A mellora xenética abre novas perspectivas para o eucalipto nitens

Bosques 2000, unha filial da papeleira cántabra Sniace, logra aumentar a densidade da madeira ata un 15 por cento. A mellora reduce a diferenza de rendemento co globulus na industria do papel

A mellora xenética abre novas perspectivas para o eucalipto nitens

Carlos Tejedor, na súa intervención nun seminario en Viveiro. / Imaxe: Cose.

O eucalipto nitens ten menor interese para a industria do papel que o eucalipto globulus polo seu menor rendemento. Para obter unha tonelada de pasta de papel, precísanse 3,7 metros cúbicos de nitens, en tanto que co globulus son suficientes 2,9 metros cúbicos. Esa diferenza, debida en boa medida á menor densidade do nitens, estase a recortar. Bosques 2000, unha filial da papeleira cántabra Sniace, xa comercializa plantas de nitens melloradas cun 7 por cento máis de densidade que as convencionais.

De cara ó futuro, os aumentos de densidade na planta comercial de nitens chegarán ó 15 por cento, segundo detallou Carlos Tejedor, de Bosques 2000, nunha recente intervención nun seminario organizado en Viveiro pola Asociación Forestal de Galicia e a Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (Cose). A firma cántabra, cuxa industria matriz está en proceso de reapertura, xa implantou hortos sementeiros de nitens que logran esa mellora do 15 por cento en densidade. “Achegarémonos moito á densidade do globulus”, pronostica Tejedor.

O nitens mellorado tamén rebrota tras corta, aínda que con menor vigor que o globulus

A planta, froito da mellora xenética, é tamén resistente á Mycosphaerella, unha enfermidade que defolía as follas xuvenís. Presenta ademais a singularidade de que rebrota tras corta, o que non fan as plantas convencionais de nitens, se ben os rebrotes non son tan vigorosos como no caso do globulus.

Cultivo de nitens en Galicia
O eucalipto nitens expandiuse nos últimos anos en Galicia pola súa maior resistencia á praga do gurgullo, un problema que causa un serio impacto nas plantacións de globulus. A maior resistencia do nitens á altitude, por riba dos 400 metros, onde o globulus non prospera, está a levar tamén á implantación de nitens en áreas que non eran tradicionais de eucalipto.

A expansión do actual nitens presenta incógnitas. Ence prefire o globulus polo seu rendemento e calidade

A expansión actual do nitens, sen embargo, presenta incógnitas de mercado. Ence, o principal consumidor de eucalipto en Galicia, utiliza na actualidade máis dun 90% de madeira de globulus e só entre un 5-10 % de nitens, unha tendencia que quere manter de cara ó futuro. A compañía xustifícao no menor rendemento da madeira de nitens e tamén nunha menor calidade da pasta resultante.

Perspectivas de mercado
As expectativas de parte do sector forestal, sen embargo, pasan porque Ence asuma un maior consumo de eucalipto nitens. Os investimentos planificados pola compañía ata o 2020 para aumentar en arredor dun 20 por cento a capacidade de produción das factorías de Navia (Asturias) e de Pontevedra semellan apuntar cara esa posibilidade.

Os aumentos previstos da capacidade produtiva de Ence apuntan a que o seu consumo de nitens medrará

Co actual escenario de plantacións de eucalipto, con gran peso do nitens, o sector cuestiona que Ence poida continuar aprovisionándose no futuro case en exclusiva de eucalipto globulus, pois asegurarse ese suministro semella complicado.

Ence tamén ten prevista a adquisición de eucalipto nitens co obxectivo de comercializalo en estelas para instalacións de biomasa. As cantidades de eucalipto que poida absorber para ese mercado e os prezos que abonará pola madeira para biomasa son polo de agora unha incógnita.

A compañía tamén creará tres plantas para estelar madeira de nitens e de piñeiro con destino a instalacións de biomasa

Alta produtividade
O eucalipto nitens sufriu o pasado ano unha baixada significativa de prezos, se ben para o propietario continúa a ser unha especie de interese pola súa alta produtividade. As plantacións de nitens medran en Galicia a un ritmo medio de 30 metros cúbicos por hectárea e ano, en tanto o globulus quédase en 17 metros cúbicos.

“Se nun país como Chile, onde a produtividade de globulus e nitens está moito máis próxima, 25 metros cúbicos o globulus e 30 o nitens, plantar nitens segue a ser rendible, como non o vai ser en Galicia?”, pregúntase Tejedor. A mellora xenética do nitens abre ademais novas perspectivas para as plantacións futuras coa especie.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información