‘Contract’ made in Galicia, o paradoxo do mobiliario que triunfa con madeiras importadas

O sector da segunda transformación da madeira está a gañar pulo na comunidade, aínda que en boa medida utiliza materia prima que merca do exterior

‘Contract’ made in Galicia, o paradoxo do mobiliario que triunfa con madeiras importadas

Un dos proxectos de contract realizado pola empresa galega Tattoo Contract.

O ‘contract’, un sector no que se integran empresas de mobiliario e interiorismo especializadas no abastecemento a cadeas de tendas e hoteis, experimentou un forte crecemento en Galicia nos últimos anos. As súas últimas cifras, do 2017, amosan unha facturación de 300 millóns de euros, o que representa un 60% do total da segunda transformación de madeira na comunidade. Sendo Galicia unha potencia forestal, sería esperable que o ‘contract’ galego se suministrase de xeito maioritario de madeira galega, pero é iso así?

Para abordar esta cuestión, contactamos con empresas de ‘contract’, con firmas de distribución de madeira e co sector da transformación de madeira. A conclusión é que boa parte da madeira que empregan as empresas de ‘contract’ é de importación. É certo que Galicia está a exportar gran cantidade de madeira maciza, taboleiro e moble, pero España aínda importa máis madeira da que exporta e Galicia recibe parte desas importacións.

“Galicia é a primeira comunidade en exportación de madeira, pero seguimos importando. Para cambiar iso, hai que mudar a xestión forestal” (Elier Ojea, Fearmaga)

“Aínda que Galicia sexa a primeira comunidade en exportacións de España, seguimos importando madeira. Para conseguir reducir iso, hai que ter unha xestión forestal que nolo permita”, valora o presidente da Federación de Aserradoiros e Rematantes de Galicia (Fearmaga), Elier Ojea.

Calidade e cantidade
Unha das principais eivas que está a limitar o emprego de madeira galega en maior medida por parte do ‘contract’ débese a que “ás veces temos que facer verdadeiros esforzos para satisfacer a calidade que nos están a solicitar”, xustifica Ojea, que incide no impacto de factores coma os incendios forestais das últimas décadas. “Recuperar iso é unha labor ardua, sobre todo naquelas especies de ciclos longos”, advirte Ojea.

A calidade da madeira galega vese condicionada tamén en parte pola falta de profesionalización dos propietarios forestais, en especial nas madeiras como o castiñeiro ou o carballo, argumentan distintas empresas de distribución de madeira contactadas por Campo Galego.

“O minifundio condiciona a produción forestal e determina unha falta de continuidade no abastecemento” (Fearmaga)

Dende a patronal da madeira apuntan que é preciso incentivar con medidas fiscais ós produtores para que opten por madeiras de ciclos longos e non só por plantacións forestais de ciclos curtos, como o piñeiro ou o eucalipto. Insisten en que o minifundismo do rural galego está a ser condicionante na produción forestal variada e determina unha falta de continuidade no abastecemento. “Aínda que teñamos demanda de madeiras galegas, moitas veces non somos capaces de ofrecer un subministro continuado, o que fai que se escollan outras madeiras e mercados”, explica Ojea.

“Non son partidario de priorizar unhas especies sobre outras, pero temos a oportunidade de apostar por un monte diverso que nos permita contar con madeira de calidade e en cantidade suficiente para abastecer de xeito continuado a demanda”, conclúe o presidente de Fearmaga.

Carballos-frondosas-

Calidade da madeira galega

Demanda de madeira
O contract galego abastécese na súa maioría de madeiras de importación. Madeiras de carballo de importación ou de teca centran boa parte das demandas. Tamén a madeira de faia é unhas das que máis se emprega, dado que é unha madeira branda, fácil de colorear e de aplicar tratamentos nela, polo que é moi apreciada no contract.

O ‘contract’ galego emprega de xeito habitual carballos de importación, teca, faia ou abetos”

O uso de madeira maciza resérvase, en boa medida, para aquelas partes máis estruturais. É aquí onde se empregan madeiras como o pino roxo ou o abeto.

En madeiras galegas, o piñeiro, sobre todo o presente en madeiras técnicas (taboleiros de aglomerado, MDF, etc.), elaboradas con piñeiro de trituración, é o máis utilizado. En ocasións, o piñeiro do país é tamén empregado en partes visibles onde se procura unha estética de cortes industriais e onde comparte protagonismo con acabados de formigón. Exemplo disto é que recentemente a cadea téxtil galega máis internacional empregou o piñeiro galego nos seus escaparates, aínda que dun xeito puntual.

O piñeiro galego e as madeiras técnicas, elaboradas con piñeiro de trituración, tamén teñen uso destacado no sector

Potenciar o piñeiro de calidade
Na liña de potenciar o piñeiro de calidade, a cadea galega da madeira está a facer esforzos pola recuperación da produción de piñeiro en Galicia. Conta dilo dá o acordo que hai uns meses asinaron medio cento de entidades para fomentar a obtención de madeira recta, sen nós e apta para usos industriais de alto valor engadido.

Xunto ó piñeiro, outras madeiras galegas demandadas son as de castiñeiro ou carballo, pero en menor medida e empregadas para acabados, polo que se utilizan cantidades máis reducidas. Tamén se demandan madeiras galegas como a de cerdeira ou puntualmente madeira de freixo, pola súa semellanza coa madeira de castiñeiro pero cunha rentabilidade máis alta, apúntase dende o sector. O bidueiro ou o buxo son outras das madeiras galegas requiridas puntualmente para algúns dos proxectos persoalizados do ‘contract’, se ben a oferta é limitada.

Un sector adaptado ás esixencias do mercado internacional

O contract é, ante todo, un sector adaptado a responder ás necesidades e esixencias do cliente, como coinciden en destacar dende distintas empresas. “Sempre estamos variando os materiais que empregamos, adaptándonos ó que nos demandan. Todo é moi personalizado, feito peza a peza”, apuntan dende Tattoo Contract, unha das firmas máis destacadas do sector, que opera dende A Coruña para destacadas empresas nacionais e internacionais. Isto implica que tamén exista un amplo abano de solucións a base de madeira das que botan man as empresas.

Neste sector, a madeira maciza, propia da carpintería máis tradicional, está cada vez máis en desuso. No seu lugar, o ‘contract’ opta por solucións derivadas da madeira, como son os rechapados, aglomerados, as melaminas, os laminados de alta presión (HPL) ou as solucións integrais, que poden incluír vidro, metacrilato ou ferro, entre outros materiais.

Evolución da industria de serrado
A industria de transformación galega evolucionou nos últimos anos para ofrecer os produtos madeireiros que se demandan desde as empresas de segunda transformación. “Moitos serradoiros están ofrecendo xa estas solucións que piden dende o ‘contract’. É moi importante atender as demandas que teñen, dado que é unha maneira de estar ofrecendo unha segunda transformación á madeira, o que aumenta e xera un valor engadido ós nosos produtos”, destaca Elier Ojea, presidente da Federación de Serradoiros e Rematantes de Galicia (Fearmaga), a patronal galega da madeira.

Desde as empresas de mobiliario recoñecen tamén ese esforzo das firmas de primeira transformación. “No contract manéxase unha oferta ampla e de calidade e sempre xorden cousas novas, pero estase vendo o esforzo da industria por ter ou conseguir o que se pide”, explican dende Muebles Hermida, outra empresa galega que traballa puntualmente no sector do ‘contract’.

Ojea tamén destaca o “importante esforzo que están a facer os serradoiros, que son micropemes e que están procurando adaptarse a estas demandas, que implican novas tecnoloxías e maquinaria”, sinala. En Galicia, contabilízanse uns 600 serradoiros, segundo apuntan dende Fearmaga, pero a penas algo máis de medio cento están a ser realmente competitivos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información