A introdución do cable sintético reduce a dureza dos traballos forestais

As cordas de polietileno pesan ata dez veces menos que as mallas de aceiro, o que permite incrementar a cantidade de madeira extraída cun menor esforzo dos traballadores, segundo conclúe un estudo do Centro Tecnológico y Forestal de la Madera de Asturias (Cetemas)

A introdución do cable sintético reduce a dureza dos traballos forestais

Extracción de madeira cun cable sintético montado nun bulldozer. / Imaxes: Cetemas.

Os aproveitamentos forestais en condicións de fortes pendentes aumentan a dificultade do traballo de extracción da madeira ata niveis que rozan a tipificación de “penosidade laboral”, segundo a valoración de Juan Majada, director do Centro Tecnológico y Forestal de la Madera de Asturias (Cetemas). Un elemento que está a contribuir a reducir esa penosidade da saca de madeira é a introdución do cable sintético en sustitución do cable de aceiro.

A corda sintética de polietileno presenta a vantaxe de que pesa ata dez veces menos que o cable de aceiro, co engadido de que é flexible e ten un manexo máis fácil polo operario. Esas características redundan nun menor esforzo do traballador, medido en parámetros como pulsacións por minuto, forza aplicada ou gasto enerxético.

“En condicións de montaña, co cable sintético invístese ata a metade de tempo nun mesmo traballo de desembosque” (Juan Majada)

Outra vantaxe é a maior produtividade dos traballos de extracción da madeira. “En condicións de montaña, co cable sintético invístese ata a metade de tempo para un mesmo traballo de desembosque”, detalla Juan Majada, que presentou recentemente na feira Galiforest as conclusións dun estudo do Cetemas ó respecto.

Ensaios
O Centro, en colaboración con Maderas Siero, comparou os tempos de saca da madeira con cable de aceiro e con cable sintético en dous montes dos municipios de Pravia e de Teverga. En ambos os dous casos tratábase de cortar e sacar do monte castiñeiros de 40 anos en pendentes de entre un 55 e un 77% (entre 30º e 45º de pendente, aproximadamente). De cada ensaio fixéronse tres repeticións cronometradas. O resultado, traballando co cable sintético extráense 7,63 metros cúbicos por hora, en tanto que co cable de aceiro extráense 6,78 metros cúbicos.

Desembosque con cable sintético.

Desembosque con cable sintético.

Extrapolando o resultado a unha xornada laboral, co cable sintético obtense a saca a maiores de 6,8 metros cúbicos por día. “Redúcese o tempo de saca da madeira, o que permite máis ciclos de traballo”- explica Juan Majada.- “É un factor a ter en conta, pois en pouco tempo pódese amortizar o custo a maiores que representa o cable sintético”, valora.

Desvantaxes
A principal desvantaxe da corda de polietileno radica precisamente no seu maior prezo, entre 3 e 4 veces maior ó do cable de aceiro. Outro aspecto negativo a ter en conta é a menor durabilidade do cable sintético.

Con todo, en Asturias, segundo indican desde o Cetemas, xa se xeneralizou o uso da corda de polietileno na maioría dos traballos de saca, a excepción dos aproveitamentos de eucalipto. O cable sintético, segundo destaca Majada, ten unha “gran resistencia e capacidade de arrastre”. Existen no mercado anchos de entre 8 e 20 milímetros, non sendo precisos os maiores para arrastres de pequenas tonelaxes.

Un estudo en Cataluña salienta a valoración positiva da corda de polietileno por parte dos operarios forestais

O Consorci Forestal de Catalunya (CFC) vén de facer tamén ensaios comparativos para valorar as melloras de confort que representa a corda de polietileno para os traballadores, pois en Cataluña aínda é habitual o uso de tractores con cabrestante de aceiro para a extracción da madeira. Josep Tusell, responsable técnico do CFC, analizou nun artigo os pros e contras do cable sintético e resumiu as conclusións do estudo do Consorci.
Valoracións previas
En xeral, con independencia das probas realizadas, Tusell considera que as principais vantaxes do cable sintético sobre o de aceiro son as seguintes:
– Boa resistencia cunha maior lixeireza.
– Menor risco de feridas, pois ó ser un tecido non ten os característicos pinchos do cable de aceiro.
– Menor risco do efecto látigo
– Facilidade de manobra e enrolamento no tambor.
– Posibilidade de reparación a pé de monte nun máximo de 5 minutos.

Tambor de cable sintético.

Tambor de cable sintético.

Como principais desvantaxes, Tusell cita:
– Maior sensibilidade ó rozamento con pedras.
– Facilidade de ser cortado con obxectos cortantes.
– Prezo elevado.
– Problemas en posibles exposicións ó lume.

Características dos ensaios
As experiencias de campo do CFC centráronse nun estudo comparativo cable de aceiro-cable sintético, unha proba que se desenvolveu durante 2 semanas, e na valoración durante 2 meses da ergonomía e rendemento do cable sintético. Os ensaios realizáronse coa mesma cuadrilla de operarios, de catro persoas, que foi formada previamente no uso do cable sintético.

Para as probas, montouse un cable sintético nun cabrestante Ventura acoplado a un tractor agrícola adaptado da marca Massey Fergusson modelo MF 4255 de 95 cabalos. O cable sintético utilizado foi de Hércules Cordelería e o modelo usado foi o Dynema forestal de 12 milímetros, cunha lonxitude inicial de 100 metros. Os traballos de extracción realizáronse con aziñeiras, faias, castiñeiros e piñeiro radiata.

Conclusións
Unha das conclusións claras do estudo extráese da valoración dos operarios, ós que se lles fixo unha enquisa individual ó remate dos ensaios e se lles pediu que valorasen entre 1 (nada) e 5 (moito) os seguintes aspectos:

– Mellora do confort no traballo: 5
– Reducción do cansancio muscular e do esforzo: 5
– Facilidade en subir / baixar a corda: 5 / 3
– Facilidade no uso da corda: 4
– Reducción de feridas nas mans: 5
– Reducción do efecto látigo: 3
– Mellora do enrolamento no tambor: 4
– Reducción de danos en árbores en pé: 4
– Importancia do custo do material: 5

En canto ó rendemento na extracción da madeira, no estudo catalán non se atoparon vantaxes para o cable sintético. De feito, mesmo a extracción foi lixeiramente maior co cable de aceiro, se ben Tussell (CFC) valora que esa circunstancia pode deberse á carencia inicial de práctica e de confianza no uso do cable sintético. Esa falta de confianza tradúcese en agrupar menores volumes de madeira para a súa extracción, se ben os traballadores amosáronse satisfeitos do rendemento do novo material.

Empalme en monte dun cable.

Empalme en monte dun cable.

O traballo coa corda de polietileno presentou escasos problemas de rotura, cunha media dunha rotura ó día na parte terminal, entre os 0,5 e os 5 metros, a que presenta maiores rozamentos. Ó remate da experiencia de 2 meses, logo de extraidas arredor de 700 toneladas de madeira, dos 100 metros iniciais de cable sintético quedaban 45 útiles.

Entre as conclusións do estudo, Tusell suxire a utilización dun dobre tambor, un sintético e outro de aceiro para terreos pedregosos, co obxectivo de alongar a vida do cable sintético.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información