, con eficiencia”, sinalan fontes do Consello Forestal.

O conxunto do sector ten previsto remitirlle un escrito a Medio Rural para solicitar un cambio de ciclo. Demanda da Consellería maior transparencia e información, así coma unha maior participación.

O Pladiga mantén a catalogación de 79 parroquias como de alta actividade incendiaria

Pladiga 2015
A Administración, pola súa banda, presentou no Consello Forestal o dispositivo contraincendios deseñado para este ano, similar ó do 2014, con máis de 5.600 efectivos directos na loita contraincendios, que superan os 7.000 se se teñen en conta ós membros do Exército e das forzas de seguridade que poden ser mobilizados en caso de necesidade.

No plan mantéñense as 79 parroquias de alta actividade incendiaria xa catalogadas no 2014 como tal pola reiteración dos lumes ou pola virulencia dos mesmos. Sobre estas parroquias, haberá un seguemento exhaustivo das actividades desenvolvidas no territorio.

Pode descargarse neste enlace o Pladiga 2015.

Medio Rural aclarou como se deben reinvestir nos montes veciñais parte dos ingresos obtidos da actividade forestal

Reinvestimentos nos montes veciñais
A Consellería de Medio Rural presentou tamén no Consello Forestal un borrador de decreto que establece como se deben de reinvestir no monte parte dos ingresos xerados pola actividade forestal nos montes veciñais. A normativa vixente establece que o 40% dos ingresos deben volver ó monte. Co decreto que prepara a Xunta, clarificaranse as actividades nas que poderá repercutir ese gasto.

O secretario xeral de Montes, Tomás Fernández Couto, destacou que o reinvestimento débese facer en aspectos que redunden na posta en produción e conservación da superficie forestal, tales como proxectos de ordenamento, deslindes ou traballos forestais. Non poderán computarse, por tanto, “obras de interese xeral”, como accesos a núcleos de poboación ou obras en edificios parroquiais (casas da cultura, capelas, etc.).

O sector forestal disporá dun mes de prazo para a presentación de alegacións.

Acordo na loita contra a avespa do castiñeiro

Outro dos asuntos de calado que se abordou no Consello Forestal foi a loita contra a avespa do castiñeiro, unha praga que entrou en Galicia o ano pasado e que preocupa ó sector polos danos que pode ocasionar tanto nos castiñeiros como sobre a produción de castaña. O único medio de combatir a avespa pasa pola solta dun insecto parasitoide, o Torymus sinensis, do que o Ministerio só autorizou polo de agora soltas experimentais.

Os colectivos participantes no Consello Forestal e a Administración están de acordo en demandar do Ministerio a autorización inmediata das soltas masivas do Torymus sinensis, habida conta de que xa se está a utilizar de xeito masivo e sen problemas en países veciños. A conselleira, Rosa Quintana, entregaralle persoalmente unha carta ó respecto á ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, segundo indicaron fontes do Consello Forestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información